A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que coa presentación formal de Ferroatlántica para segregar e vender as centrais do Xallas acabáronse as escusas para o presidente da Xunta que xa non pode estar “nin un minuto máis parapetado detrás da súa calculada ambigüidade”.
“Chegou a hora da verdade para Feijóo sobre Ferroatlántica e ten que dicirnos se está do lado de Galiza e do emprego na Costa da Morte o se está de lado de Villar Mir imputado por financiamento ilegal do PP”, indicou Pontón, “Feijó ten que decidir se vai defender os intereses dos galegos e das galegas oo se vai ceder á chantaxe dun empresario madrileño que, simplemente, e como sabe todo o mundo, o único que quere e facer caixa vendendo un ben público como son as centrais do Xallas para pagar as desfeitas e as débedas das súas empresas e finalmente terminar pechando as plantas de Ferroatlántica en CEE e Dumbría”, recalcou.
A dirixente do Bloque lembra os reiterados incumprimentos de Villar Mir con Galiza, tanto en termos de creación de emprego como de investimentos, mentres leva décadas engrosando millóns de euros de beneficios pola concesións das centrais eléctricas vinculadas a explotación de ferroaleacións das plantas da Costa da Morte.
Neste sentido, chama a atención sobre o incumprimento sistemático dos compromisos inversores e de creación de emprego de Ferroatlántica en Galiza, o constante baile de cifras nos sucesivos anuncios de novos postos de traballo e instalacións que nunca se executan, como o de novo publicitado forno de Dumbria, cuxa construción foi anunciada xa fai 16 anos e pola que recibiu 2,5 millóns de euros, ou os tamén anunciados 700 postos de traballo que nunca se concretaron.
Ao igual que os traballadores e traballadoras, igual que a maioría social da Costa da Morte, o BNG está en contra da segregación das centrais e a súa posterior venda ilegal. “Se Feijóo autoriza esa venda a Villar Mir, sabe que asina a acta de defunción de 300 emprego na Costa da Morte e o peche en diferido das plantas de CEE e Dumbria”, explica Pontón.
É evidente cal é “a xogada” do empresario imputado na Operación Lezo, “facer caixa coas centrais, amortizar débeda do seu Grupo empresarial fora de Galiza, finxir que ten un plan que nunca se executará e, deixar esmorecer as plantas que ten na Costa da Morte ata o seu peche nun prazo curto de tempo”, concluíu.