A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, instou a veciñanza de Redondela a unha mobilización masiva nas urnas para abrir un tempo novo da man do BNG o 12 xullo e deixar atrás a Galiza “minguante” que nos deixan once anos de goberno do PP, nun acto que tivo lugar no multiusos da Xunqueira, no que tamén participou o portavoz municipal, Xoán Carlos González, a candidata pola localidade, Yésica García, e o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará.
Previamente, a líder nacionalista mantivo un encontro coa asociación feminista As Paxaretas, coa que abordou cuestións relacionadas coa igualdade real ou da loita contra a violencia machista, que o BNG converterá en cuestión prioritaria de goberno, empezando por incrementar os recursos na loita contra a violencia machista até o 1% dos orzamentos da Xunta, 100 millóns de euros.
Durante o acto con militancia e simpatizantes, a portavoz nacional pandemia trouxo profundas mudanzas, salientou a líder nacionalista, pero hai unha cuestión que ten máis vixencia que nunca: a necesidade de abrir un tempo novo logrando un cambio galego nas urnas da man do BNG. “Estou máis ilusionada que nunca coas posibilidades que ten o Bloque de obter un gran resultados o 12X e poder cambiar o rumbo do país nos vindeiros anos, teño máis ilusión que nunca con que consigamos escribir unha páxina na historia, facendo que por primeira vez Galiza teña unha muller e unha nacionalista presidenta”.
Pontón deixou claro que ante as urnas só hai dúas opcións: ou o inmobilismo do PP ou o cambio galego do BNG, para saír adiante dunha crise que deixa miles de persoas nun ERTE, ERE, no paro, que deixa a miles de autónomos pendentes dun fío e, neste escenario, o BNG “non vai permitir que a paguen @s de sempre”.
“O 12X temos a oportunidade de abrir portas e ventás e que entre aire fresco na Xunta, a oportunidade de abandonar o inmobilismo dun Feixóo que se esconda tras a pandemia para agochar once anos de fiasco que nos deixan unha Galiza en crise económica, social e política; para deixar atrás o fiasco de once anos de submisión, antes a Raxoi e agora a Casado; unha Galiza con cero transferencias nunha década, cun avellentamento galopante e cunha crise demográfica reflexo da agónica situación socioeconómica e laboral que nos deixa o candidato do PP”, alegou.
Pero hai alternativa para lograr un cambio real, á que representa “o proxecto autocentrado, innovador e futurista” do BNG, -proclamou-, desde o convencemento de que “somos a única forza capaz de ofrecer unha solución de futuro con garantías, con seriedade e con solvencia contrastada, porque somos unha forza de fiar”, alegou.
Un proxecto que tamén implica poñer en marcha medidas a favor de Redondela, asumindo a defensa de cuestións que son clave para este concello pero que levan anos esperando unha solución, como acabar cunha peaxe inxusta; o saneamento da ría ou o feito de o tren pase polo concello pero ser dar servizo aos propios veciños e veciñas, cuestións todas que serán tidas en conta desde un Goberno da Xunta liderado polo BNG.
Candidatura que suma ilusión e apoios
A líder nacionalista salientou que a candidatura que representa “xera cada día máis ilusión, simpatía e adhesións” de aí o seu convencemento de que Bloque vai “dar a badalada” o 12X e Galiza poderá escribir unha nova páxina na historia “un goberno liderado por unha presidenta nacionalista cun proxecto de futuro para a nosa nación”. “Redondela tamén precisa abrir un tempo novo, conseguir un cambio real da man do BNG que mellore a vida da xente deste municipio”, concluíu.
Pola súa parte, o cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe en Redondela que o Bloque está preparado para gobernar, ten un proxecto propio, transformador, pensado “dende nós e para nós,” co aval dos gobernos municipais que están facendo as políticas máis avanzadas e transformadoras en Galiza, “e coa proba de que están continuamente recibindo premios e recoñecementos internacionais”.
Activar á xente moza
Segundo dixo o nacionalista, este proxecto propio ten como obxectivo poñer o país en marcha despois de 11 anos de estancamento e parálise. “Galiza é como un coche co motor parado que temos que reactivar”, dixo, para insistir en que hai que poñer o país a producir naqueles sectores nos que hai potencial e riqueza, tanto na terra, no mar, no monte, na cultura, na tecnoloxía, na industria, como no coñecemento.
“Temos que activar o cambio galego e para iso é precisa unha grande mobilización o próximo 12 de xullo, a mobilización do voto da xente moza, do voto urbano, do voto que pode parar a abstención que é o grande aliado do PP, para facer posible ese cambio galego e dar paso non a esta anormalidade na que nos queren facer vivir, senón nun país novo, con esperanza e con futuro, capacidade de decisión, con ferramentas políticas e financeiras, un país coa enerxía da investigación e da innovación, definitivamente presidido por una muller nacionalista e feminista como Ana Pontón”, afirmou Bará.