A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Vigo na manifestación do 1º de Maio, que aproveitou para reclamar a posta en marcha de políticas que poñan por diante as persoas e permitan avanzar nos dereitos da clase traballadora. Dereitos como ter un salario digno “co que chegar a final de mes, poder ter unha vivenda ou simplemente desenvolver un proxecto de vida”, asegurou.
Pontón denunciou a perda de poder adquisitivo das traballadoras e dos traballadores como consecuencia da actual crise de prezos, un “suma e segue” que se prolonga dende a crise do ladrillo provocada pola “gran banca e a especulación” e que trouxo consigo un deterioro das condicións laborais que se mantén a día de hoxe.
Denunciou, neste punto, que un 34% das traballadoras e traballadores de Galiza cobra menos do salario mínimo interprofesional, e que case o 60 % das persoas asalariadas teñen uns ingresos inferiores ao soldo medio, que no País se sitúa en torno aos 22.000 euros.
É por iso que defendeu a posta en marcha de medidas para camiñar cara unha “sociedade decente” na que as persoas podan vivir dignamente do seu traballo e para frear a precarización nas condicións laborais que trouxo consigo a reforma laboral aprobada polo PP. “Oito anos despois de que o PP perdese o Goberno aínda segue vixente unha parte das reformas máis lesivas, que hai que derrogar”, destacou xusto antes de que arrancase a manifestación.
Pontón avogou pola posta en marcha dunha “axenda social potente” que dea resposta ás necesidades da maioría social e serva tamén para frear a “degradación” que traen consigo as políticas da dereita e da ultradereita.
“Estamos vendo como miles de persoas no noso País, sobre todo xente moza, ten que seguir collendo as maletas e emigrando ante a falta de alternativas, cun goberno do PP na Xunta que non ten proxecto de futuro, que está precarizando aínda máis as condicións de traballo, que carece de proxecto industrial para o País e que está facendo que se perda emprego en sectores clave”, denunciou, referíndose en concreto á perda de postos de traballa na industria asentada na área de Vigo.
A líder do Bloque referiuse ás vindeiras eleccións europeas como unha oportunidade para frear a pobreza e a desigualdade e avanzar cara un modelo de sociedade máis xusta. “Requírense outro tipo de políticas, que poñan no centro as persoas, que poñan o País a producir e que aposten por un modelo se industria sostible e de futuro. Ese futuro tamén se vai decidir nas próximas eleccións europeas, nas que nos xogamos os dereitos da clase traballadora e o modelo de sociedade ao que aspiramos”, recalcou. Defendeu, ademais, “a Europa da paz e non da guerra, con situacións insostibles como a que se está a vivir agora na franxa de Gaza”
Miranda comprométese a traballar na UE contra as políticas de austeridade
No mesmo sentido pronunciouse a candidata do BNG ás eleccións europeas, Ana Miranda, que tamén participou na mobilización do 1º de Maio en Vigo. Miranda criticou as políticas europeas de austeridade que, dixo, “tanto limitan os dereitos dos traballadores e traballadoras galegas”.
A candidata nacionalista destacou, neste sentido, o compromiso do BNG para facer fronte a esas políticas de austeridade, traballando dende o Parlamento Europeo contra a precarización do traballo e a perda de dereitos laborais, e para que as políticas sociais non queden relegadas a un segundo plano nas institucións europeas, como ocorreu nestes últimos anos.