Lucía, Andrea a Xosé representan a moitos mozos e mozas que teñen enormes dificultades para acceder a unha vivenda ou, simplemente, non logran emanciparse incluso aínda que teñan un posto de traballo. Na sala do seu piso en Compostela, a portavoz nacional, Ana Pontón, compartiu café e charla sobre a carreira de obstáculos que representa para a xuventude galega saír da casa familiar.
Unha realidade que queda reflectida nos datos. “Emanciparse en Galiza é case misión imposible para a xente moza, de feito, só dous de cada dez mozos e mozas menores de 30 anos o conseguen. A situación tamén é complicada para as que teñen entre 30-34 anos, onde o 40% vese obrigado a seguir na casa familiar, a segunda peor taxa de emancipación do Estado nesta franxa de idade, dificultando ou imposibilitando que poidan desenvolver os seus proxectos vitais”, explicou Pontón.
Esta situación da mocidade é a consecuencia dunha realidade “sobre a que hai que actuar” para darlle solución, realidade marcada por unha combinación letal: precariedade e baixos salarios por un lado, e carestía da vivenda, en particular nas cidades, por outro.
Alugar unha vivenda é un 23% máis caro de media que en 2014, aumento que chega a superar o 31% se falamos das cidades, e iso segundo os datos do IGVS porque tomando como referencia os que ofrecen os portais inmobiliarios máis usados, como El Idealista, o aumento chega até o 51% nas cidades, “nin por asomo os salarios tiveron este incremento durante este período de tempo”, recalcou a líder nacionalista, de feito, as persoas novas deben destinar de media o 60% do seu salario ao pago da vivenda.
A outra cara da moeda é a precariedade laboral, que expulsou á emigración a 217.000 mozos e mozas nos últimos doce anos, e os que quedan aquí soportan unhas condicións que fan case misión imposible a emancipación e a posta en marcha de proxectos vitais fora do fogar familiar.
“Estamos ante xeracións que encadean unha crise tras outra e que soportan unha combinación moi difícil: carestía da vivenda, dos servizos básicos ligados á mesma como a luz, sumado a baixos salarios e contratos temporais precarios”, indicou, o que explica que un 50% dos mozos e mozas galegas entre 25-34 que teñen traballo “sigan na casa dos seus país e nais porque o salario non lles da para pagar un piso e os correspondentes gastos”.
Neste contexto e con estes datos, a portavoz nacionalistas pregúntase que está facendo o goberno de Feixóo ao que acusa de carecer de política social de vivenda.
“Basicamente nada, abandonou a política social de vivenda e as medidas teñen moito de propaganda como as anunciadas axudas para alugueiro pero a realidade é que a Xunta rexeita o 90% das solicitudes por falta de fondos, tamén ofrecen axudas para a compra cando á maioría da xente nova non teñen nin opción de alugar”, argumentou.
Á falta de axudas hai que engadir que desde 2009 a construción de vivenda protexida caeu en picado, de tal xeito que o orzamento de hoxe para esta materia é un 46% máis baixo que cando Feixóo chegou ao goberno, “e por riba non se cumpre, porque só executaron 1 de cada 3 € dos programas de acceso á vivenda, non está facendo nada para axudar a xente moza”.
O Bloque propón medidas como aumentar as axudas ao alugueiro para a mocidade, “sabendo que está medida debe ser puntual e que o esforzo debe concentrarse en ter un parque público de vivenda en alugueiro que nos equipare cos países do entorno europeo no que a vivenda pública representa un 9,3% do total, mentres en Galiza é menos do 1%”, indicou.
Tamén entre as prioridades, mobilizar vivenda con incentivos fiscais para que saía ao mercado e, ao mesmo tempo, actuar para que os grandes propietarios de vivenda non a sigan retendo incrementando de xeito artificial os prezos, así como medidas para conter as subidas.
“Non podemos permitir que haxa unha nova xeración de mozos e de mozas que vexan como o acceso á vivenda é un dereito que queda en papel mollado e o Goberno do PP debe empezar por exercer as súas competencias nesta materia deixando á mocidade na estacada”, conclúe.