Ana Pontón propón primar nos concursos públicos os parques eólicos ligados a proxectos industriais con postos de traballo

Ana Pontón visita Burela
Ana Pontón visita Burela

Pide á Xunta que evite o peche de VESTAS: “Non se pode perder emprego no sector cando estamos en pleno bum eólico depredador”

Visita a Burela onde mantivo un encontro coa Plataforma en defensa da sanidade publica na Mariña

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclama ao Goberno de Feixóo que actúe para evitar o peche de VESTAS nunha comarca, a da Mariña, en pleno declive industrial e con ALCOA no abismo con miles de postos de traballo en risco. A líder nacionalista considera inaudito que se destrúa emprego no sector eólico en pleno boom depredador e formula unha proposta: que nos concursos públicos de novos parques se prime aqueles vinculados a un proxecto industrial e con creación de emprego.

“Non podemos consentir que se perda emprego no sector eólico nas poucas industrias que aínda quedan, por iso, ademais de pedirlle á Xunta que interveña para evitar o peche de VESTAS, propoñemos que os novos desenvolvementos eólicos deben usarse a favor de Galiza e, por tanto, deben estar vinculados a plans industriais e que nos concursos puntúen máis aquelas empresas que aposten por producir aquí unha parte do proceso de instalación dos parques”, explicou.

Reunión BurelaPara iso só se precisa “vontade política” que evitaría que empresas como VESTAS, como antes Siemens-Gamesa, abandonen o País, recalcou Pontón, quen insistiu na posición do BNG de que os recursos de Galiza deben servir para xerar riqueza e emprego no País. “E iso pasa, entre outros factores, por unha tarifa eléctrica galega diferenciada e máis barata suprimindo os custes de distribución posto que somos produtores”, recalcou, desde o convencemento de que unha tarifa eléctrica galega sería o mellor incentivo fiscal para as empresas e a instalación doutras novas.

De visita en Burela, Pontón propón poñer en marcha un Plan industrial para A Mariña, que conte con financiamento dos fondos europeos de recuperación económica, que permita frear o peche de empresas no sector industrial, que na última década supuxo a perda de máis dun millar de postos de traballo directos e a desaparición de industrias emblemáticas na comarca.

A líder do Bloque tamén abordou a situación da sanidade pública na Mariña coa Plataforma en defensa da sanidade na Mariña,  tras unha encontro ante o centro de saúde de Burela. “Estamos diante do centro de saúde de Burela, pero poderíamos estar diante do centro de saúde de Foz, de Ribadeo ou de Viveiro, todos eles impactados polos recortes da Xunta”, destacou Pontón, que afectan particularmente á Atención Primaria.

“Por primeira vez na historia, os galegos e as galegas non teñen garantida a consulta presencial e faltan recursos, faltan médicos e persoal sanitario de todas as categorías, non se cobren as baixas, non se cobren as vacacións e os profesionais están esgotados, cansos e cansas de ter que multiplicarse e facer máis, cada vez con menos medios, e teñen todo o noso recoñecemento”, indicou.

Pontón insiste nas propostas nacionalistas: investimento urxente en Atención Primaria de 200 M€, recuperar as consultas presenciais sen listas de espera para todas as persoa que o soliciten e contratar todas as prazas vacantes no SERGAS, porque unha sanidade pública de calidade require profesionais, médicas, enfermeiros, administrativos, fisioterapia ou saúde mental.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG