Parlamento Galego

Ana Pontón propón limitar os prezos do alugueiro e pide ao Goberno do PP un programa propio de axudas para familias e mocidade

Encontro mocidade
Encontro mocidade

Nunha visita a un piso de estudantes, pídelle a Rueda que non boicotee os concellos que queren limitar as VUT ou declarar mercados tensionados

 “Logo de estar 15 anos dinamitando a política social de vivenda, o PP segue sendo un bluff, incapaz de habilitar medidas reais para frear prezos”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou un piso de estudantes en Santiago para coñecer de primeira man os problemas da mocidade no acceso á vivenda, nun momento no que se está a producir unha nova burbulla inmobiliaria alimentada pola especulación cos prezos do alugueiro mentres a Xunta do PP permanece de “brazos cruzados” .

“Acceder a unha vivenda é hoxe misión imposible para miles de persoas porque hai un incremento exponencial dos prezos do alugueiro que fai que sexan as rendas máis baixas as que están sufrindo este problema, xerando máis desigualdade no País”, subliñou a líder nacionalista, que criticou que, malia esta situación e “despois de 15 anos dinamitando a política social de vivenda, o Goberno do PP segue a ser un bluff porque é incapaz de habilitar medidas reais e efectivas para frear prezos e mobilizar vivenda baleira”.

O Goberno do PP “en vez de ser parte da solución, é parte do problema”, dixo, para contrapoñer a continuación a alternativa do BNG, que aposta decididamente por poñer límites aos prezos do alugueiro e por un programa propio de axudas destinado tanto á mocidade como ás familias que o precisen.

“Demandamos que a Xunta dunha vez por todas poña en marcha topes ao alugueiro naquelas zonas que están máis tensionadas porque é a única forma de frear a escalada de prezos”, destacou Pontón que, entre outras cuestións, defendeu tamén medidas para acoutar  e controlar as vivendas de uso turístico (VUT) até garantir as necesidades de residencia habitual da poboación.

“Hai que frear o descontrol das VUT”, advertiu, criticando tamén neste punto a política da Xunta do PP, que mesmo “legaliza” vivendas turísticas ilegais “a través dun rexistro que é unha auténtica coladeira”. Unha política que errou así mesmo na mobilización de inmobles residenciais, como pasou co programa Vivenda Vida, que “ía mobilizar 300 vivendas en 2 anos e quedouse en 36”, exemplificou.

É por iso que a alternativa nacionalista pasa pola declaración de mercados tensionados como medida excepcional, por mobilizar vivenda baleira -só nas cidades hai 90.000 inmobles nesta situación- para colocala no mercado a prezos taxados que a mocidade e as familias poidan pagar, ou por que a Xunta habilite axudas propias.

“É moi grave que a Xunta non teña un programa propio de axudas ao alugueiro e que os únicos fondos que hai son dos programa do Estado”, apuntou Pontón, que reprobou ademais a falta de dilixencia da Xunta á hora de tramitar os fondos estatais.

A aposta do BNG pasa, neste sentido, por axudas á emancipación con fondos suficientes e baremos que garantan que se atende primeiro a quen máis o precisa. Unha política de axudas combinada con outras medidas porque, en solitario, podería acabar alimentando o incremento de prezos.

A preguntas dos xornalistas, Pontón considerou o desbloqueo  da coñecida como ‘operación Peleteiro’ sería unha “gran noticia” para a cidade de Santiago, na que, recordou, tamén se vai facer unha aposta pola vivenda pública no centro. “O que teño que lamentar é que o PP se opoña ao avance de Santiago e tamén a que avances as políticas sociais de vivenda”, considerou.

Empraza a Rueda a deixar a política de acoso e derribo do galego

Por outra banda, tamén en resposta aos medios de comunicación, a líder do BNG reclamou a Rueda que “escoite” aos milleiros de persoas que saíron á rúa este domingo para defender o galego. Emprazouno así a deixar de aplicar a política de “acoso e derribo” ao noso idioma e que derrogue o decreto da vergoña para que a escola deixe de ser un elemento desgaleguizador. Aludindo ao Plan Xeral de Normalización Lingüística, lembroulle ademais, que xa existe un “gran acordo polo lingua” que hai que cumprir.

“O señor Rueda ten que abandonar a súa soberbia e as políticas en contra do galego, ten que escoitar a unha cidadanía que saíu a defender con orgullo e con amor que temos unha lingua propia e que queremos mil primaveras máis para o noso idioma”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG