Na comparecencia para valorar os resultados electorais, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón agradeceu o apoio de todos os galegos e galegas que confiaron no BNG así como a militancia e colectivos, como Compromiso por Galiza, e persoas “sen o carné do BNG” que fixeron posible o retorno desta forza política ao Congreso dos deputados.
A portavoz nacionalista afirmou que é “unha boa noticia que o Bloque” volva a ter representación porque será a garantía de que Galiza exista con “voz propia” pero tamén para contribuír a que no Estado español non se produza ningún tipo de involución democrática. Estaremos aí para que se produza un goberno de progreso pero sempre marcado por “unha axenda galega e con solucións aos problemas do noso país”, explicou.
Ante o novo mapa político do 10N, Pontón mostrou a súa preocupación polo peso da extrema dereita cuxa responsabilidade, dixo, corresponde tanto a dereita como á esquerda española. O Partido popular e Ciudadanos pactaron con Vox normalizando a un partido “xenófobo, racista, machista e antigalego” e PSOE e PODEMOS por non plantarlle cara na campaña electoral contribuíndo ao seu “branqueamento”.
A extrema dereita, afirmou Pontón, “hai que desenmascarala e denunciar que non é unha forza política democrática”, que busca o retroceso dos dereitos e liberdades e mesmo se atreveu a defender “a ilegalización da Xunta de Galiza, do Parlamento de Galiza e do BNG”. Que máis ten que pasar, preguntou a líder nacionalista, para que Núñez Feixóo se “desmarque dos pactos do Partido popular coa extrema dereita?. Se non o fai é cómplice do seu branqueamento”.
Pontón manifestou que en Galiza, xunto a Euskadi e Navarra, a extrema dereita non obtivo ningunha representación e concretamente en Galiza “foi o escano do BNG o que lle parou os pes”.
A portavoz do BNG tamén se referiu aos resultados acadados polas forzas nacionalistas do Estado que achacou ao discurso recentralizador e unha deriva que pretende “negar as nacións que conforman o Estado español”.
O BNG VAI A ALZA E SUMA
A líder nacionalista reiterou que o BNG é unha forza política que “vai a alza e suma”, coa man tendida a todos os galegos e galegas que cren que Galiza precisa dunha alternativa como a que representa o BNG. Fixemolo nesta campaña e seguiremos nesa senda porque temos un grande reto no ano 2020, “un cambio” para alonxar da Xunta de Galiza ao Partido popular e para iso é necesario que o BNG obteña o mellor resultado posible, concluíu.