Ana Pontón: “Todos os galegos e ás galegas que queren que Galiza conte e avanzar en dereitos teñen no BNG a súa opción o 23X”

Ana Pontón e Néstor Rego
Ana Pontón e Néstor Rego

Subliña que o BNG vai “a por todas” para ter un grupo galego forte en Madrid que defenda os intereses do País como fan vascos e cataláns

Néstor Rego sobre o traballo realizado no Congreso: “Non houbo asunto, problema ou conflito no que o BNG non traballase achegando solucións”

A portavoz nacional, Ana Pontón, puxo en valor o traballo do BNG estes catro anos no Congreso defendendo os intereses de Galiza, que cualificou como “clave” na defensa dos intereses do País e un gran aval para pedir a confianza da cidadanía de cara á cita electoral do 23 de xullo, destacou nun almorzo informativo de balance co até agora deputado Néstor Rego.

“Desde o BNG enfrontamos estas eleccións con toda a ilusión e o optimismo, pero sobre todo, coa convicción de que hai unha maioría neste País que sabe que o BNG é unha garantía de levar ata Madrid a axenda galega”, indicou Pontón, quen subliñou que “é o momento de dar un salto adiante para facer valer os intereses da cidadanía galega no Congreso e unha ferramenta para conseguilo é  condicionar a política estatal a favor de Galiza como fan vascos e cataláns tendo un grupo galego forte”.

Con ese obxectivo, o Bloque encara as eleccións xerais nas que a portavoz nacional deixa claro que en Galiza non existe o bipartidismo que queren impoñer como marco de debate  PP e PSOE. “En Galiza non existe o bipartidismo porque existe o BNG, e fronte a discriminación das forzas estatais é precisamente o Bloque quen pode asegurar que este País avance en infraestruturas, orzamentos, liberdades e dereitos”, engadiu.

Avaliando o traballo e a necesidade de ter un grupo galego forte no Congreso, a portavoz nacional destacou varias cuestións a ter en conta. A primeira delas para por ter as mans libres para defender Galiza: “Nin somos o PP ás ordes de Génova, nin somos o PSdeG ás ordes de Ferraz. Somos o BNG ás ordes da cidadanía galega”, declarou.

A segunda cuestión céntrase na utilidade política. “Un deputado do BNG no Congreso foi máis útil para Galiza que 23 das forzas estatais”, lembrou, citando como exemplos a rebaixa histórica nas peaxes da AP9 que lle permite a 20.000 galegos e galegas pagar menos cada vez que usan esa autoestrada, ou o inicio do dragado da Ría do Burgo.

O terceiro aspecto que Pontón puxo en valor do traballo na Cámara baixa foi a de ser capaz de darlle voz a Galiza ante o Goberno central, de tal xeito que  “Galiza existe no Congreso porque o BNG existe no Congreso. E aí está todo o traballo feito”, afirmou. Finalmente, tamén destacou que a presenza do Bloque en Madrid puxo sempre no  centro a defensa dos intereses da maioría social, “demostrando que somos unha forza política de progreso e en clave de País”.

“Fixemos moito ao longo destes catro anos cun deputado, imaxinade o que poderíamos facer polo País cun grupo galego forte nun escenario sen maiorías absolutas”, recalcou. “A partir do 23 de xullo queremos continuar traballando a favor dos galegos e das galegas pero con máis forza e máis capacidade para colocar na axenda estatal as necesidades dos galegos e das galegas”, destacou sinalando que, obviamente á espera do que diga a militancia, Pontón considera que Rego fixo un extraordinario traballo e que debería repetir como cabeza de lista pola Coruña.

Catro anos de BNG no Congreso

Pola súa parte, o até agora deputado Nestor Rego destacou que “non houbo asunto, problema ou conflito que afectase a este País e que non fose levado ao Congreso polo BNG achegando, ademais, as solucións para resolvelos. Desgraciadamente, moitas delas foron rexeitadas polas forzas de ámbito estatal –PSOE, PP e UP- que actuaron sempre ás ordes das súas direccións en Madrid”.

Neste sentido,  puxo en valor o “labor inxente e intenso”  na Cámara baixa “grazas ao traballo de toda a militancia que sabe perfectamente cales son os problemas da cidadanía”.

“Cando o voto do BNG foi decisivo avanzamos en moitas cuestións como a bonificación da AP-9 para usuarios recorrentes –a gratuidade no tramo Vigo-Redondela-, a dragaxe da Ría do Burgo, a conexión ferroviaria da Coruña co porto exterior ou a modernización e electrificación da rede ferroviaria entre Lugo e Ourense” enumera Rego.

Resolucións, tamén, a favor da continuidade da actividade en Alcoa que permitiron “apoiar e fortalecer a loita dos traballadores e traballadoras”. Na Lei de Pesca, exemplifica Rego, estabelecéronse mecanismos para que os mariñeiros embarcados poidan votar, así como a redacción dun catálogo de enfermidades profesionais do sector do mar e o impulso dos convenios colectivos no sector pesqueiro.

Miles de iniciativas

En opinión do deputado nacionalista, o BNG conseguiu desbloquear a axenda galega durante esta lexislatura, a través do acordo de investidura e as miles de iniciativas presentadas mais sinala que “fican moitas cuestións pendentes, como a creación de tres xulgados de violencia de xénero, en Ourense, Lugo e Santiago, entre outras” que a fronte nacionalista seguirá reclamando na vindeira lexislatura, condicionando a gobernabilidade do futuro executivo estatal.

Adianto electoral

Ante as preguntas dos medios de comunicación sobre un posible adianto das eleccións galegas, Pontón destacou os bandazos dun PP “que a semana pasada descartaba esa opción alegando que tiña moito que facer e agora filtran interesadamente todo o contrario”, unha incoherencia que, subliñou, “demostrada unha vez máis que o PP non ten nada que ofrecer máis que un proxecto esgotado e fracasado que está facendo que Galiza quede atrás”.

Pontón afirmou que “no BNG están os deberes feitos e todo está preparado para abrir un tempo novo e ter unha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas”, calquera que sexa a data electoral.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG