A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG presentará unha emenda de devolución ao proxecto de orzamentos do Goberno do PP e avanzou as propostas alternativas que defenderá no Parlamento fronte a unhas contas xerais que cualificou de “insolidarias, ineficaces, antisociais, que benefician ás rendas máis altas, que fomentan a especulación coa vivenda e que anuncian investimentos que logo nunca se executan”.
Fronte a uns orzamentos “que son papel mollado e que demostran que o Partido Popular non ten ningún proxecto de país nin ideas para enfrontar os grandes retos e desafíos que ten Galiza”, Pontón debullou as liñas orzamentarias que o goberno alternativo do BNG defenderá nas súas emendas para que “as necesidades que hoxe teñen os galegos e as galegas se vexan reflectidas na contas públicas do ano que vén”.
A comezar pola vivenda, un dos grandes problemas que sofre o conxunto da cidadanía, particularmente a xente moza. Neste sentido, a portavoz nacional defendeu a posta en marcha dun plan cuadrianual de 50 millóns de euros para a compra de vivenda baleira co obxectivo de poñela no mercado de aluguer a prezos accesibles, tendo en conta que só nas grandes cidades hai 90.000 inmobles construídos onde non vive ninguén.
Unha medida que permitiría poñer no mercado dun xeito máis rápido, ecolóxico e social vivenda protexida ao servizo das persoas que a necesitan e que sumou á outra das propostas neste ámbito de actuación, a cualificación permanente de toda a vivenda protexida, sen excluír ningunha como si fai cunha parte moi importante o Executivo de Alfonso Rueda no seu proxecto orzamentario.
Nesta liña, criticou uns orzamentos en política de vivenda que “favorecen a especulación”, con beneficios fiscais ás construtoras, fondos voitre e grandes fortunas que decidan comprar ou construír pisos para alugar sen límite algún nos prezos.
Rebaixa fiscal que ascendería a 22.500 euros, no imposto de actos xurídicos documentados, para un fondo voitre que compre un edificio de dous millóns de euros, pero que non suporía ningún beneficio para a xente que busca un alugueiro. “
“Esta é a medida estrela do Goberno de Rueda para axudar á xente moza e ás familias que buscan unha vivenda”, reprobou, logo de concluír que os orzamentos neste ámbito de actuación son ademais “papel mollado” porque sistematicamente incumpre o investimento en vivenda. De feito, tan só entre 2019 e 2023 deixou se executar 124 millóns, o 68% do previsto nas contas xerais.
En materia de política social, Pontón destacou outras dúas propostas concretas: incrementar o financiamento do Servizo de Atención a Domicilio (SAF), pasando dos 12 euros aos 20 euros por hora de servizo prestado, e duplicar o complemento das pensións non contributivas, prestacións que non chegan aos 400 euros e que o Goberno do PP volve conxelar en 2025 de novo tras subilas un euro ao mes en 2024, logo doutros 15 anos de conxelación.
No ámbito sanitario, o BNG defende a posta en marcha dun plan de saúde mental, dotado con 25 millóns de euros, para “dotar de profesionais en psicoloxía clínica a todos os centros de Atención Primaria”, tendo en conta que a saúde mental concentra o 30% das consultas realizadas nos centros de saúde. Ademais, avoga por crear unha unidade de saúde mental infanto-xuvenil en todas as áreas sanitarias, cuestión que considerou clave para abordar un problema ao que o Executivo de Rueda segue sen dar resposta.
Ante a “situación de emerxencia” na que se atopa o galego, a portavoz nacional avanzou unha emenda para triplicar os fondos destinados ao apoio á lingua, logo de que o Goberno do PP volva conxelar o investimento no idioma que, fronte ao exercicio 2009, supón un recorte de nada máis e nada menos que o 45%.
Canon eólico: perdas millonarias
En materia de fiscalidade, Pontón avanzou propostas verdadeiramente sociais para “contrarrestar as políticas regresivas do Partido Popular” marcadas pola “sangría de recursos públicos a costa de agasallos fiscais aos máis ricos”.
A líder nacionalista rexeitou en primeiro lugar que as eléctricas reciban ningún tipo de bonificación fiscal como pretende o PP -“o colmo do descaro, dados os beneficios que acumulan”, recalcou- e anunciou que o BNG proporá que o canon eólico se aplique en función da potencia instalada e non do número de muíños.
Neste sentido, arroxou un dato moi ilustrativo: se o PP modifica a normativa vixente pola porta de atrás a través da Lei de acompañamento impedindo que o canon se aplique segundo a potencia instalada -ao que se ten oposto reiteradamente no Parlamento-, as eléctricas pasarán a pagar 125.000 euros na vez dos 1,6 millóns que pagan actualmente.
“O que creemos dende o BNG é que as eléctricas teñen que pagar máis impostos porque teñen uns beneficios que son escandalosos e o que deixan do noso territorio non son nin as migallas”, afondou, para anunciar a continuación que a formación nacionalista tamén proporá aumentar o imposto sobre o dano medioambiental causado por augas encoradas co obxectivo de triplicar a súa tributación e alcanzar os 24 millóns de recadación.
En segundo lugar, a portavoz nacional tamén apostou por aplicar un imposto ás vivendas baleiras dos grandes propietarios, o que reforzaría o plan de compra pública de vivenda baleira e fomentaría a mobilización destes inmobles.
E, por último, defendeu reverter o “agasallo fiscal” que o PP outorga ás 7.000 persoas con máis patrimonio do País, un total de 34 millóns de euros que a portavoz nacional avoga por destinar a medidas sociais, como a contratación de máis profesionais sanitarios.
Deste xeito, evidenciou a “propaganda” do Executivo Rueda, que presume dunha rebaixa fiscal de 1.300 millóns nos últimos catro anos, pero que non explica que a medida supón tan só 55 euros para as persoas con 12.500 euros anuais, pero 550 euros para as que ingresan 60.000 euros ou nada menos que 4.415 euros cada ano para os “7.000 privilexiados con máis patrimonio de Galiza”.
Ademais dos recortes en materia de vivenda e a súa política fiscal regresiva, Pontón tamén criticou que o PP vai drenar este ano 160 millóns de euros para financiar residencias privadas, que se negue a negociar a quita da débeda lograda polo BNG pese a que o pago da mesma vai ser de novo a terceira partida máis alta dos orzamentos e que, pese a repetir o mesmo mantra ano tras ano de que serán as contas máis altas da historia con 354 millóns adicionais, descontando a inflación e os 300 millóns do compromiso para rescatar ás concesionarias das autoestradas, o incremento "será ínfimo", concluíu.