O Bloque Nacionalista Galego denunciou na comisión 3º, Economía, Facenda e Orzamento a situación das traballadoras do grupo Inditex que están en folga para a mellora das súas condicións laborais e instou á Xunta a fixar de xeito inmediato unha reunión entre o conselleiro de Emprego e a representación legal das traballadoras das tendas do grupo Inditex na provincia da Coruña e ofrecer o marco do Consello Galego de Relacións Laborais como foro idóneo para resolver o conflito e acadar un acordo entre as dúas partes.
“Manifestamos o noso máximo respecto pola autonomía das partes neste proceso de negociación colectiva ou en calquera outro, mais isto non implica que o goberno galego non deba ou non poida, en exercicio das súas competencias en materia de relacións laborais, interesarse pola situación e polas causas do conflito” destacou o deputado Mon Fernández.
O portavoz de Emprego do BNG fixo fincapé na atención e protección que debería haber por parte do goberno competente, por unha banda a igualdade de xénero, e por outra o dereito á negociación colectiva.
Trátase dun colectivo de ao redor de 1.300 persoas na provincia da Coruña, polo tanto dun colectivo cuantitativamente importante, e constituído moi maioritariamente por mulleres, que levan xa varios anos significándose na reivindicación de mellores condicións salariais e sociais para equipararse coas condicións das que xa gozan outros colectivos da empresa de idénticas categorías, como o do almacén, que están constituídos maioritariamente por homes.
O deputado nacionalista salientou que, “malia importancia deste traballo e do feito de seren a “cara” do grupo Inditex diante de toda as súa clientela”, as dependentas das tendas son as que reciben os salarios máis baixos dentro do grupo téxtil, “o que significa un agravio comparativo nomeadamente co resto de persoal que con idénticas categorías presta servizos para o Grupo Inditex na provincia da Coruña”.
Estes feitos fan que a constitución deste foro provincial no que negociar unhas condicións propias, tanto salariais como sociais, sexa considerado un gran avance pola parte social. Pola contra o deputado nacionalista sinalou que a dirección do grupo “leva varios anos procurando extinguilo”, e para iso un dos mecanismos dos que bota man “é o traslado das negociacións a unha mesa estatal na que a presentación legal das traballadoras da provincia da Coruña fica diluída e minorizada”.
Fernández apuntou que “a promoción e defensa dun marco galego de relacións laborais”, que debera ser un dos obxectivos da Xunta de Galiza, “xoga a favor de mellores salarios e mellores condicións de traballo, o que tamén debera ser un dos obxectivos xerais ou transversais de toda a política do goberno galego”.
O BNG sinala como unha das vías de compensación social, “non a única, pero si unha das máis evidentes e directas”, é ofrecer unhas boas condicións salariais e sociais para o seu persoal traballador. “Non queremos dicir que por esta vía poidan chegar a compensar na súa totalidade a perda económica e social que significa para o país a perda de todos eses pequenos comercios, mais insistimos en que se por algunha vía e en algunha medida poden compensalo será a través dunhas boas condicións salariais e sociais para o seu cadro de persoal”.
A proposición non de lei presentada polo BNG instando á Xunta do PP a fixar de xeito inmediato unha reunión entre o conselleiro de Emprego e a representación legal das traballadoras das tendas do grupo Inditex na provincia da Coruña e ofrecer o marco do Consello Galego de Relacións Laborais como foro idóneo para resolver o conflito e acadar un acordo entre as dúas partes, non saíu adiante cos votos en contra do Partido Popular.