Galegas 2020

Ana Pontón pide á mocidade que se mobilice de xeito masivo para ser motor do cambio galego

Acto Soutomaior
Acto Soutomaior
Bará chama desde Soutomaior a concentrar na candidatura do Bloque todo o voto “galeguista, nacionalista e de amor por Galiza” para abrir un tempo novo neste país

Mitin no concello de Soutomaior, -onde o BNG obtivo o 46% do voto nas pasadas municipais e quedou a 50 votos da maioría absoluta-, un acto cheo de xente nova á quen a candidata á Presidencia, Ana Pontón, se dirixiu para facerlles un chamamento: ser o motor do cambio galego o próximo 12X cunha gran mobilización das urnas e facer historia cunha muller nacionalista liderando o próximo goberno do país.

“Somos a candidatura da mocidade”, proclamou, “e queremos ser tamén o goberno que consiga que os mozos e as mozas non teñan que seguir emigrando ou precarizad@s, por contra, queremos que teñan confianza no futuro porque unha mocidade desesperanzada é o maior fracaso que podemos ter como sociedade, hai que darlle oportunidades, que se sintan orgullosos e orgullosas nesta terra”. Pontón referíase así ao dato que ofrecen as enquisas que sitúan ao BNG como a forza con máis intención de voto entre a xente nova, tendencia que tamén percibe na rúa, nos actos nos que está participando ao longo e ancho do país e nas redes sociais, onde a xuventude é moi activa. Por iso, apelou Pontón, “pídolle á mocidade que sexa o motor do cambio galego porque estou convencida que se a mocidade inconformista, rebelde que non se resigna a ver como lle rouban o seu futuro se mobiliza nas urnas, imos ter un cambio galego e imos facer historia conseguindo que por primeira vez Galiza teña unha muller á fronte da Presidencia, que teña un goberno liderado polo BNG que servirá para que a mocidade saia da precariedade e da emigración á que a conduciron as políticas do PP”, salientou a candidata nacionalista.

Acto SoutomaiorA candidata á Presidencia destacou que o BNG é unha forza política a alza: “cada vez máis xente percibe que Galiza ten futuro se cremos en nós mesmas, en nós mesmos, se nos facemos valer, máis xente cansa da Galiza submisa, estancada e irrelevante que nos deixa o candidato do PP e mira para o BNG para poñer en marcha un proxecto de modernización e avance económico e social”.

Pontón deixou claro que ante as urnas só hai dúas opcións: ou o inmobilismo do PP ou o proxecto de futuro do BNG, para saír adiante dunha crise que deixa miles de persoas nun ERTE, ERE, no paro, que deixa a miles de autónomos pendentes dun fío e, neste escenario, o BNG “non vai permitir que a paguen @s de sempre” e, por iso, “a miña primeira decisión como presidenta será poñer en marcha un gran acordo de país para a reconstrución económica e social un acordo para erguer Galiza e darlle un futuro”.

“Fago un chamamento a todas as persoas que queren cambio real a sumarse a onda do cambio galego que cada día vai a máis e que o fagan da man do BNG, porque temos un proxecto solvente, de futuro, porque non imos fallar e porque somos a mellor alternativa para desaloxar ao PP e con el as súas políticas de recortes, privatizacións e destrución do tecido industrial e dar paso a un Goberno que cree neste país, no seu potencial e no seu futuro”, salientou.

Acto Soutomaior“O 12X temos a oportunidade de abrir portas e ventás e que entre aire fresco na Xunta, a oportunidade de abandonar o inmobilismo dun Feixóo que se esconda tras a pandemia para agochar once anos de fiasco que nos deixan unha Galiza en crise económica, social e política; unha Galiza con cero transferencias nunha década, cun avellentamento galopante e cunha crise demográfica reflexo da agónica situación socioeconómica e laboral que nos deixa o candidato do PP”, alegou.

Pero hai alternativa para lograr un cambio real, á que representa “o proxecto autocentrado, innovador e futurista” do BNG, -proclamou-, desde o convencemento de que “somos a única forza capaz de ofrecer unha solución de futuro con garantías, con seriedade e con solvencia contrastada, porque somos unha forza de fiar”, alegou.

A un escano de derrotar ao PP en Pontevedra

O cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, aproveitou a súa intervención para destacar a forza e ilusión do candidato número 4 e portavoz municipal de Soutomaior, Manuel Lourenzo. Sinalou que Soutomaior, onde o Bloque apenas quedou a un puñado de votos de desaloxar ao PP da alcaldía, é “un depósito de enerxía, de optimismo, ilusión, compromiso e xenerosidade”.

De feito, fixo un chamamento á mobilización das e dos simpatizantes para, casa por casa, persoa por persoa, facer que toda a veciñanza acuda a votar o 12X e permitir un cambio galego que faga historia e poña na presidencia da Xunta á primeira muller, Ana Pontón.

Bará chamou a concentrar “todo o voto galeguista, todo o voto nacionalista, todo o voto da xente que lle quere a este país” arredor do BNG de Ana Pontón por ser “a auténtica opción da esperanza e futuro para Galiza”. Lembrou que hai unha maioría social que quere cambio e subliñou que esa maioría ten que converterse nunha maioría de votos nas urnas, porque “toda a abstención e a división do voto galeguista serán votos para o PP”.

O cabeza de cartel destacou que o BNG afronta con optimismo e cunha gran motivación estas eleccións porque “hai partido” e non hai nada decidido. Lembrou que unha grande maioría de votantes aínda non decidiron o voto, máis de 700.000 persoas que lle poden reverter o resultado o 12X: “Abonda con que o PP perda un escano por provincia para mandalo á oposición e confinalo no banco da oposición”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG