A deputada negou a imaxe que transmite o Partido popular dunha Galiza idílica e sen problemas
Pleno. A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe as emendas nacionalistas aos orzamentos da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e aos entes que dela dependen.
Na súa intervención, Pontón negou a imaxe idílica e sen problemas de Galiza que defende o Partido popular e pola contra afirmou que hoxendia, Galiza é unha incubadora de desemprego, cos salarios e pensións máis baixos do Estado e unha fábrica de emigrantes.
A deputada falou da fuga de cerebros e da fuxida de mozos e mozas que van traballar en precario fora do noso país, condicións, dixo, que teñen moito que ver coas políticas que o PP aplica en Galiza e que estes orzamentos tamén recollen.
No debate das das emendas á consellería de Medio Ambiente, Territoiro e infraestruturas, Ana Pontón cualificou os orzamentos de incubadora de miseria e desigualdade e nesta política inscríbense as políticas de vivenda e de tributos aos cidadáns como o canon da auga e o lixo, unha suba abusiva.
Mentres son rebaixados os salarios, os cidadáns son castigados con novos incrementos na luz, no lixo e auga para compensar as empresas aseguradoras que foron beneficiadas con concesións de obra pública.
Fronte a esta política, engadiu, dende o BNG presentamos alternativas con políticas que priorizan a vivenda social, outro modelo para a xestión de residuos, políticas para a conservación da natureza e o saneamento integral das nosas rías.
A deputada lamentou que a falta de diálogo do Partido popular impida que prosperen algunhas das emendas defendidas pola oposición e nomeadamente polo BNG, sabemos que ningunha delas vai ser atendida polo grupo parlamentario do PP porque segue convencido de que a Cámara galega e receptorio das iniciativas do Goberno que teñen que ser recollidas acriticamente polo resto dos grupos.
A parlamentaria reiterou que o Partido popular situou na marxinalidade as políticas de vivenda cunha caída do 32 por cento nun momento no que se rexistra o maior número de desafiuzamentos, nós, dixo destinamos nas nosas emendas 27 millóns de euros para tentar resolver parte do problema.
Aposta polo transporte público e o ferrocarril
O transporte público tamén foi outro dos ámbitos no que o BNG presenta emendas contra o recorte de servizos e para impulsar o transporte metropolitano, necesitamos un ferrocarril e unha compañía ferroviaria pública galega porque resulta un delirio gastar miles de millóns públicos en modernizar o ferrocarril para que finalmente os galegos e galegas non nos poidamos comunicar a través del.
Convenio de Barreiros exemplo de urbanismo depredador do PP
Sobre o convenio de Barreiros, a deputada reclamou a súa supresión por representar un claro exemplo do urbanismo depredador que defende o Partido popular e o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarouno ilegal polo que volveu pedir a súa supresión pero a Xunta de Galiza segue mantendo a súa chulería por riba da lei, concluíu.