Ana Pontón propón un concerto económico para darlle a Galiza a chave dos cartos fronte a un modelo co que perdeu 14.000 M€

“Hai que acabar con esta discriminación que empeora a vida dos galegos e das galegas”, alega nun acto homenaxe a Castelao en véspera do 28X

Recadar e xestionar o 100% dos recursos e facenda fiscal propia, claves do modelo do BNG, que aposta por unha negociación bilateral co Estado

Rexeita a falacia da dependencia que difunden as forzas centralistas: “Non é Galiza quen vive do Estado, é o Estado quen fai caixa en Galiza”

Sen autonomía financeira a autonomía política é papel mollado. Con esta premisa o BNG presentou a súa proposta de financiamento para Galiza aproveitando un acto de homenaxe a Castelao, impulsor do Estatuto de 1936, en véspera da data da súa aprobación en referendo,  un estatuto que situaba a Galiza como nación.

Nunha declaración institucional, a portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu un modelo de financiamento “propio, singular e adaptado á realidade do País, que lle permita a Galiza ter a chave dos seus cartos”, sintetizou, fronte a un sistema apoiado polo PP que lle deixa un déficit de 14.000 millóns de euros a este País. “Hai que acabar con esta discriminación porque empeora a vida dos galegos e das galegas”, argumentou Pontón.

Panteón Galegos Ilustres
Panteón Galegos Ilustres

A alternativa do BNG é un concerto económico para Galiza, similar ao que desfruta Euskadi ou Navarra, unha proposta que parte da confianza no País fronte á falacia de que Galiza é pobre e depende de recursos alleos: “Non é Galiza quen vive do Estado é o Estado quen fai caixa con Galiza”, recalcou.

O modelo de financiamento que propón o BNG aposta pola suficiencia financeira, pola recadación e xestión do 100% dos recursos e por unha facenda propia con capacidade fiscal plena para aplicar unha política impositiva distributiva. E, como mecanismo de negociación, a bilateralidade Galiza-Estado tras o fiasco do café para todos dunha multilateralidade que deu como resultado un sistema que lle fai perder a Galiza 1.075 millóns de euros anuais, segundo a estimación do Consello de Contas.

“De ningunha maneira imos permitir que se volva impoñer un sistema lesivo como o que levamos 15 anos soportando e como nación histórica recoñecida no actual marco constitucional temos dereito a reclamar un sistema de financiamento propio, singular, porque se alguén necesita mellorar o seu status financeiro é Galiza”, sintetizou Pontón, quen explicou na súa intervención os “principios” do modelo de financiamento que formula o BNG.

“O primeiro é ambición e confianza no País fronte ao discurso falso das forzas do centralismo da Galiza pobre e dependente do Estado, como se os galegos e as galegas non pagásemos impostos. Rexeitamos de plano esta falacia que só debilita a nosa posición ante o Estado no debate dun novo modelo de financiamento”.

O sistema que propón o BNG ten tamén como principio a suficiencia financeira “para que Galiza gane”, recalcou a portavoz nacional,  tendo en conta que están en xogo os recursos para afrontar cuestións de tanta relevancia como sufragar os servizos públicos, a ciencia e investigación, fortalecer o estado do benestar ou darlle futuro ás novas xeracións.

E a terceira clave da proposta do Bloque pasa por darlle a Galiza a recadación e xestión do 100% dos seus recursos, para decidir desde aquí as prioridades de investimento e de gasto, axustando despois contas co Estado, así como unha facenda propia con capacidade fiscal plena para aplicar unha política de impostos xusta, lonxe dos agasallos fiscais aos máis ricos que promove o goberno do PP, mentres recorta en servizos públicos básicos.

Rueda, apóstolo do centralismo

“Igual que fixeron Castelao e Bóveda, defendemos unha Galiza que avance na súa capacidade de decisión tamén no financeiro, porque temos claro que sen autonomía financeira non hai autonomía política”, explicou Pontón, “e esta defensa é máis importante que nunca,  diante dun goberno do PP e dun presidente da Xunta que actúa como verdadeiro apóstolo de centralismo, instalado nun discurso acomplexado e falaz dun País pobre e dependente”, criticou.

En contraposición, o BNG aposta por un modelo de financiamento propio e adaptado a realidade galega, “e por seguir avanzando en autogoberno co inicio da negociación e a transferencia efectiva de todas as competencias previstas no actual Estatuto e considerando que hai que activar, desde o sosego e a confianza en Galiza, o debate para dotar a Galiza dun novo status político que nos recoñeza como o que somos: unha nación histórica, con pasado, con presente e con moito futuro se confiamos en nós mesmos e en nós mesmas”.

Empoderar Galiza

No acto de homenaxe a Castelao, a líder do Bloque tamén lembrou que foi precisamente o abandono e a discriminación do Estado a que provocou un gran levantamento popular que derivou na declaración da primeira república galega, tal día como hoxe de 1931, unha mostra de dignidade e de orgullo que tivo como detonante a decisión de suspender as obras para facer chegar o ferrocarril.

“Nunha encrucillada histórica como a que estamos a vivir, nun tempo de crise e de grandes desafíos, temos que construír unha Galiza empoderada, con máis poder político e económico, para mellorar a vida das persoas”, subliñou Pontón, desde o convencemento de que o autogoberno é unha ferramenta clave para mellorar a vida dos galegos e das galegas, “fronte a un centralismo que é letal, que nos limita e que nos fai perder oportunidades e o modelo de financiamento que soportamos é un exemplo máis da factura que pagamos por ese centralismo”, concluíu.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG