Apróbase a moción do BNG para impulsar e axilizar as infraestruturas ferroviarias na Galiza

Luz verde no Senado a unha iniciativa do BNG onde se insta o Goberno a dar un “impulso histórico e decidido” para transformar a rede ferroviaria interna e convertela no eixo vertebrador do territorio

“O impulso das infraestruturas ferroviarias virá como froito do traballo incansábel do BNG defendendo os intereses da Galiza” asevera Carme da Silva

Implantar as cercanías ferroviarias, completar o Eixo Atlántico, rematar co illamento que sofre Lugo, impulsar infraestruturas como o baipáss de Betanzos, entre outras medidas aprobadas

O BNG, a través da súa senadora Carme da Silva, consegue sacar adiante unha moción para instar o Goberno a impulsar e axilizar as infraestruturas ferroviarias na Galiza. Entre outras cuestións, a organización nacionalista logra o apoio necesario para demandar ao executivo a axilización para a implantación das cercanías, acelerar a conexión entre Lugo e Santiago, completar o Eixo Atlántico desde o norte -Ferrol- até o sur -coa fronteira portuguesa-, promover a modernización da liña A Coruña-Lugo e asegurar que a alta velocidade chegue a Lugo e Ferrol.

“A moción do BNG pon sobre a mesa as principais necesidades ferroviarias da Galiza en transporte ferroviario. Pon o foco na mobilidade e no tránsito diario para que os galegos conten co tren, sendo este o transporte que nos sitúa na primeira fila da mobilidade sustentábel e na loita contra o cambio climático” sinala a senadora do BNG.

Após coñecer o resultado da votación, Carme da Silva asegurou o compromiso da súa organización coa cidadanía galega que, tal e como quedou demostrado no Acordo de Investidura conseguido, a súa función é ser útiles para os galegos e galegas: “o impulso das infraestruturas ferroviarias non virá da dereita nin de ningún partido estatal, virá como froito do traballo incansábel do BNG defendendo os intereses da Galiza” asevera.

“Axilizar os estudos e os trámites en marcha para a implantación dos servizos ferroviarios de cercanías en Galiza, comezando polos eixos A Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra” recolle o primeiro punto aprobado na moción do BNG presentada e defendida por Carme da Silva. Unha infraestrutura e un servizo do que aínda carece a Galiza, a pesar de existir masa crítica suficiente, que está recollido no Acordo de Investidura asinado polo BNG e que “precisa de máis celeridade para polo en marcha”.

A iniciativa aprobada recolle a necesidade de acabar co Eixo Atlántico co obxectivo vertebrar a Galiza de norte a sur, sen esquecer a Ferrol “e achegándonos a Portugal coa construción da saída sur de Vigo no horizonte de 2030”. Unha moción que demanda completar o Arco Atlántico, Lisboa-Porto-Vigo-A Coruña-Ferrol, en sintonía co Goberno portugués, executando os tramos de forma coordinada para poder chegar xuntos á fronteira portuguesa.

“Para o BNG é de xustiza rematar co déficit de Lugo en materia de infraestruturas ferroviarias e non quede atrás. Unha moción que non se esquece de Lugo e as súas necesidades e recolle unha conexión áxil con Santiago e mellorando a súa conexión coa Coruña para poder ofrecer tempos competitivos que permitan non coller o vehículo privado” subliña a senadora do BNG.

Así mesmo, a iniciativa do BNG aprobada exixe axilizar o baipáss de Betanzos e a mellora da liña de ferrocarril entre Ferrol e A Coruña posto que estamos a falar dunha infraestrutura, a actual, obsoleta e propia doutros tempos.

Respectar os acordos unánimes do Parlamento de Galiza

A senadora nacionalista aceptou engadir un novo punto na resolución da moción “respectando os acordos unánimes da cámara galega” e instar o Goberno a garantir o acceso das cidades de Lugo e Ferrol á alta velocidades en condicións de igualdade co resto do territorio. Mágoa, sinalou Carme da Silva, que o Partido Popular “ademais de non respectar nin aceptar os acordos unánimes no Parlamento Galego nesta cámara, vote unha cousa en Madrid e outra diferente na Galiza en moitas ocasións”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG