Ana Pontón pídelle a Rueda que rectifique e acuda á reunión con Sánchez a concretar a quita da débeda lograda polo BNG

Ana Pontón
Ana Pontón

Critica que a 24 horas da reunión manteña a súa disparatada decisión de renunciar a unha redución do 20% na débeda por intereses partidistas

Denuncia que o titular da Xunta, na vez de traballar para que se cumpra, boicotea o acordo acadado polo Bloque prexudicando ás e aos galegos

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu dende Rianxo a Alfonso Rueda, a 24 horas da súa reunión co titular do Executivo central, que “aparte os intereses do Partido Popular”, “se poña a defender os intereses de Galiza”, e vaia con toda a disposición ao encontro “a concretar canto antes unha quita da débeda”, acadada polo BNG no acordo de investidura, que significaría “ter máis recursos para poder atender as necesidades do País”.

Pontón pediu deste xeito ao presidente da Xunta que rectifique a súa decisión de renunciar a abordar na xuntanza con Pedro Sánchez a quita da débeda e un mellor financiamento para Galiza, unha situación que cualificou de “inédita” ao persistir “no disparate de dicir non a unha redución da débeda do 20%”, incidiu dende Rianxo, onde realizou un percorrido polas Festas da Guadalupe.   

“É unha situación inédita e disparatada porque a ningunha persoa que lle ofrezan reducir un 20% a súa hipoteca, diría que non”, exemplificou a líder nacionalista, quen acusou ao titular do Executivo do PP de estar “prexudicando os intereses dos galegos e das galegas”, única e exclusivamente “por seguir as instrucións que lle mandan dende a rúa Génova”.  

A portavoz nacional recordou que o BNG conseguiu no seu acordo de investidura co Partido Socialista que a Galiza se lle teña que condonar a débeda exactamente igual que a calquera outra comunidade, un acordo fronte ao que Rueda, advertiu, “en vez de traballar para que se cumpra, o que está é boicoteándoo e prexudicando os intereses dos galegos e das galegas”.

“Se en vez de estar falando do presidente da Xunta, estivéramos falando dun directivo dunha empresa que ten unha débeda de 14.000 millóns de euros e que o banco ao que lle debe esa cantidade lle ofrece reducila nun 20% pero se nega, ese directivo sería despedido inmediatamente”, afondou, para advertir a continuación que “iso é exactamente o que está facendo o señor Rueda”.    

Pontón recordou que o PP triplicou durante o seu mandato a débeda pública de Galiza, que xa alcanza os 14.297 millóns de euros, segundo o último dato publicado polo Banco de España, e que o seu pago é, a día de hoxe, a terceira partida de gasto dos orzamentos, desmontando así con datos o argumento de Rueda, para quen a débeda non supón un problema para o País.   

“Despois da sanidade e a educación, no que se máis se gasta é en pagar a débeda e os intereses que xera”, recalcou para concluír a continuación que “esa redución do 20% que negociou o BNG” significaría “ter máis recursos dispoñibles” para atender, por exemplo, “a sanidade, a educación ou a dependencia”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG