A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou hoxe, trala primeira reunión do Consello Nacional para abordar as prioridades cara o novo curso político, que “Galiza ten dúas opcións por diante. Dous proxectos posíbeis. Ou o modelo da dependencia de Madrid que representan as forzas políticas estatais e que lidera o PP, ou o modelo de crer no país e de tomarmos nós as galegas e os galegos as rendas do noso futuro. Esa é a encrucillada”.
Para a nacionalista, o BNG estará a altura das circunstancias ante o cambio de estrutura do Estado e para iso, anunciou aportaremos iniciativa e propostas para que Galiza conte cun novo marco institucional.
Na súa comparecencia lembrou que o traballo político do BNG, no pasado e no futuro, ten como obxectivo vivir “nunha nación con soberanía e construír unha Galiza onde ninguén quede atrás”, combatendo a precariedade laboral e facendo valer as nosas prioridades políticas para que que a nosa mocidade non teña que emigrar e poder blindar os servizos básicos garantindo unha vida digna. Temos claro que “o facemos nós ou ningún o vai facer”.
ACTUAL MARCO INSTITUCIONAL
A portavoz do BNG fixo balance das catro últimas décadas da Constitución e o Estatuto e concluíu que “Galiza non avanzou”. Nestes anos, asegurou, acentuouse a crise demográfica e o envellecemento da poboación. A precariedade é “o pan de cada día para miles de persoas” e asistimos a unha “asfixia programada da nosa lingua e a nosa cultura”. Por riba, enfatizou, temos que atura o espolio do noso patrimonio e que as tallas do Mestre Mateo pertenzan á familia Franco. Onde está a democracia e a restitución da xustiza? preguntou. Alguén pode imaxinar que unha fundación en Alemaña negue o holocausto e reivindique os valores do nazismo?. Chegou o momento de pararlle os pes a Fundación Franco e esixir a devolución do Pazo de Meirás, da Casa de Cornide, das tallas de Abraham e Isaac porque pertencen ao pobo galego.
O BNG CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Hoxe o BNG, dixo Pontón sairemos a rúa para apoiar a Juana Rivas e para erguer a voz contra os maltratadores. A xustiza ten que partir do contexto no que vivimos e non responder á tradición machista. No BNG, recalcou, tivemolo sempre claro. “Non aceptamos corsés que nos limiten e discriminen en ningún ámbito, nin como mulleres, nin como galegas e galegos, nin como nación soberana. E os dereitos, xa o sabemos, non só hai que conquistalos, hai que reafirmalos día a día. Hoxe, mais que nunca, ante un retroceso ideolóxico que quere impedir que avancemos cara a unha verdadeira democracia nun mundo máis xusto, quero anunciar que o nacionalismo galego traballará social e institucionalmente para facerlle fronte ás posicións inmobilistas e abrir camiños de esperanza.
SUPERAR O MARCO ESTATURARIO
A portavoz do BNG asegurou estar convencida dun futuro que se constrúe confiando na capacidade e potencialidade de Galiza e deixando atrás o “rancio centralismo”. Neste sentido, lembrou a necesidade de crear unha ponencia no Parlamento galego para elaborar “unha proposta para un novo deseño institucional” polo que o BNG xa rexistrou unha iniciativa parlamentaria que posibilite este debate, con propostas concretas que nos permitan “superar un anémico estatuto e unha agónica Constitución”. Propostas que faremos públicas na presentación das Bases Democráticas para unha nova Galiza que presentaremos nun acto público o vindeiro 23 de Setembro en Compostela.
DEREITO DOS POBOS A DECIDIR O SEU FUTURO
A portavoz nacional do BNG tamén se referiu ao Referéndum catalán salientando o dereito dos pobos a decidir o seu futuro, “8 de cada dez cataláns queren votar e as forzas estatais queren ilegalizar a democracia”. Resulta máis propio dunha ditadura que dunha democracia ver a Garda civil rexistrando imprentas por si imprimen papeletas ou convertendo en ilegal unha urna. “O que perseguen non son papeletas nin urnas, o que perseguen son ideas e a propia democracia”.
Nesta liña, recalcou que unha vez máis constatamos como no Estado español non hai separación de poderes e a xustiza é un brazo máis do poder, e senón preguntádevos: por que non actuou o Tribunal Constitucional cando PP e PSOE cambiaron nunha tarde de verán a Constitución para blindar á banca fronte os dereitos das persoas?.Por qué non reclama a Fiscalía que respondan Rajoy e Soraya co seu patrimonio persoal polas máis de 40.000 M€ que lle regalaron á banca?. Por qué a fiscalía non actúa contra Montoro, que fixo unha amnistía ilegal e anticonstitucional?
“Estas son algunhas das preguntas que nos temos que facer para entender que o que está facendo o PP, co apoio -por activa e por pasiva- de PSOE e Podemos, é non só unha vergoña democrática, senón a ilegalización da democracia”.
Desde o BNG, estamos e estaremos sempre coas loitas xustas e cos procesos políticos que fan avanzar en dereitos e democracia. E non esquecemos que se hoxe estamos aquí é porque houbo quen cuestionou o estatus quo. Ou acaso as sufraxistas non desafiaron as leis que lles impedían votar ou Rosa Parks non incumpriu a lei que a discriminaba por ser negra?
“Vivimos tempos de incertezas pero sobre todo coa posibilidade de abrir novos horizontes. Enfrontemos con convicción e humildade a esta situación e sobre todo con inconformismo, humildade e confianza en que o futuro escríbese con G de Galiza”, concluíu.