Ana Pontón tende a man a Feixóo para consensuar un acordo de país para loitar contra os incendios

Advirte que Galiza segue igual de indefensa ante unha vaga de lumes como a que causou a catástrofe do 15-O pola falta de medidas da Xunta

Reclama unha moratoria na plantación de eucalipto en zonas de risco, axudas inmediatas aos concellos para executar as franxas de seguridade, un dispositivo profesionalizado con mando único 

Ás portas da temporada de risco Galiza segue igual de indefensa ante o lume que fai seis meses cando ardía polos catro costados, e hoxe volvería sufrir as mesmas tráxicas consecuencias de repetirse a vaga incendios que asolou o país naquel fin de semana de outubro.

Por iso,  a portavoz nacional, Ana Pontón, ofreceu ao presidente da Xunta “man tendida” do BNG para sacar adiante un acordo que permita enfrontar “o maior problema medio ambiental que ten Galiza” e confía que, nesta ocasión, o PP abandone o seu “sectarismo político” en beneficio do país.

A proposta que formula o Bloque inclúe en primeiro lugar, dotar aos concellos de xeito inmediato dos recursos necesarios para executar as franxas de seguridade, un dispositivo de prevención e loita contra os lumes 100% público contratado pola xunta, profesionalizado e con mando único, e un teléfono vermello de coordinación para que alcaldes e alcaldesas podan coordinarse ante unha emerxencia.

A man tendida do BNG tamén inclúe medidas a medio e longo prazo que supoñan un xiro de 180 grados na política forestal pirómana e de abandono do monte practicada polo PP ao longo de trinta anos de goberno.

Neste sentido, Pontón reclamou a Feixóo un Plan forestal consensuado partindo dunha moratoria na plantación de eucalipto nas zonas de alto risco e a recuperación das 35.000 Has ilegais plantadas en terras agrarias. Igualmente, un plan para limpar o monte e mudar o abandono actual por un aproveitamento multifuncional e,  finalmente, un Plan territorial integrado que ordene o monte fronte aos incendios, similar ao que existe para o litoral galego.

Na sesión de control ao presidente, Pontón reprochou a Feixóo a súa inacción despois da catástrofe do 15-O, porque “non fixo nada real para marcar un antes e un despois da catástrofe” salvo “emprender unha fuxida cara adiante” co seu enroque na trama terrorista pese ao desmentido da Fiscalía  “para eludir a súa responsabilidade”.

Tamén lle recriminou que, un ano máis, o Pladiga se presente “tarde e mal, sen consensuar, repetindo o esquema do corta e pega, sen analizar o que fallou para aprender dos erros, e todo cando estamos ante lumes de nova xeración e en pleno cambio climático. Tampouco incrementa o persoal, e mantén un dispositivo fragmentado e precario, que non pode facer labores de prevención todo o ano”.

Apagón informativo RTVG

Pontón tamén lembrou o “apagón informativo” dos medios públicos e a falta de coordinación cos rexedores ante unha emerxencia. Por contra, a Xunta ultima un novo plan forestal “que receita máis eucalipto” cando o actual xa supera en 230.000 o número de Has. prestas para esta especie, “de novo as portas xiratorias de ENCE, esa corrupción en A”, denunciou.

A loita contra o lume e a ordenación do monte é vital para o futuro do medio rural e do conxunto de Galiza, polo que o BNG ofrece a súa colaboración ao goberno, nas antípodas do sectarismo político demostrada polo PP desde a chegada de Feixóo,  que o levou a suprimir o banco de terras, as UXFOR e as axudas para promover un monte multifuncional.

“Forman parte da memoria colectiva as fotos do señor Feixóo con manguerita e as súas declaracións nun mitin presumindo que co PP non morría xente nos incendios”, denunciou Pontón, cando o que precisa Galiza é afrontar entre todos un problema ambiental que ameaza o futuro do país.

 

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG