A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo hoxe un encontro telemático con representantes da plataforma de traballadores e traballadoras de empresas auxiliares de Alcoa ao que tamén asistiu a deputada e viceportavoz, Olalla Rodil.
A líder do BNG compartiu cos representantes da plataforma a “profunda preocupación” pola situación económica e social da comarca ante o anuncio do “paro das cubas” da factoría de Alcoa en San Cibrao, que impediría o proceso para a reanudación da súa actividade. Pontón reclama á Xunta e ao goberno central “medidas que impidan que medio cento de traballadores e traballadoras de empresas auxiliares queden sen emprego”. Ao seu xuízo, tanto a Xunta como o Goberno central “deben reclamar a Alcoa que non leve adiante a paralización das cubas, que permita á factoría estar a punto no momento de reactivar a actividade e “un Plan de futuro para actividade e persoas traballadoras de Alcoa”.
A nacionalista alerta do risco que supón a decisión da dirección con factoría con este anuncio e que pode supoñer “un primeiro paso” para o “desmantelamento progresivo” da fábrica de Alcoa en San Cibrao.
Pontón cualifica de “vergoñento” o anuncio de Alcoa e critica que a empresa aproveite a crise que estamos vivindo para tomar decisións que prexudicarán gravemente o tecido industrial provocando un gran número de despedimentos afectando de maneira moi grave á comarca e ao conxunto de Galiza.