BNG acada un acordo no Parlamento para esixir a Monbus cumprir as condicións do contrato coa Xunta no transporte público na comarca do Barbanza

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez instou á Xunta a interpoñer as sancións oportunas á empresa polo incumprimento do contrato e demandou mellorar a información ao público sobre os horarios en todas as marquesiñas e paradas nas distintas localidades

BNG propuxo no Parlamento galego avaliar os múltiples e importantes problemas que se están a rexistrar no transporte público da comarca do Barbanza e adoptar todas as medidas oportunas que garantan o cumprimento das condicións do contrato de  Monbus coa Xunta.

A proposición non de lei, defendida pola deputada, Rosana Pérez, foi aprobada por unanimidade e incluía entre os seus puntos, interpoñer as sancións oportunas polo incumprimento das irregularidades detectadas no servizo de transporte  e reclamar  a Monbus  que mellore a información ao público cos horarios en todas as marquesiñas en paradas nas distintas localidades.

O acordo insta á Xunta a trasladar todos os problemas detectados á empresa  Monbus e  obrigala a  cumprir cos “horarios e  condicións do contrato, garantir a atención ao público de maneira  presencial e resolver todos os problemas que se lle trasladen, así como os rexistrados nos concellos da Mancomunidade Arousa Norte”.

Na súa intervención, a nacionalista tamén se referiu ás dificultades das persoas usuarias do transporte público á hora de utilizar o servizo na súa conexión co Santiago e puxo como exemplo as liñas entre Ribeira-Santiago con unha única parada final na estación intermodal de Compostela mentres que a conexión de Noia-Santiago conta con dúas paradas, Fontiñas e San Caetano. A deputada explicou que a parada na intermodal ocasiona problemas ás usuarias polo que hai algunhas que se trasladan dende Boiro a Noia para optar as dúas paradas en Santiago.

Rosana Pérez afirmou que non estamos ante un caso puntual e denunciou que os sábados non existe liña de transporte público entre Ribeira e Santiago. Por outro lado, os traballadores e traballadoras e estudantes da comarca son os máis prexudicados polas deficiencias no transporte.

A xuízo da deputada, o acordo unánime acadado na Comisión de Ordenación Territorial e Servizos é “un primeiro paso” para tentar resolver as eivas do transporte público na comarca do Barbanza que beneficiará o traslado das persoas trababalladoras e estudantes e contribuirá a mellorar a conciliación.

 

 Rosana Pérez tamén pediu seguir un criterio que non discrimine a bonificación do transporte público en función da comarca ou provincia.

Finalmente, a deputada do BNG apelou a dotar das mellores condicións o transporte público para acadar unha real vertebración territorial e como alternativa ao uso do automóbil privado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG