A Comisión de Pesca do Parlamento aprobou este martes por unanimidade unha proposición non de lei defendida pola deputada Rosana Pérez para que o Goberno do Estado, diante do Consello de Ministros de Pesca da UE que se vai celebrar o vindeiro mes, vete calquera redución de cotas que siga afectando gravemente á frota galega e que, ademais das razóns medioambientais, se teña en conta as motivacións sociais e económicas para o sector e as zonas costeiras. “Á vista das recomendacións, a frota galega non se vai librar dos problemas nin das preocupacións, ademais das consecuencias económicas”, advertiu a deputada do BNG como anticipo da celebración da cita de ministros na que se van acordar os TACs (totais admisíbeis de capturas) e as cotas de 2024.
Na proposición non de lei tamén se reclama do Goberno do Estado avanzar nas axudas á frota afectada pola posíbel redución de cotas -principalmente as de xurelo, xarda, anguía, abadexo e cigala- “tendo en conta que xa chove sobre mollado”.
No que se refire ás axudas, Rosana Pérez pediu á Xunta que exerza a súas competencias -que no caso do marisqueo son exclusivas- e non “bote balóns fora” como fixo outros anos. Neste sentido, a PNL aprobada insta ao Goberno galego a dispoñer dun plan de axudas propio para complementar as do Estado e, tamén, a insistir “en todos os foros posíbeis na necesidade dunha verdadeira reforma da PPC para que non continúe a sangría de embarcacións e postos de traballo da frota galega”.
Outro dos puntos recollidos na proposición non de lei é demandar, tal e como defende o sector, que a UE vete a entrada no mercado europeo de xarda dos países extracomunitarios da NEAFC (Comisión de Pesquerías do Atlántico Norte) no caso de que, como xa ocorreu este ano, no se acade un acordo para a distribución das cotas deste especie para o 2024.
Ao respecto desta cuestión, a deputada do BNG explicou que se ben xa existe un acordo sobre canta xarda se poderá pescar no 2024 -739.386 toneladas, un 7 % menos que este ano- está por decidir o reparto entre os diferentes membros da NEAFC (Noruega, Illas Feroe, Groelandia, Islandia, Reino Unidos e a UE).
Rosana Pérez afirmou que de cara ao vindeiro ano a situación para a frota galega preséntase “ben complicada”, pois o ICES (Consello Internacional para a Exploración do Mar) vén de recomendar de novo non pescar xurelo na 8C, “e non só fala de 2024 senón tamén do 2025”. “O panorama preséntase bastante negro para o xurelo” pese a que, explicou, organismos como o Consello Consultivo de Augas Suroccidentais, que inclúe representantes da frota e de ONGs, rexeitan a proposta do ICES de prohibir as capturas de Fisterra para o norte.
A deputada nacionalista aludiu tamén as restricións previstas para a anguía, “aínda que en Galiza leva anos en equilibrio”, e para o abadexo, cunha proposta de recorte para esta especie do máis do 50 % no Golfo de Biscaia e no Cantábrico Noroeste (CN), superando incluso o 36 % recomendado polo ICES.
Rosana Pérez agradeceu o apoio dos grupos con representación na Cámara a unha iniciativa que prevé atenuar o dano que supuxo para a frota galega o reparto de cotas en anos anteriores. Subliñou, neste sentido, que neste 2023 o reparto deixou “moi malas novas” para o sector pesqueiro galego, sobre todo no referido ao “brutal recorte do xurelo no CN e o Gran Sol”, pasando das 70.000 toneladas asignadas no 2022 a só 3.200 para este ano, un 95% menos.