parlamento galego

BNG acada un acordo no Parlamento para que o Goberno do Estado inicie as obras contra o deterioro dos edificios do Centro Oceanográfico de Vigo

Carmela González
Carmela González

A iniciativa do BNG aprobada en comisión,  tamén reclama a transferencia  do Instituto Español de Oceanografía en Galiza e que sexa  asumido pola Xunta

Carmela González afeou a abstención do PSdG e pediu a PP e PSOE “que se planten” e poñan por diante os intereses de Galiza fronte aos de  Génova e Ferraz

O BNG acadou un acordo na Comisión de Pesca e Marisqueo celebrada no Parlamento galego para demandar  do Goberno do Estado  as accións, obras, melloras e investimentos necesarios para paliar as graves deficiencias dos edificios do Centro Oceanográfico de Vigo, ante os nulos investimentos e falta de mantemento durante anos.

A  proposición non de lei defendida pola deputada do BNG, Carmela González e aprobada co apoio do Partido popular e abstención do PSOE, tamén inclúe reclamar ao Goberno do Estado, iniciar o procedemento para o traspaso de competencias da totalidade da xestión económico administrativa dos centros do Instituto Español de
Oceanografía en Galiza e seren asumidos pola  estrutura da propia Xunta.

Tras a intervención da portavoz socialista, Patricia Otero, a deputada do BNG cualificou os argumentos de “papelón” para defender ao goberno do Estado sobre todo, dixo,  despois da pregunta formulada polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego e a  resposta do Ministerio na que non aparece a cantidade de 5 M€ consignada para  acometer as obras necesarias, a resposta, dixo a deputada do BNG tivo lugar o 27 de de marzo d 2023. “Nada planificado nin previsto para o edificio do IEO”, reiterou. Ante esta resposta,  engadiu Carmela González, o BNG presentou dúas emendas ao orzamentos Xerais do Estado do 2023 para o acondicionamento do  Centro oceanográfico de Vigo por un valor de 2 millóns de euros  e 300 mil euros para unha ampliación da infraestrutura, ambas emendas “foron rexeitadas”. Nin van a facelo, nin teñen previsto facer nada e agora vostede na súa intervención afirma que o maior interese  do goberno é que os centros funcionen, “a nós tamén nos interesa que funcionen ” e por iso reclamamos a “transferencia” porque está claro que co goberno do Estado “non funcionan”.

En Galiza, remarcou a deputada, coñecemos a realidade do sector e do mar e o racional é que dende Galiza poidamos xestionar este organismo. A deputada insistiu en que o IEO debe funcionar ao cen por cen porque o sector pesqueiro precisa deste referente en “caladoiros, especies, investigación en acuicultura e todos os campos vinculados ao mar”. De aí, que dende o BNG reclamemos o funcionamento do centro oceanográfico de Vigo e de Coruña.

O Centro Oceanográfico de Vigo en permanente deterioro

O centro Oceanográfico de Vigo, denunciou  a nacionalista, “cae a cachos” e con grandes deficiencias nas instalacións e hoxe,  vostedes dixo, dirixíndose aos membros do partido socialista, teñen a oportunidade de sumarse ás nosas demandas e non se preocupen polo PSOE en Vigo porque nesta cidade non se presenta, “non temos candidatura, hai un señor que se chama Abel Caballero que vai sen siglas e o seu voto afirmativo hoxe non vai repercutir negativamente ao PSOE”. En Vigo, o Partido socialista non vai a perder votos e de ser así os perderá Abel Caballero que aínda non sabemos por quen se presenta, ironizou.

Carmela González lembrou que o centro Oceanográfico de Vigo foi inaugurado en 1986  e instalado en Cabo Estai. Sabemos que o achegamento ao mar  de calquera edifico provoca un grande deterioro nas súas instalacións e neste caso concreto, un informe externo constata graves deficiencias localizadas sobre todo na planta de cultivos. “O edifico cae por erros na súa construción pero sobre todo por falta de mantemento”.

As traballadoras e traballadores se ven obrigados a utilizar casco e as  campás extractoras non funcionan. Unha primeira solución foi o traslado do persoal a outros organismos  o que está a provocar a “parálise  investigadora” dun centro referente para o sector pesqueiro galego polos seus estudos científicos que garanten unha pesca sostible e converten ao sector en estratéxico para o mar e economía galega.

Non temos constancia, por parte do goberno do Estado dos prazos e investimentos para a mellora das instalacións, e a día de hoxe, o Ministerio de Ciencia e Innovación non ten “ningunha intención” sobre a reforma e recuperación do  edificio en Vigo. Por outra parte, dende o BNG tamén nos gustaría coñecer que xestións  realizadas pola Xunta  porque “por agora nin está nin a esperamos”. Descoñecemos se a conselleira do Mar se reuniu co Ministerio porque a actual situación do centro “é grave”.

Carmela González insistiu na importancia para a frota galega poder contar cun centro das características do Oceanográfico de Vigo polo que amosou a súa confianza en que o acordo acadado hoxe no Parlamento, a pesar da abstención do Partido socialista , “non fique en papel mollado” e o centro poida ser recuperado e o Goberno do Estado atenda a reclamación da transferencia dos centros do IEO para Galiza e pasen a formar parte da estrutura da Xunta. Esta reclamación xa foi aprobada en catro ocasións, agora fai falta “vontade política” do PP e PSOE en Galiza “para esixirlle aos seus partidos en Madrid que respecten o que vota o Parlamento galego”.

Pídolles ao Partido popular e ao Partido socialista “que se planten” e poñan por diante os intereses de Galiza fronte aos de  Génova e Ferraz, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG