xerais 2023

Ana Pontón propón subir a contía das pensións mínimas até equiparalas co SMI

Pensionistas Ourense
Pensionistas Ourense

O BNG é a alternativa ao PP disputándolle escanos en todas as provincias e haberá grupo galego forte simplemente repetindo o apoio do 28M

Pontón propón concentrar no BNG todo o voto rebelde e de País para facer valer Galiza e frear a un Feijóo aliado dos ultras

 

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu concentrar todo o “voto rebelde, inconformista e de País” no BNG porque é alternativa real ao Partido Popular, cunha papeleta que vale dobre: para facer respectar Galiza ante Madrid  e para frear a un PP de Feijóo cada vez máis ultra en alianza coa extrema dereita antigalega.

De feito, Pontón destacou que o Bloque estalle disputando escanos á dereita en todas as provincias, de aí ese chamamento a concentrar o voto na formación nacionalista de todos os galegos e galegas que senten o País e queren frear a involución do PP e dos ultras. “Aquí somos a alternativa real ao PP,  porque máis BNG significa menos PP, porque cada escano máis ao Bloque é un escano menos para Feijóo”, asegurou.    

Por iso, fixo un chamamento  a todas as persoas que votaron BNG nas últimas eleccións galegas e municipais para que repitan o seu apoio, porque con eses votos o Bloque terá un grupo galego forte con deputados por A Coruña, Lugo, Pontevedra e por suposto Ourense, con Noa Presas disposta a facer historia como a voz que defenderá aos cidadáns desta provincia no Congreso. “O BNG terá unha deputada por Ourense e o PP terá un escano menos, que será clave para que a Feijóo e a extrema dereita non gobernen no Estado”, subliñou.        

Pensionistas Ourense
Pensionistas Ourense

Declaracións da líder nacionalista nun acto con pensionistas en Ourense, a provincia coas prestacións por xubilación máis baixas do Estado, que aproveitou para comprometer o traballo dun grupo galego forte na defensa deste colectivo e de todas as persoas maiores que, nun contexto de subida de prezos e coa bolsa da compra disparada, vense apuradas para chegar a final de mes.

“O noso obxectivo é mellorar a vida das persoas e garantir que despois de moitos anos de traballo teñan unha vida tranquila”, subliñou.

“Seguiremos plantando cara ante calquera intento de dar pasos atrás no sistema público de pensións, imos estar sempre en contra de recortar as pensións ou de subir a idade de xubilación”, garantiu, logo de recordar que en Galiza a prestación media sitúase 250 euros por debaixo da estatal.

Os deputados e deputadas do Bloque reclamarán no Congreso que a idade de xubilación baixe de novo aos 65 anos e votarán en contra de todas as propostas no sentido contrario, porque “é intolerable que se abra sequera o debate de ampliar até os 70 anos, como está pedindo xa unha parte da patronal”, alegou.

Neste sentido, o compromiso de loitar por mellorar o sistema público de pensión, con medidas como a de incrementar as pensións mínimas até equiparalas ao salario mínimo interprofesional, precisou, deixando claro calquera intento de restar dereitos á clase traballadora terá sempre en fronte ao BNG. “Non imos permitir que as pensións dos galegos e das galega, as segundas máis baixas do Estado, sexan aínda peor no futuro”, recalcou.

A portavoz nacional fixo un chamamento as persoas pensionistas para que enchan as urnas de papeletas do Bloque para frear a un PP “que durante catorce anos conxelou o complemento galego das pensións máis baixas, as non contributivas de apenas 400 euros ao mes, mentres baixaba os impostos ás rendas máis altas”. “O PP cunha man subiu un euro ao mes as pensións máis baixas despois de catorce anos e coa outra da un agasallo fiscal de 34 millóns de euros ás persoas con máis patrimonio na Galiza”, engadiu.

Altofalante das persoas reais

A cabeza de cartel por Ourense, Noa Presas, cargou contra o “esquecemento reiterado” das forzas estatais “que se alternan na discriminación e no abandono a Galiza”. Entre as cuestións que afectan a milleiros de galegos e galegas que “o vello bipartidismo esquece porque non quere solucionar, están precisamente as pensións”, dixo Presas, que se comprometeu a ser en Madrid “altofalante das persoas reais que coa suba de prezos empobrecéronse máis e con menos cartos teñen que ir ao súper, á farmacia, pagar o alugueiro, ir tomar un café ou arranxar a lavadora”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG