A portavoz nacional, Ana Pontón, pecha en Zürich os seus encontros en Suíza coa colectividade galega na emigración, a máis numerosa de toda Europa, trasladando as propostas do BNG para unha nova xeración de emigrantes chegados ao país alpino nos últimos anos, en particular tras a crise de 2009, cunha problemática específica derivada da súa alta formación.
Entre elas, as dificultades que atopan para homologar os títulos de formación profesional, un proceso que poder tardar meses ou mesmo anos, provocando que sexan penalizados no mercado laboral suízo.
“Coa crise chegou unha nova xeración de galegos e galegas con moita formación e preparación que está tendo dificultades para que esa formación sexa homologada e lle permita ter un salario acorde coa súa cualificación”, salientou Pontón. Un problema que non afecta aos títulos universitarios que, tras Bolonia, teñen un procedemento moi regulado para validar titulacións, “pero si á formación profesional, de tal xeito que os galegos e as galegas que chegan a Suíza cun título de FP teñen moitas dificultades para convalidalo”.
“A consecuencia é grave, porque as empresas aproveitan para pagarlles menos salario coa escusa de que non teñen homologado o seu título pese a que realizan con toda eficacia o traballo”, explicou. Para dar unha solución, o BNG vai levar o asunto ao Parlamento “propoñendo que o Goberno da Xunta, con competencias en materia de Educación, negocie co Goberno suízo un convenio de colaboración que permita a homologación directa e automática dos títulos de FP, evitando así calquera demora que discrimine e penalice laboralmente os galegos e galegas que traballan neste País”.
Pontón tamén recolleu outra das demandas que lle trasladou a emigración, en particular a que ten fillos e fillas nacidos xa no País de acollida e que queren manter a súa lingua, pero apenas reciben formación no propio idioma e carecen por completo de contidos audiovisuais para as crianzas.
“Se hai algo que une a todos os galegos e as galegas iso é o noso idioma, unha riqueza que non se debe perder, sobre todo de cara as novas xeracións”, salientou, “por iso é importante facilitarlle a xente nova, desde a infancia a adolescencia, contido audiovisual en galego e unha formación continua na nosa lingua e cultura, porque queremos e apreciamos aquilo que coñecemos”.
Neste caso, a proposta do BNG é dobre: crear o Instituto Rosalía de Castro, similar ao Cervantes, e emisión en Suíza da programación infantil e xuvenil da TVG.
“A máis inmediata é que a TVG emita a través da súa canle internacional programación infantil e xuvenil en galego, non se entende que non o faga, deixando fora aos nenos e nenas galegas que están en Suíza e noutros países de Europa”, indicou.
Promover a lingua a cultura propias
A segunda proposta é poñer en marcha o Instituto Rosalía, “para difundir e promover a nosa lingua e a nosa cultura no exterior, porque hoxe o Instituto Cervantes imparte cursos de español en Suíza, pero sendo a galega a colectividade máis numerosa, non ten acceso a estudar o propio idioma dun xeito continuado. Tamén permitiría ter acceso á cultura en galego, tanto en materia de literatura, de cine, música, teatro, banda deseñada. En definitiva, un acceso continuo a cultura e a toda a creación artística que se está facendo en Galiza”, explicou Pontón.
A líder do BNG, que en Zürich visitou o centro galego de Lalín e o de Compostela e mantivo un encontro coa colectividade asentada nesa cidade, volveu facer un recoñecemento á aportación da emigración ao desenvolvemento do País, pero destacando que o Bloque ten un proxecto de futuro para Galiza e para evitar que ninguén teña que coller as maletas por falta de oportunidades.
“O BNG ten un proxecto para darlle oportunidades de futuro a xente do noso País, Para que non haxa tantas familias separadas e para que cada vez que un galego ou unha galega saca un billete de tren ou de avión para irse fora sexa por vontade propia e non por necesidade, non porque Galiza non lle da as oportunidades que merece”, destacou.
“Como portavoz nacional do BNG sei que esa Galiza é posible, porque temos unha alternativa para darlle futuro ao noso País, unha Galiza que non deixe marchar o talento senón que o traia de volta”, concluíu.