europeas 2024

Ana Pontón pide unha gran mobilización o 9X para encher as urnas coa papeleta do BNG e que Galiza teña voz propia en Europa

Acto Soutomaior
Acto Soutomaior
Ana Miranda reivindica a candidatura de País e “100% galega” do Bloque como a única garantía na defensa dos intereses dos galegos e as galegas en Bruxelas

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a cabeza de lista ás europeas, Ana Miranda, fixeron nun mitin en Soutomaior un chamamento á mobilización masiva o próximo domingo para encher as urnas coa papeleta do BNG e que Galiza conte así cunha voz firme que defenda os intereses dos galegos e das galegas na Unión Europea.

“Xogámonos moito nestas eleccións”, recalcou Pontón, quen apelou ao conxunto da cidadanía a votar “con ilusión” pola “candidatura de País” que representa o BNG, a que sempre “vai dar a cara polos galegos e as galegas” e a que vai pelexar por acabar coas discriminacións que sofre Galiza.

“Non queremos ser máis que ninguén pero tampouco menos e na papeleta do BNG collen todas as persoas que levan a este País na súa cabeza e no seu corazón”, proclamou, para indicar que o escano galego vale dobre porque contribuirá tamén a construír unha Europa social, dos pobos, que pelexe pola paz e que poña o foco nas persoas.  

Acto Soutomaior
Acto Soutomaior

Entre outras cuestións, a líder nacionalista garantiu que o escano do BNG servirá para loitar en Bruxelas por unha reforma da Política Agraria Común que teña en conta a realidade e as necesidades do sector agrogandeiro e pola rexeneración das rías, incluída a de Vigo, o que considerou fundamental para o sector do mar.  

 Pontón criticou a PP e PSOE por querer facer un campo de batalla das súas “batalliñas madrileñas”, unhas liortas que “nada importan nin nada solucionan aos galegos e galegas” e coas que, advertiu, queren tapar as responsabilidades dese bipartidismo “en moitas das políticas que foron contrarias aos intereses de Galiza dende a Unión Europea”.  

Por iso, sinalou ao Bloque como “única garantía” de que Galiza estea representada en Europa, reivindicando o traballo desenvolvido por Ana Miranda nos últimos anos como o mellor aval de que, despois do 9 de xuño, haberá alguén que defenda nas institucións comunitarias aqueles temas que máis preocupan á cidadanía, como o acceso á vivenda, o futuro da mocidade ou dos sectores produtivos do País.

Neste sentido, Miranda reivindicou o papel do BNG á hora de levar a Bruxelas os temas que afectan directamente á vida dos galegos e das galegas, como a necesidade de que Galiza reciba máis fondos europeos, o que considerou fundamental para que, por exemplo, Soutomaior conte cunha nova EDAR que cumpra a normativa actual e elimine o emisario de vertidos no medio dos bancos marisqueiros.

Precisamente a defensa do sector marisqueiro e pesqueiro, así como do agrogandeiro, da rexeneración das rías ou da urxencia de protexer o medio ambiente e o territorio fronte aos macroparques eólicos foron outros dos exemplos que a candidata nacionalista puxo en valor para recalcar a importancia de ter “unha voz propia, unha voz galega en Europa”, que tamén acompañou ás vítimas do Alvia ante a Comisión Europea ou que defendeu a memoria histórica, apostando por que a illa de San Simón sexa “illa da memoria”.

 

“En Bruxelas falouse de todos estes temas grazas ao BNG e se o Bloque non estivese, ningún dos afectados e afectadas tería voz en Europa”, proclamou, para comprometerse a continuación a seguir defendendo os intereses de Soutomaior, da ría de Vigo e do conxunto do País nas institucións comunitarias.

 

Fronte a un PP e un PSOE “obedientes a Madrid”, o escano do Bloque en Bruxelas será o escano que defenda os intereses de Galiza, “libre e sen intermediarios”, afirmou, para subliñar que o BNG só rende contas aos galegos e ás galegas.

 

Por iso, concluíu a súa intervención animando á cidadanía a “coller a papeleta” nacionalista, a da “candidatura 100% galega”, como a única que garante o compromiso inequívoco cos intereses de Galiza e dunha Europa social, antifascista e que aposte pola paz nas relacións internacionais.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG