Ana Pontón remite unha carta a Ábalos para exixir “máxima axilidadade” do Goberno na aplicación da rebaixa da AP-9

Acto AP-9 (Arquivo)
Acto AP-9 (arquivo)

O obxectivo é que haxa unha tramitación inmediata do preceptivo real decreto e evitar demoras nunha medida altamente esperada en Galiza

Tamén pide un trato igualitario para o Corredor Atlántico e a mellora no servizo ferroviario de cercanías, vital para a comunicación interior do país

A portavoz nacional, Ana Pontón, remitiu unha carta ao ministro de Transportes e Mobilidade, José Luís Ábalos, para demandar que se adopten as medidas necesarias por parte dese departamento para garantir a aplicación “inmediata e sen demoras” da rebaixa das peaxes da AP-9 aprobada grazas ao acordo do BNG co PSOE. En concreto, a líder nacionalista reclama a “máxima axilidade” por parte do Goberno o Estado na tramitación do real decreto preceptivo para facer efectiva a redución das tarifas recollida nos orzamentos do Estado.

“Se me dirixo a ti con este escrito é precisamente para, en nome do BNG,  solicitar que se leven a cabo todas as xestións necesarias para que haxa unha aplicación inmediata desa redución das peaxes por parte do Ministerio de Transportes, de tal xeito que os galegos e as galegas podan beneficiarse da baixada das tarifas canto antes. O obxectivo é evitar demora algunha na posta en marcha dunha medida longamente reclamada e esperada en Galiza, que suporá un alivio nas economías dos traballadores e traballadoras, nun momento de crise sen precedentes”, explica na misiva dirixida ao ministro, a quen lle solicita “máxima axilidade e que se aprobe canto antes no Consello de ministros e de ministras”.

Pontón lembra que o recoñecemento desa demanda “quedou plasmado nunha partida dos orzamentos do Estado para 2021 por importe de 50 millóns de euros, contía que permitirá unha redución histórica das peaxes da AP-9 en beneficio das 20.000 persoas que a diario utilizan esa autoestrada. Rebaixa que, ademais se ser unha alivio para os usuarios e as usuarias, permitirá ganar competitividade ás empresas, en particular ás relacionadas co sector do transporte”.

A líder nacionalista tamén subliña que os orzamentos estatais do vindeiro exercicio recollen unha partida de 3,4 M€ para suprimir a subida acumulativa do 1% prevista no convenio asinado en 2011 para a ampliación da capacidade da Ponte de Rande e da autoestrada en Santiago de Compostela. Así como a gratuidade do tramo entre Redondela e Vigo, dando resposta á demanda dunha área metropolitana con máis de 400.000 habitantes, todo en base ao acordo de investidura con BNG.

A portavoz do Bloque aproveita o escrito para referirse a outros asuntos “de gran calado” para Galiza que dependen directamente do ministerio de Ábalos, como a urxencia de mellorar a rede ferroviaria interna despois de décadas de abandono.

“Máis aló do debate sobre a chegada do AVE á provincia de Ourense e ao resto do territorio galego, que debe ser unha realidade no prazo máis breve posible, queremos chamar a súa atención sobre a importancia de modernizar a rede ferroviaria interna”, explica, completando o Eixo Atlántico coa adaptación do treito Coruña-Ferrol, impulsando a saída sur de Vigo e unha conexión competitiva entre Vigo e Porto, mellorando a liña  de ancho métrico entre Ferrol e Ribadeo, axilizando a modernización da liña Ourense-Monforte-Lugo-Coruña/Ferrol así como a liña do Miño entre Vigo e Ourense.

Estas melloras das infraestruturas deben ir acompañadas da ampliación de horarios e servizos e da creación do ferrocarril de cercanías, que  o BNG entende debe ser transferido a Galiza. “Non podemos renunciar a un tren de cercanías do século XXI imprescindible para comunicar vilas e cidades, para a actividade económica e social, para o equilibrio territorial e para que a cidadanía conte cun medio de transporte sustentable”, argumenta.

Ademais desta aposta pola mobilidade sustentable das persoas, o Bloque entende fundamental potenciar o transporte ferroviario de mercadorías, “mediante un compromiso claro do Goberno do Estado coa conexión ferroviaria dos Portos e co Plan Director do Corredor Atlántico, evitando tratos desiguais con respecto a outros Corredores”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG