O portavoz municipal do BNG en Soutomaior e deputado na Cámara Galega, Manuel Lourenzo instou á Xunta, a través dunha pregunta parlamentaria, a “reactivar os trámites” para a construción dunha nova EDAR en Arcade.
Na súa intervención, o nacionalista denuncia que, tras catro anos do anunciou da licitación do proxecto, “15 meses despois de expirado o prazo”, o proxecto continúa paralizado.
O concello de Soutomaior ofreceu terreos inadecuados para nova EDAR
Pola súa parte, a Directora xeral de Augas de Galiza, Teresa Gutiérrez confirmou ao deputado do BNG que unha das demoras do proxecto durante, “ano e medio” obedeceu aos terreos “inadecuados” e sen accesos postos a disposición polo goberno local de Soutomaior para a construción da nova depuradora. Gutierrez confirmou ao deputado nacionalista que Soutomaior perde 2M€ de euros de fondos europeos para o saneamento e de novo retrásase a construción da nova depuradora
O deputado do BNG lamentou, que a pesar das denuncias de verteduras dende o ano 2010 e as reclamacións da veciñanza e o sector marisqueiro, a Xunta persistira en non axilizar a construción da nova EDAR, un desleixo que agora se traduce “na perda de 2M€ dos fondos europeos europeos para saneamento no concello de Soutomaior, recalcou.
Na súa intervención, Manuel Lourenzo explicou que os bancos marisqueiros do fondo da Ría de Vigo son o principal sector económico, tanto do Concello de Soutomaior como doutros lugares da Enseada de San Simón, espazo protexido pola Rede Natura e mostrou a súa preocupación pola perda da “subvención millonaria de Europa destinada a nova depuradora de Arcade. Dende o BNG, dixo, “xa advertimos de esta circunstancia pero “ninguén moveu un só papel para solucionar esta desfeita” e agora xa temos a confirmación da titular de Augas de Galiza.
Lourenzo salientou que na actualidade é unha evidencia denunciada ,día tras día, polo sector marisqueiro, que o estado do fondo da ría de Vigo implica graves danos para toda a veciñanza tanto no relativo á verteduras, calidade das augas e produtividade dos bancos marisqueiros.
Situación límite para o sector marisqueiro e veciñanza
“Verteduras incontroladas que implican mesmo sancións ao Concello de Soutomaior por parte de Augas de Galiza” , cunha “depuradora obsoleta” que incumpre a normativa actual, unha rede de saneamento abandona durante anos sen
separativa eficiente de pluviais e fecais e un ecosistema da Rede Natura que soporta esta situación, reiterou.
Sobre o proxecto da nova EDAR, o nacionalista explicou que non existe orzamento nas contas municipais para por a disposición os terreos, nin tampouco nas da Xunta.
No ano 2019 e despois de que o Concello de Soutomaior fose varias veces sancionado por vertidos contaminantes á Ría de Vigo e de que se constatara que a actual EDAR de Arcade non cumpría coa normativa europea, o Partido Popular
anunciou a bombo e prato que se construiría unha nova EDAR adaptada á normativa
actual, pero a realidade, recalcou o deputado do BNG, é que “Soutomaior segue agardando pola nova estación depuradora” e despois da confirmación de hoxe da directora xeral de Augas de Galiza imos ter que seguir agardando aínda maís.
Finalmente, Manuel Lourenzo lembrou que no o último debate de orzamentos, o Grupo Parlamentar do BNG presentou unha emenda con partidas específicas que garantir a inmediata execución da depuradora pero a pesar dos anuncios dende o ano 2019, “o Partido Popular, votou en contra da emenda para o saneamento da ría”.