Parlamento Galego

Bará, na comisión de investigación: “O PP di que en Galiza non hai Koldos nin Aldamas; o que temos aquí son dous Albertos”

Luís Bará
Luís Bará

Os comparecentes elixidos polo PP non aclaran quen ordenou contratar con Universal Support, que facturou máis de 15 M€ en licitacións de emerxencia

Silencio tamén sobre os motivos polos que se escolleu a Mape Asesores, a empresa para a que mediou cun “pelotazo” de 2 M€ o compañeiro de Ayuso

“O PP di que en Galiza non houbo nin Koldos nin Aldamas; o que temos aquí son dous Albertos”, asegurou o viceportavoz parlamentario do BNG, Luís Bará, durante a comisión de investigación sobre os chanchullos do PP. Unha comisión, engadiu,  que aos deputados do PP “xa lles arde nas mans” porque, malia os seus vetos á documentación e aos comparecentes solicitados polo Bloque,  “cada vez se están descubrindo máis irregularidades”. “Veremos como acaba esta historia”, advertiu.

Facéndose eco das palabras do propio presidente da Xunta na comisión de investigación, Bará aludiu aos “dous Albertos” para poñer o foco sobre a ocultación de información respecto aos contratos menores que a Administración galega asinou de maneira recorrente con Eulen, a empresa que dirixe en Galiza Micaela Núñez Feijóo, irmá do ex presidente Alberto Núñez Feijóo; ou con Universal Suport, da que é directivo o cuñado do agora líder do PP.

Foi, tamén, a maneira elixida por Bará para referirse ao oscurantismo do PP sobre os contratos de emerxencia de Mape Asesores, empresa para a que traballou como intermediario a parella sentimental de Díaz Ayuso,  Alberto González Amador, quen deu un “pelotazo” de 2 millóns de euros.

O deputado nacionalista preguntouse por que o PP non quere que “ningún dos dous Albertos” comparezan na comisión de investigación nin que os deputados que a integran teñan acceso á documentación sobre os contratos menores e de emerxencia asinados pola Xunta con Eulen, Mape Asesores ou Universal Suport.

Bará interviu na comisión tras a comparecencia  da subdirectora xeral de Compras do Sergas, Lara María Otero, á que preguntou sen éxito “como se fixo a contratación con Universal Suport, quen a ordenou, con quen se contactou, como se tramitaron os expedientes, quen ten eses expedientes e por que non os dan a coñecer”. Lembrou, neste sentido, que a Xunta adxudicou a esta empresa, coa que non traballara antes, contratos por máis de 15 millóns de euros para o servizo de rastreadores e call center durante a pandemia.   

O Bloque non conseguiu que a subdirectora xeral aclarase tampouco por que o Consello da Xunta aprobou, en diferentes reunións, dúas facturas con esta empresa, unha de máis de un millón de euros e outra de case 635.000 euros por prestar o mesmo servizo no mesmo período de tempo. Non houbo resposta tampouco a como se xustifica unha factura de case cinco millóns de euros por un servizo entre xaneiro e maio de 2021.

O viceportavoz parlamentario do BNG aproveitou a súa intervención para denunciar, unha vez máis, que o PP remitiu á comisión unha relación “parcial e incompleta” da documentación sobre os contratos que se están a investigar no Parlamento. “Están ocultando deliberadamente a información e iso é unha burla a este Parlamento e ao conxunto dos galegos e as galegas”, asegurou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG