- A formación nacionalista tamén pide a remisión urxente ao Parlamento de toda a documentación presentada pola empresa
O BNG pide un pleno extraordinario e a comparecencia urxente do presidente da Xunta en relación ao último “pelotazo” que pretende dar o empresario Villar Mir coa venda ilegal da centrais eléctricas dos ríos Grande e Xallas.
“Solicitamos a comparecencia de Feijóo no próximo pleno, e se fai falta convocar un pleno extraordinario que se convoque, porque están no aire 300 postos de traballo na Costa da Morte, e queremos saber se os empresarios investigados polo financiamento ilegal do PP van terminar por cobrarse a súa factura en Galiza”, indicou a portavoz nacional, Ana Pontón, en visita oficial en Tomiño.
Igualmente, Pontón avanzou que o BNG pide a remisión inmediata ao Parlamento de toda a documentación que Ferroatlántica remitiu á Xunta para levar a cabo esta operación de venda dun recurso público. “Senón teñen nada que agochar, hoxe mesmo deben remitir esa documentación á Cámara e aos traballadores e traballadoras porque queremos saber as artimañas coas que Villar Mir quere levar a cabo a súa chantaxe e consolidar unha operación que é ilegal”.
Segregar as centrais da produción industrial “supón o principio do fin das plantas de CEE e Dumbría”, se ademais se consuma o “pelotazo” da venda, “suporía un espolio de recursos públicos de todos os galegos e galegas para que un empresario imputado faga caixa a costa de Galiza”, concluíu Pontón.
#DesmontadoVillarMir
Coincidindo coa presentación da petición de Ferroatlántica, o BNG lanza un vídeo de denuncia onde se recollen as concesións públicas que o Grupo de Villar Mir ten en Galiza conseguidas a golpe de contactos políticos do PP, o mesmo partido polo que agora está sendo investigado por presunto financiamento ilegal a través da súa imputación na Operación Lezo, e ao que Feijó ten que decidir se permite a venda ilegal das centrais que solicitan.
No vídeo, o BNG lembra que Villar Mir forma parte do Padroado da Fundación Fraga, á que entregou xenerosos donativos, ao tempo que se denuncia que os beneficios que o propietario de Ferroatlántica obtén de explotar os ríos, o vento e as materias primas de Galiza son os que despois financian ao PP, as súas campañas electorais e a Casa Museo Manuel Fraga.