"En Galiza non hai Axenda Urbana, levamos moitos anos perdendo nese ámbito, e un dos compromisos que adquirimos desde o BNG é que se o 12 de xullo os galegos e as galegas nos dan a capacidade para liderar o Goberno poremos en marcha o primeiro ano unha Axenda Urbana no noso país". Así o anunciou a portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, desde Pontevedra, onde estivo acompañada polo alcalde Miguel Fernández Lores, e polo cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Luís Bará.
Aproveitando o Día Mundial do Medio Ambiente a líder nacionalista visitou a cidade do Lérez para felicitar "a todos os pontevedreses e pontevedresas e ao equipo de goberno do BNG" polo traballo colectivo a prol dun modelo urbano respectuoso co equilibrio ambiental e que vén de acadar un novo premio internacional concedido pola Comisión Europea. "Se hai unha referencia de cambio transformador desde o punto de vista ecolóxico nas cidades galegas, esa é Pontevedra" asegurou Pontón, ao tempo que lembrou que "é un exemplo internacional na aposta por un cambio de modelo de cidade, que pon as persoas no centro, que aposta pola sustentabilidade e por espazos públicos máis amables a unha escala humana".
Ana Pontón quixo aproveitar o Día Mundial do Medio Ambiente para facer "unha reflexión de futuro nun momento no que temos unha emerxencia ecolóxica, unha crise ambiental e unha crise sanitaria que está poñendo o foco sobre a necesidade de modelos urbanos que sexan sostibles, e que aposten pola cohesión social e pola sustentabilidade desde o punto de vista económico".
Asegurou que a Axenda Urbana está orientada a acadar "a gran transformación que requiren todas as cidades e as vilas no país" e que o exemplo de Pontevedra “é un aval e unha garantía de que o nacionalismo ten capacidade para a transformación en positivo, que ten unha experiencia importante, e que estamos preparados e preparadas para gobernar e poder transformar en positivo Galiza".
Na mesma liña tamén se manifestou o cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Luís Bará quen asegurou que o vindeiro 12X será necesario elixir "en que tipo de vilas e cidades queremos vivir para ter unha vida mellor, con máis calidade e con máis saúde". Neste sentido, afirmou que "o PP non ten un modelo enriba da mesa, mentres que o BNG ten un que ademais non é teórico senón que o podemos comprobar e contrastar".
Pola súa banda o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores fixo referencia á campaña "Efecto PO2" que definiu "como todo o contrario do que produce CO2, e que se refire ao que levamos feito nestes 20 anos para reducir contaminación ambiental e acústica, recuperar o espazo público para as persoas, e tamén aos retos de futuro nos que estamos traballando xa como a xestión do ciclo da auga ou a xestión de residuos a través da compostaxe".
A Axenda Urbana
Ana Pontón adiantou os principais criterios que se incluirán na proposta de Axenda Urbana:
- Minimización da contaminación urbana de todo tipo, industrial, residencial e, especialmente a asociada ao tráfico rodado. Esta última estaría centrada en medidas de redución e calmado de tráfico fronte a outras medidas discriminatorias por razón de ingresos e de renda (como exemplo, citou o tipo de vehículo permitido ou cobrar por circular polas cidade).
- Medidas para a redución efectiva das emisións de gases de efecto invernadoiro
- Medidas para lograr que os asentamentos humanos sexan cómodos, agradábeis e seguros, con especial énfase na actualmente moi deficitaria seguranza viaria.
- Potenciación da prevención, reutilización e reciclaxe de todo tipo de residuos xerados polas actividades produtivas que subministran aos asentamentos humanos e pola propia actividade destes asentamentos. En particular fomento da compostaxe da fracción orgánica (mais do 50% do total) coa máxima proximidade posíbel ao lugar de xeración.
- Modificación dos límites de edificabilidade das actuais normas urbanísticas para favorecer a compacidade dos asentamentos co duplo obxectivo de favorecer a cohesión social e limitar a ocupación indiscriminada do territorio.
- Redución do consumo de enerxía dos servizos urbanos: ciclo da agua con especial énfase na minimización de fugas, iluminación pública, e uso de enerxías renovables en edificios públicos.