Galegas 2020

Ana Pontón pon ao BNG como garantía de cambio real capaz de frear a sangría industrial de Ferrolterra

Acto Fene
Acto Fene

Convencida de que o 12X haberá cambio galego se todas as persoas fartas coa Galiza minguante de Feixóo se mobilizan nas urnas apostando polo Bloque

Rivas: “Tras a pandemia a aposta polos servizos públicos é aínda máis urxente”

Sector industrial, emprego, saneamento da ría, modernización do transporte ferroviario e comercio local, entre as prioridades para a comarca

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, destacou no acto coa militancia en Fene o seu convencemento de que Galiza vai abrir un tempo novo o vindeiro 12x se todas as persoas que queren un cambio real se mobilizan de xeito masivo optando polo BNG para liderar un Goberno da Xunta capaz de defender os intereses de Ferrolterra e do país.

“O noso centro de decisión é Galiza e temos un proxecto serio, solvente e fiable capaz de deixar atrás unha década de desfeita do Goberno do PP. E imos polo bo camiño, porque o BNG está á alza e cada día que pasa son máis as persoas que miran cara nós como a garantía de cambio real, porque saben que temos políticas transformadoras e que non imos fallar”, argumentou.

En relación á comarca de Ferrolterra, criticou o “nefasto” balance do candidato do PP “porque non foi capaz de sacar adiante nin unha soa das cuestións desta comarca”, por contra, “está convertido nunha máquina de destrución de emprego que está deixando o sector industrial galego convertido nun deserto”. “A sangría non cesa, non pasa un día sen que teñamos unha empresa en risco de peche ou baixo un ERE, nesta comarca temos moitos exemplos, como o último de Noa Madera”, lamentou.

Ferrolterra terá nun goberno liderado polo Bloque “un aliado do sector naval” para defender os seus intereses e conseguir carga de traballo, “ao contrario do fiasco de PEMEX que acabou cunha investigación por fraude por parte do goberno mexicano”. O mesmo se pode dicir coa recuperación integral da Ría, unha eterna promesa sen cumprir, desaproveitando riqueza e postos de traballo, pero que é prioritario para o BNG.

E nada se fixo tampouco para modernizar as conexións ferroviarias entre Ferrol e A Coruña, “que soporta un tren do século pasado, pese a que miles de persoas se moven a diario entre ambas cidades por razóns de traballo, para facer xestións ou mesmo de ocio”, alegou. Neste sentido, destacou a creación do GALTREN para potenciar o transporte ferroviario de cercanías.

Nada tampouco para evitar a deslocalización de empresas, nin para evitar o deterioro progresivo do comercio local, pese a ser unha fonte de cohesión social e urbana e de creación de emprego. Un plan de revitalización do comercio de proximidade será parte da acción de goberno do BNG.

No acto, a portavoz nacional destacou que pandemia trouxo profundas mudanzas, pero hai unha cuestión que ten máis vixencia que nunca: a necesidade de abrir un tempo novo logrando un cambio galego nas urnas da man do BNG. “Estou máis ilusionada que nunca coas posibilidades que ten o Bloque de obter un gran resultados o 12X e poder cambiar o rumbo do país nos vindeiros anos, teño máis ilusión que nunca con que consigamos escribir unha páxina na historia, facendo que por primeira vez Galiza teña unha muller e unha nacionalista presidenta”.

Pontón deixou claro que ante as urnas só hai dúas opcións: ou o inmobilismo do PP ou o cambio galego do BNG: “o 12X temos a oportunidade de abrir portas e ventás e que entre aire fresco na Xunta, a oportunidade de abandonar o inmobilismo dun Feixóo que se esconda tras a pandemia para agochar once anos de fiasco que nos deixan unha Galiza en crise económica, social e política”, denunciou, pero hai alternativa para lograr un cambio real, á que representa “o proxecto autocentrado, innovador e futurista” do BNG.

Frear o devalo industrial

Pola súa parte, o cabeza de lista pola Coruña, Xosé Luís Rivas salientou en Fene que un goberno do BNG na Xunta “vai frear o devalo industrial” e porá en valor as potencialidades do país abandonadas polas políticas lesivas dun PP que, denunciou, leva “once anos amosando a súa faciana máis prepotente” pero esquece esa prepotencia cando ten que defender a produción naval, os postos de traballo de ALCOA e a revitalización do medio rural.

O BNG, recalcou, presenta un programa “con alternativas e solucións” para poñer a producir os nosos estaleiros e finalizar os ciclos produtivos no noso país. “O valor engadido dos nosos produtos teñen que reverter aquí” e non marchar para fóra como acontece coa nosa mocidade, “temos que impedir que a nosa riqueza marche, temos que impedir esta sangría de talento, de emprego, de capacidade para converter a industria naval nun motor da nosa economía”.

Un goberno do BNG na Xunta, reiterou, Rivas, nunca será cómplice da privatización da sanidade, nin dos coidados das persoas maiores, “e xa vimos na pandemia a importancia de ter servizos públicos fortes, libres de recortes e privatizacións para salvar vidas”. “Un goberno liderado polo Bloque porá en marcha políticas valentes contra o abandono do medio rural e medidas para favorecer o emprendemento, o comercio e o emprego”. Rivas concluíu a súa intervención asegurando que só poderemos avanzar con “vontade política” e o BNG leva demostrada esa vontade en todos os concellos nos que goberna, facendo vilas e cidades nas que as persoas son o primeiro, concluíu.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG