Parlamento Galego

Ana Pontón: “Os únicos que teñen motivos para aplaudir estes orzamentos son o lobby eléctrico e as multinacionais”

O BNG propón reorientar 1.937 M€ a política social, servizos públicos, ciencia, sectores produtivos e un modelo enerxético a favor do País

Son unhas contas ineficaces, antisociais, que fomentan a especulación coa vivenda, benefician axs máis ricxs e deixan de lado a quen o precisa

Avoga por destinar 30 M€ a favor do galego ao que o PP destina un 45% menos de recursos que en 2009 mantendo as súas políticas galegófogas

Critica a fraude de anunciar investimentos que non executan e de agochar o custo real da débeda, cun sobrecusto de 3.469 M€ en cinco anos

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu a emenda de devolución do BNG a uns orzamentos do Goberno do PP que “non son, nin remotamente, os que precisa o País” e que cualificou de “ineficaces, antisociais, que fomentan a especulación e benefician aos máis ricos”.

“Os únicos que teñen motivos para aplaudir estes orzamentos son o lobby eléctrico, que se beneficia do espolio e a barra libre do Partido Popular, e as multinacionais, que se benefician dos millóns de euros que lle quita ao público para darlle negocio ao sector privado na sanidade, na educación e nos servizos sociais”, sintetizou no debate parlamentario dos orzamentos 2025.

Pontón recalcou que as contas xerais presentadas polo Executivo dun “ausente” Alfonso Rueda demostran que o Goberno do PP “non ten ningún proxecto de país” e “deixa de lado a quen máis o precisa” mentres beneficia aos lobbies económicos “para os que realmente goberna”.

Neste sentido, criticou unha política fiscal que consolida a desigualdade dado que as grandes beneficiadas da rebaixa fiscal que os populares cifran en 1.300 millóns nos últimos catro anos son as persoas con maior poder adquisitivo, tal e como demostra o feito de que as 7.000 persoas con máis patrimonio de Galiza reciben unha rebaixa fiscal de 5.400 euros, mentres que aquelas que ingresan 12.500 euros tan só obteñen un aforro de 50 euros.

“Con 50 euros non pagas nin unha radiografía, pero con 1.300 millóns de euros poderiamos acabar coas listas de espera na atención primaria”, exemplificou a portavoz nacional para negar o suposto carácter solidario dunhas contas xerais que “tampouco son sociais”, como pretende vender coa súa propaganda un PP que mantén conxelado o complemento autonómico das pensións non contributivas, as que non superan os 400 euros, mentres mantén un “pelotazo fiscal” de 34 millóns que beneficia aos 7.000 patrimonios máis altos do País.

A líder nacionalista tamén explicou como as supostas medidas para facilitar o acceso á vivenda, só supoñen en realidade favorecer a especulación cunha baixada de impostos ás grandes fortunas e fondos voitre que decidan comprar ou construír pisos para alugar “ao prezo que lles pete”, o que evidenciou cun exemplo moi ilustrativo: un promotor que compra un edificio por valor de dous millóns no centro de Santiago, de Vigo ou da Coruña, para alugar pisos de luxo, recibirá do goberno do PP 22.500 euros de aforro no imposto de actos xurídicos documentados. “Cal é o beneficio para a xente moza desta medida? Cero”, sintetizou.

Pontón tamén reprochou ao Executivo que, “tras pasarse 15 anos dinamitando a política social de vivenda”, anuncie agora que vai triplicar o investimento cando entre 2019 e 2023 deixou sen executar en políticas de vivenda 124 millóns de euros, nada menos que o 68% do total anunciado.  

Investimentos e pago da débeda

A fraude de anunciar investimentos que nunca se executan foi precisamente unha das cuestións sobre as que a líder nacionalista puxo o foco ao advertir que, só nos últimos cinco anos, o Goberno do PP deixou sen investir 3.597 millóns a razón de 719 millóns cada ano, un 30,6% de media anual. “Anuncian investimentos que logo non se levan á práctica e isto non é problema puntual, é algo que fan sistematicamente”, denunciou.

Unha fraude que tamén estendeu ao exercicio sistemático dos populares para agochar o pago da débeda -que triplicou nos últimos 15 anos e que representa a terceira partida de gasto máis alta da Xunta- e que só entre 2009 e 2023 supuxo un sobrecusto de 3.469 millóns que non estaban nos orzamentos, cunha media anual de 692,8 millóns de euros. Neste sentido e dados os antecedentes, augurou que, fronte aos 1.763 millóns presupostados este ano, o pago da débeda superará en 2025 os 2.000 millóns de euros.

Ante estas cifras, cuestionou ao PP que negue que a débeda é un problema e renuncie a negociar a quita negociada polo BNG no acordo de investidura, incumprindo mesmo o acordo acadado por ámbalas dúas formacións no último debate de política xeral. “Por seguir as directrices de Génova, están dispostos a que se lle condone débeda a outras comunidades e a Galiza non, están indo en contra dos intereses do País e é un auténtico escándalo”, afirmou.

Favorecer ás multinacionais e ás empresas amigas

A portavoz do BNG tamén afeou ao Goberno de Rueda que non reverta o “financiamento deficitario” do SAF e recordou que Galiza é a terceira comunidade que menos inviste por persoa dependente, mentres segue favorecendo o negocio do sector privado coa vellez. “Que ten de social drenar cada ano centos de millóns de euros a multinacionais como Domus VI?”, cuestionou, para denunciar a continuación que a Xunta prevé para 2025 un total de 189 millóns en concertos co sector privado.

Un negocio que, advertiu, prolonga tamén á atención ás mulleres que sofren violencia machista, dado que os centros de crise 24 horas para atender ás vítimas de violencia sexual estarán xestionadas por OHL, unha das maiores construtoras do mundo, e por Eulen, a empresa que dirixe a irmá do expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a mesma que obtivo 1.311 contratos a dedo por valor de cinco millóns de euros cando Feijóo presidía o Goberno galego.

“Xa sabemos por que teñen tan medo á comisión de investigación e por que vetan a comparecencia de Feijóo e da súa irmá para investigar os chanchullos do Partido Popular”, reprochou Pontón, quen acusou ao PP de utilizar os orzamentos públicos para favorecer a empresas amigas e altos cargos, entre os que citou ao irmán da número dous de Rueda en Presidencia, que recibiu 783.000 euros en contratos a dedo.

Ningunha medida real para combater a pobreza

A líder nacionalista tamén puxo o foco sobre a desigualdade real que hai en Galiza, co 56% da riqueza do país en mans das rendas de capital e só o 44% nas rendas do traballo, desequilibrio que segue acentuándose co paso dos anos.  

Nesta liña, criticou a falta de medidas reais para loitar contra a pobreza, que en Galiza soporta nada menos que o 25% da poboación, cun incremento de dous puntos porcentuais, e criticou a inacción dun Executivo incapaz de modificar a Lei de Inclusión para compatibilizar a Risga -da que quedan fóra miles de persoas que precisan axuda- co Ingreso Mínimo Vital, mentres si modifican múltiples leis pola porta de atrás da Lei de Acompañamento (en concreto nas contas de 2025, 37 leis e 12 decretos) para beneficiar ás eléctricas.

Pontón tamén cuestionou a subordinación do PP ao lobby eléctrico e a súa teima en colocar a bomba ambiental de Altri no corazón do País, mentres non incorpora nin unha soa media para rematar co abandono do rural, sanear as rías e salvar miles de empregos no ámbito do mar. “Nin rastro dos 223 millóns do plan de competitividade anunciado polo señor Rueda en precampaña”, recordou, para acusar ao Executivo de “rirse da xente do mar”.

Alternativas BNG

Fronte uns orzamentos que tan só incrementan en 344 millóns o nivel de gasto, unha cifra que nin sequera compensa a inflación, e dentro do limitado marco de actuación que permiten as contas do PP, a portavoz nacional presentou a proposta alternativa do BNG que pasa por reorientar 1.937 millóns e aplicar unha política fiscal xusta para blindar os servizos públicos e a política social, apoiar a ciencia e os sectores produtivos e desenvolver un modelo enerxético a favor do país, respectuoso co medio ambiente e coa xente do rural.

Neste sentido, apostou por destinar 250 millóns de euros á atención primaria, dotándoa de novas especialidades, como a de psicoloxía clínica, e 15 millóns á posta en marcha dun plan de saúde mental e prevención do suicidio, despois de que o anunciado polo PP non conte con ningunha partida orzamentaria.  

Así mesmo, avogou por investir 15 millóns para financiar o SAF co obxectivo de acabar nos 20 euros/hora para mellorar a atención que reciben as persoas beneficiarias e rematar coa precariedade das traballadoras.

De igual xeito, considerou prioritario aplicar medidas que permitan realmente facilitar o acceso á vivenda no curto prazo, para o que propuxo a posta en marcha dun plan de compra de vivenda baleira para poñer en réxime de alugueiro a prezos accesibles.

Dada a situación de emerxencia que sofre o galego, Pontón tamén considerou urxente destinar unha partida de 30 millóns de euros ás políticas de apoio á lingua, toda vez que as previstas para 2025 son un 45% menos das que había en 2009. “Por que ese odio ao galego, por que ese empeño en roubarlle ás novas xeracións o seu dereito e a súa liberdade a falar na nosa lingua?”, interpelou ao PP sobre as súas políticas galegófogas.

Sería unha novidade que non aplicaran a súa prepotencia de sempre, pero xa que se empeñan en manter estes orzamentos antisociais e insolidarios, pedímoslles que como mínimo acepten algunhas das propostas do BNG que só teñen un obxectivo, poñer solucións aos grandes problemas dos galegos e das galegas”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG