Ana Pontón propón unha mesa con todos os axentes políticos e sociais para mudar o decreto da vergoña do galego

Visita ao ILG
Visita ao ILG

Reitera a man tendida do Bloque para chegar a un pacto, pero advirte que non poderá ser posible mantendo as políticas lesivas coa lingua

Acusa ao PP de arroxar unha “cortiña de fume” coa súa proposta de acordo mentres desbota todas e cada unha das propostas do BNG

“O Partido Popular non busca un pacto, senón impoñer o monolingüísmo en castelán, onde o galego sexa unha lingua residual”, denuncia

A portavoz nacional, Ana Pontón, volveu tender a man ao Goberno do PP para chegar a un acordo sobre o galego e, con este obxectivo, propuxo crear “unha mesa para poñer en marcha un novo decreto no ensino” que deixe atrás o “decreto da vergoña”, o denominado decreto de plurilingüismo, que supuxo que a xeración educada baixo o mesmo sexa “a que menos galego fala da historia”.

Pontón defendeu que a mesa estea constituída por organizacións políticas e sindicais, ANPAS, movementos de renovación pedagóxica e as institucións que teñen o coñecemento sobre a lingua, co obxectivo de que o próximo curso escolar empece cun decreto que, apuntou, “favoreza que os nenos e nenas que falan galego sigan falándoo” e permita que “se cumpra a legalidade vixente que di que todas as persoas teñen que ter plena competencia lingüística nas linguas oficiais”.

Así o sinalou logo da reunión que mantivo coa presidenta do Instituto da Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández Rei, dentro da rolda de contactos que está desenvolvendo o BNG para analizar “a situación de emerxencia lingüística” na que se atopa o País, logo do recente e demoledor informe do Instituto Galego de Estatística (IGE).

“Dende o Bloque, temos toda a vontade para chegar a acordos a favor da lingua, o que non se nos pode dicir é que non aceptar nin unha soa das propostas do BNG é un acordo”, explicou Pontón, quen acusou ao PP de arroxar “unha cortina de fume” coa súa proposta de pacto porque o que pretende, en realidade, é “seguir arrinconando a lingua galega e convertela nunha lingua residual”.

A líder nacionalista recordou que o BNG leva tempo poñendo sobre a mesa “propostas de mínimos” como a derrogación do decreto da vergoña -algo que están reclamando todas as institucións coas que se reuniu a formación nacionalista-, o cumprimento do Plan Xeral de Normalización Lingüística, froito dun consenso parlamentario que “dinamitou” o PP, ou o incremento dos orzamentos destinados ao galego, propostas todas elas desbotadas polos populares.

“O que vemos é que o Partido Popular non quere un pacto, o que quere é unha cortina de fume para continuar mantendo todas as políticas que levaron o galego á situación que temos hoxe”, denunciou para sinalar como obxectivos reais do PP seguir incumprindo o Plan Xeral de Normalización Lingüística, seguir asfixiando economicamente o idioma -tal e como demostra ao desbotar as propostas do BNG para aumentar as partidas destinadas ao impulso do galego nos orzamentos de 2025, tendo en conta, ademais, que os recursos son agora case a metade do que eran en 2009-  e manter o decreto da vergoña “que convirte o galego nunha lingua de segunda e que fai que os nenos e nenas que entran pola porta falando galego saian sen falalo”.

“O que quere o Partido Popular, en definitiva, é seguir desangrando a nosa lingua porque o que buscan en realidade o PP e Rueda é impoñernos un monolingüísmo en castelán onde o galego sexa unha lingua residual”, sintetizou.

Neste contexto, reiterou “toda a disposición ao diálogo” do Bloque se o Executivo de Alfonso Rueda quere realmente cambiar “as políticas lesivas que levaron ao galego á situación de emerxencia lingüística na que está neste momento”, mais advertiu que, se “o que quere o Partido Popular é manter intactas todas as políticas destes 15 anos” de acoso e derribo ao idioma propio, “evidentemente o BNG non vai colaborar con políticas que o único que buscan é aniquilar a lingua galega e convertela nunha lingua residual”.

Por iso, Pontón emprazou á Xunta a “recoller a proposta” de crear unha mesa para elaborar un novo decreto do ensino porque, insistiu, “non podemos permitir que o galego se siga desangrando”. Neste sentido, recordou que “a situación da lingua xa está diagnosticada” con informes claros, polo que non é preciso seguir enredando “durante 15 meses nun debate para non chegar a ningún lugar” como pretende o PP, e que xa existe “un gran acordo sobre a lingua que é o Plan Xeral de Normalización Lingüística.

“Polo tanto, nós temos toda a disposición para traballar a favor do galego e no que non imos a colaborar son con cortinas de fume, nin estar 15 meses dándolle volta á situación que xa coñecemos, porque o a lingua non pode agardar”, incidiu para concluír que o BNG “vai a traballar para que neste País a lingua propia teña mil primaveras máis”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG