Parlamento Galego

BNG acada o acordo do Parlamento para urxir a aprobación do regulamento do amianto para atender canto antes ás vítimas

Mon Fernández
Mon Fernández

Mon Fernández recalca a urxencia de dar unha resposta rápida ás máis de 10.000 persoas que, segundo Agavida, están afectadas só en Ferrolterra

O borrador de regulamento difundido polo Goberno estatal, tal e como está, queda moi lonxe das necesidades das vítimas, advirte

O BNG impulsou un acordo no Parlamento para urxir a aprobación do regulamento do amianto co obxectivo de facilitar a atención que precisan ás vítimas, que seguen sufrindo a “demora inxustificada” dun regulamento estatal que debería terse aprobado antes do 20 de xaneiro de 2023 e que continúan esperando tamén pola posta en marcha dun fondo de compensación dende hai máis de sete anos.

Así o explicou o deputado nacionalista Mon Fernández na comisión parlamentaria de Economía, na que recalcou a necesidade de proporcionar ás persoas afectadas, segundo Agavida, 10.000 só na comarca de Ferrol, unha reparación integral sen necesidade de acudir aos tribunais.

“As vítimas do amianto non dispoñen de prórrogas, non teñen tempo que perder”, subliñou Fernández, quen considerou os retrasos na aprobación do regulamento “non só frustrantes, senón tamén absolutamente indignantes”, polo que solicitou un “posicionamento claro e rotundo” dos grupos da Cámara a favor da aprobación inmediata do regulamento.

“Para que funcione, para que dea satisfacción ás demandas das vítimas”, alegou para sinalar a continuación as propostas concretas incorporadas polo BNG na súa proposición non de lei para mellorar o borrador coñecido no verán de 2023 que, segundo advertiu, tal e como está, queda moi lonxe das necesidades das vítimas.  

Neste sentido, o deputado nacionalista puxo o foco sobre tres cuestións fundamentais, a comezar pola necesidade de ampliar as patoloxías recoñecidas, incluíndo o cancro de útero, a fibrose ou as placas pleurais, dado que a listaxe de patoloxías do borrador é moi limitada e as alegacións dos sindicatos estatais tamén deixan fóra algunhas importantes como as sinaladas.

En segundo lugar, apuntou á estrutura “totalmente centralizada” do fondo de compensación, onde os encargados de resolver as solicitudes serían uns Equipos de Valoración de Incapacidades (EVIS) “colapasados”, polo que defendeu a dotación dunha estrutura descentralizada para axilizar unhas resolucións que serían asumidas por organismos de carácter provincial.

E, por último, tamén propuxo recoñecer ás persoas afectadas con resolucións favorables o dereito ao recargo de prestacións, cuestión esta dos recargos que non se contempla nin no borrador do Goberno, nin nas alegacións dos sindicatos estatais, e que considerou fundamental xa que estes recargos ás veces “significan máis diñeiro que as propias indemnizacións”.

Estas son as principais propostas de mellora recollidas na proposición non de lei do BNG aprobada hoxe na comisión de Economía, co voto a favor do PP e a abstención do PSdeG, e que ten como obxectivo que o fondo de compensación “sexa realmente funcional” e se cumpran “os obxectivos iniciais”, dando resposta aos “intereses reais das vítimas”, concluíu Fernández.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG