xerais 2023

Ana Pontón: “Saímos a por todas para facer valer Galiza en Madrid”

Acto Cee
Acto Cee

Destaca en Cee que este 23X o BNG aspira a un grupo galego forte no Congreso para darlle voz e solución aos problemas da Costa da Morte

O BNG abriu a precampaña de cara ás eleccións xerais do 23 de xullo en Cee cun mitin no que participación a portavoz nacional, Ana Pontón, e Nestor Rego, que lidera a candidatura ao Congreso pola provincia da Coruña,  acto que a líder do Bloque aproveitou para facer un chamamento a votar “coa cabeza e o corazón” en Galiza.

“Este 23 de xullo está en xogo que Galiza conte ante o Estado, está en xogo ter para a comarca da Costa da Morte unha voz propia máis forte que defenda os seus intereses en Madrid e para conseguilo a alternativa ao de sempre é o BNG: unha garantía para que Galiza sexa respectada en Madrid e, ao mesmo tempo,  avanzar en dereitos e liberdades”.

“Fronte a un PP e un PSOE que fan o que lles mandan desde as súas sedes madrileñas, o BNG vai poñer Galiza na axenda do Estado coa forza que nos dean os galegos e as galegas”, subliñou. Por iso, indicou a necesidade de “contar cun grupo galego forte no Congreso para poder ser determinantes e ter a capacidade de loitar polos nosos intereses”, recalcou, proclamando que o BNG “sae a por todas, sen límites e co obxectivo claro de ter un grupo galego forte en Madrid”.

A portavoz nacional lembrou que “na última lexislatura, un só deputado do BNG foi máis útil para Galiza que os 23 restantes ao servizo das forzas estatais”, motivo polo que “o Bloque presenta para este 23X unha candidatura de país, que representa a Galiza”. “Non imos aceptar o que nos impoñan dende Madrid, queremos que Galiza sexa protagonista e que teña voz no Estado”, engadiu.

Pontón manifestou que o BNG conta para este 23X “cunha candidatura formada por persoas con compromiso, con capacidade de traballo, con experiencia, con coñecemento e solvencia nos temas que son centrais para a defensa dos intereses galegos”, e puxo especial énfase no traballo realizado polo agora candidato Néstor Rego ao longo desta pasada lexislatura no Congreso.

Cee
Cee

E fronte esa capacidade do Bloque para defender Galiza está a “inutilidade” do Partido Popular e do resto das forzas estatais, que se limitan a facer o que lles mandan os seus xefes de filas en Madrid, sen importarlles para nada a discriminación a Galiza.

Discriminación que tamén soporta a comarca da Costa da Morte. “Coñecedes as consecuencias de que sexa Madrid quen decide por nós, porque cando iso pasa, a maior parte das veces deciden en contra de nós, por iso é tan importante ter peso político para facer valer os nosos intereses, para defender os intereses desta comarca”, recalcou.

Neste sentido, citou o exemplo do modelo enerxético que impoñen desde Madrid, un modelo no que Galiza non recibe ningún beneficio pese a ser rica en electricidade. Ao contrario, paga os custes sociais e ambientais e vemos como o noso sector industrial cada vez vai a menos e como se perden empregos.

“No BNG defendemos unha tarifa eléctrica galega para abaratar os costes enerxéticos das nosas empresas, como teñen moitos outros países europeos con tarifas máis baratas para aqueles territorios que producen enerxía, pero o bipartidismo de sempre di que non, e veta unha medida xusta que, ademais, daría competitividade ás empresas, ás industrias e aos sectores produtivo galegos”, argumentou.

Por iso, “o 23 de xullo é unha excelente oportunidade para cambiar este guión de agravio con Galiza, para dicir alto e claro que basta xa de discriminación e que imos facernos valer. Para conseguilo convoco á veciñanza desta comarca a votar coa cabeza e co corazón en Galiza para converternos en protagonistas da man do BNG cun grupo galego forte no Congreso”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG