Ana Pontón propón a creación dunha oficina permanente en Suíza que preste asesoramente e información á emigración galega

Centro Galego de Basilea
Centro Galego de Basilea

Reclama acabar coa discriminación fiscal que soportan na tributación das súas pensións as persoas emigrantes galegas retornadas

Desde Basilea fai un recoñecemento a todo o que a emigración ten aportado a Galiza e lamenta que en 2023 miles de mozos e mozas teñan que seguir collendo as maletas por falta de oportunidades

 

Santiago de Compostela, 15 de Abril 2022.- A portavoz nacional, Ana Pontón, está de viaxe en Suíza para coñecer de primeira man a realidade da colectividade galega nese país, integrada por máis de 41.000 persoas, máis dun tercio da poboación de cidades como Lugo, Ourense, Pontevedra ou Santiago, o que converte ao Estado helvético no que máis emigración galega acolle de toda Europa.

Para atender as necesidades deste amplo colectivo que abarca varias xeracións de galegos e de galegas, a líder do BNG avanzou desde Basilea que a formación nacionalista vai levar ao Parlamento a proposta de que Galiza dispoña dunha oficina permante en Suíza para atender, asesorar e informar a xente da emigración.

“Unha oficina física e permanente co persoal e medios necesarios para que os nosos emigrantes teñen un lugar de acollida, unha oficina que lles axude no momento da chegada a Suíza, na que recibir información e asesoramento e desde a que facer todo tipo de trámites administrativos, con axilidade e co menor custe posible”, explicou a portavoz nacional do Bloque.

Trámites como a xestión de documentación, información laboral, fiscal, legal, de acceso a vivenda, asesoramento en materia de dereitos e deberes no país de acollida, sobre as axudas que poden solicitar,-indicou-, “sobre todo cando o idioma pode ser unha dificultade engadida e se agradece que che falen na túa propia lingua”. “Unha oficina que, por exemplo, te acompañe en todo o proceso de retorno, para que sexa nas mellores condicións posibles e sen perder dereitos polo camiño”, salientou, nunha Suíza que, segundo os datos oficiais, é o país que máis emigración galega computa.

A líder do Bloque tamén fixo referencia á “discriminación” fiscal que sofren os emigrantes galegos por parte da Facenda do Estado, cando deciden retornar a Galiza despois dunha vida de traballo, agravios como o derivado da dobre tributación ou o diferente trato no importe exento de declaración da renda.

“É inxusto que ás persoas emigrantes se lles penalice fiscalmente poñendo unha cantidade libre de impostos máis baixa que para o resto de pensionistas, porque nada xustifica que o conxunto das persoas pensionistas estean libres da declaración de IRPF se a súa pensión non supera os 22.000 euros anuais, pero no caso dos e das emigrantes retornadas de Suíza teñan que facer a declaración da renda a partir de 14.000 euros”,explicou Pontón.

Neste sentido, o BNG vai seguir reclamando ao Goberno central que acabe con esta discriminación e, pese a que xa logrou un acordo no Congreso nesa dirección, seguirá vixiante até que sexa efectiva a equiparación fiscal das persoas emigradas retornadas co resto das pensionistas. Unha tributación polas pensiósn que debe incluír tamén a supresión da dobre tributación.

Pensións de invalidez

Igualmente, en materia fiscal, o Bloque trasladou á colectividade galega en Suíza que presentará iniciativas parlamentarias para que haxa un recoñecemento automático tanto das pensións de invalidez como dos certificados de discapacidade emitidos no estranxeiro “para que todas as persoas emigrantes retornadas nesta situación non perdan ningún dereito”, indicou.

Outra cuestión que preocupa é o recorte de servizos públicos que afectan a aqueles emigrantes retornados que nunca tivesen cotizado nin en Galiza nin no Estado español, porque quedan excluídos do acceso gratuíto á sanidade pública e están obrigados a pagar unha cota de 90 €/mes.

“Non é normal que despois de que o teu País de orixe che obrigue a coller as maletas por falta de traballo digno, por falta de oportunidades, cando decides retornar te trate como unha cidadá de segunda que non ten dereito a sanidade pública, cando estamos falando de algo tan básico como a saúde das persoas”, explicou Pontón.

Recoñecemento á emigración

A líder do BNG fixo un recoñecemento expreso do papel da emigración e do moito que os emigrantes teñen contribuído á “modernización e dinamización económica de Galiza”, moi en particular ás primeiras xeracións que marcharon a Suíza nas décadas dos sesenta, setenta e oitenta. Destacou ademais, o drama en termos persoais e colectivos que supón que no 2023 miles de galegos e galegas, os máis formados da historia, teñan que seguir collendo as maletas de cara a emigración, “como antes fixeran os seus pais e nais e mesmos os seus avós”.

“Estamos perdendo talento que custou moito formar, miles de mozos e mozas que terminan por levantar os seus proxectos de vida fora, en Suíza ou noutros países. E temos que traballar, e así o estamos facendo desde o BNG, para que Galiza sexa un País do que ninguén teña que marchar por falta de oportunidades, porque teña un traballo precario ou un salario que non lle permite chegar a fin de mes, pese a estar profesionalmente moi formado”, explicou.

Pontón manterá diversas reunións en Basilea que concluirá cunha xuntaza coa colectivadade no centro galego A Sementeira, e seguirá mañá a súa visita coa colectividade galega en Zürich acompañada da eurodeputada e responsable de política exterior do BNG, Ana Miranda.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG