O BNG acada un acordo para que os afectados do Fórum-Afinsa recuperen os aforros

O BNG acada un "acordo unánime" no Parlamento galego para que @s afectados do Fórum Filatélico, Afinsa e Arte e Natureza recuperen os seus aforros

Francisco Jorquera na  Comisión de Economía

Francisco Jorquera agradeceu o voto favorable de todos os grupos á iniciativa nacionalista para  que o Parlamento inste á Xunta a que solicite do Goberno central unha solución para os pequenos aforradores afectados pola fraude e recuperen os seus aforros

A proposta defendida hoxe polo portavoz do Grupo Parlamentario do BNG, Francisco Jorquera para solicitar do Goberno central unha solución aos afectados pola fraude de Fórum Filatélico S.A, Afinsa Bienes Tangibles S.A e Arte e Natureza Gespart, SL acadou o apoio unánime na comisión de Economía celebrada no Parlamento galego.

Jorquera mostrou a súa satisfacción ante o voto favorábel dunha iniciativa proposta por ADICAE e defendida polo BNG pola que agora o Parlamento galego, súmase ás proposicións non de lei aprobadas tamén por unanimidade nas Cortes valencianas e nas Cortes de Aragón.

O parlamentario salientou que máis de 20.000 familias en Galiza están afectadas por esta fraude cun importe de 150 millóns de euros. Sete anos despois do estalido do caso , o proceso de liquidación concursal atópase paralizado nunha conxuntura económica desfavorábel, “cada ano perdido, dixo Jorquera, pesa como unha lousa nas familias afectadas”.

Polo acordo parlamentario acadado hoxe na Comisión de Economía, o Parlamento galego manifesta a súa solidariedade cos/as aforradores/as afectados pola fraude das empresas Fórum Filatélico, Afinsa e Arte e Natureza e insta a Xunta de Galiza a que solicite do Goberno central unha solución para estes/as pequenos/as aforradores que lles permita avanzar “á maior brevidade posíbel” cara a finalización do seu proceso xudicial.

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG