galegas 2024

Ana Pontón: “Somos a esperanza deste País e imos facer historia cunha muller presidenta para construír unha Galiza mellor”

Ana Pontón
Ana Pontón

Pide unha mobilización masiva para que ningún voto do cambio se perda e apostar todo ao BNG votando con ilusión e con orgullo: “Non imos fallar”

“Hai moitas maneiras de sentirse galego e sentirse galega e todas son necesarias para poñer en marcha unha Galiza e grande”, proclamou

O BNG pechou campaña electoral en Santiago nun mitin multitudinario e festivo no multiusos Fontes do Sar na cancha do Obradoiro, o equipo local de baloncesto, abarrotada con 2.000 persoas ante as que a candidata á Presidencia Ana Pontón apelou á emoción, ao orgullo e á épica de facer historia para que Galiza teña por primeira vez unha presidenta coas mans libres para abrir un tempo en novo e poñer en marcha unha Galiza en grande para todos e todas.

Tras unha campaña desde a emoción, ás ideas e as propostas en positivo, Pontón destacou que o BNG  é a esperanza de todas as persoas que queren abrir un tempo novo e que saben que a papeleta do cambio é a do Bloque Nacionalista Galego. “Pídolles a todas as persoas que queren cambio que o próximo domingo collan a papeleta do BNG, non importa o que votasen noutras ocasións, hai moitas maneiras de sentirse galego e de sentirse galega e todas son necesarias para construír a mellor Galiza”, apelou.

Acto Santiago de Compostela
Acto Santiago de Compostela

Pontón destacou que a candidatura do BNG simboliza todas as causas xustas, “é a papeleta das persoas que enchen as rúas para defender a sanidade pública, un futuro aquí para a xente moza, das que queren que se cumpra o dereito á vivenda; e a papeleta para defender que a xente maior teña unha vellez tranquila no seu fogar, para coidar do noso mar e do noso territorio. En definitiva, é a papeleta do cambio para avanzar e conquistar un País con futuro”, sintetizou.

Para logralo apelou á unha mobilización masiva para que ningún voto do cambio quede na casa, para que ningún sufraxio se perda,  concentrando no BNG todo ese desexo de deixar atrás a Galiza gris do PP.

“Se o facemos así, o 18F haberá cambio e faremos historia cunha muller presidenta e comigo entrarán pola porta da Xunta todas as mulleres, as que loitaron antes, as que loitamos agora e as que viran despois”, subliñou, poñendo en valor que Galiza poder ter unha presidenta feminista que traballe man a man coas mulleres e cos homes, “a inmensa maioría”, que queren unha Galiza en igualdade.

Acto Santiago de Compostela
Acto Santiago de Compostela

Tras 43 anos de democracia con seis presidentes e todos de forzas estatais é o momento de facer historia cunha presidenta coas mans libres que sempre vai poñer os intereses dos galegos e das galegas por diante, “desde o diálogo pero desde a firmeza, porque neste País non queremos ser máis que ninguén pero tampouco menos”, declarou. “Estou convencida de que a Galiza lle vai ir mellor cunha presidenta do BNG e, con humildade, pido que me dean a oportunidade de demostrarllo”

Na súa intervención, Pontón dirixiuse ás persoas que aínda non teñen decidido o seu voto apelando a que aposten polo BNG “porque temos un proxecto sólido e solvente a favor da maioría social e a capacidade para levalo adiante, un proxecto de goberno que blinde os servizos públicos, que poña o País a producir, que aposta pola ciencia e a innovación, que sexa abandeirado na loita contra o cambio climático, un proxecto de goberno que poña as persoas no centro”, subliñou.

A candidata do Bloque destacou que o 18F está en xogo moito máis que o próximo goberno, está en xogo un cambio de ciclo, tras quince anos cun goberno que fixo que Galiza retrocedese, que perdese poboación, emprego, industria, xente moza e talento que emigra e que perdera peso no Estado, “chegou o momento de ganar”, proclamou.

“Para logralo, a todas as persoas indecisas pídolles que voten BNG, ás mulleres que queren unha Galiza onde poder ser libres e iguais pídolles que voten BNG, ós mozos e mozas cansadas de ver como a súa vida se move na precariedade, pídolles que voten BNG; as que queren coidar do medio ambiente pídolles que voten BNG”, apelou a candidata á Presidencia. “Non lles vou fallar”, subliñou, convencida de que serán miles de galegos e de galegas colleran a papeleta do BNG por primeira vez.

Pontón comprometeuse a darlle a Galiza o mellor goberno da súa historia, preparado para construír un País no que a xente moza poda desenvolver a súa vida, no que non haxa que esperar quince días para ir á médica de cabeceira e na que as persoas maiores desfruten dunha vellez tranquila nas súas casas. Unha Galiza produtiva na terra e no mar, con industria, que aposte pola ciencia e que se sume á loita contra o cambio climático, que sexa inclusiva, plural e feminista, engadiu.

Hoxe ninguén dubida de que só hai dúas alternativas: “Ou un goberno cun presidente que se apelida Rueda, ou un goberno cunha presidenta que se apelida Pontón; ou seguir cun goberno do PP que nos deixa unha Galiza máis pequena ou dar paso a un goberno do BNG capaz de poñer en marcha unha Galiza en grande”.

A candidata á Presidencia agradeceu o apoio que percibiu durante toda a campaña na que dixo ver “a esperanza nos ollos de miles de persoas”, unha campaña que o BNG realizou en positivo, con ideas e propostas para mellorar a vida da xente, fronte a un PP sen proxecto que ofrecer, instalado na mentira e na crispación, que deixa unha Galiza peor da que encontrou.

Pontón pediu a toda cidadanía ser parte activa cun cambio que será histórico: “Este 18 de febreiro, saiamos con toda a forza a ganar unha Galiza mellor, a que queremos e merecemos!”, concluíu.  

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG