A portavoz nacional, Ana Pontón denuncia que “a sanidade está en situación límite” tanto para as persoas usuarias como para os e as profesionais e, por iso, “desde o BNG nos preguntamos que máis ten que pasar para que Feixóo acabe co este sanicidio provocado por oito anos de recortes e privatizacións”.
Tras a reunión da Xunta de Portavoces, Pontón criticou que o PP vete a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, que debería dimitir ou ser cesado, aínda que a solución só virá da man dun cambio radical na política sanitaria de Feixóo que ten como paradigma “o modelo falido do hospital de Vigo”.
Pese ao veto á comparecencia de Almuíña, Feixóo terá que dar explicacións no Parlamento a través da pregunta de control ao presidente que formulará Pontón. “Non pode agochar o desastre sanitario detrás da propaganda oficial e detrás da manipulación dos medios públicos”, indicou, ao tempo que enumeraba algunhas das cuestións que mostran a situación de deterioro do sistema público de saúde.
Incremento das listas de espera, recorte de recursos e de profesionais, tráxico incidente no PAC da Estrada, dimisión en bloque de responsables de centros de saúde na área sanitaria viguesa, mobilización social e dos profesionais..., “que máis ten que pasar para que Feixóo rectifique o seu sanicidio?”, insistiu a líder do Bloque.
A formación nacionalista tamén aproveitará a tramitación final no Parlamento dos orzamentos de 2019 para reclamar ao PP que levante a man do rodillo e asuma as emendas do BNG presentadas precisamente para dotar de máis cartos á sanidade pública, en particular á atención primaria. “Que non se encastele na súa maioría absoluta e que escoite o clamor da rúa”, reclamou a portavoz nacionalista.
Defensa dos medios públicos e incremento das axudas ás vítimas da violencia machista son as outras dúas grandes cuestións que o Bloque abordará no vindeiro pleno.
No primeiro caso, recollendo a denuncia dos traballadores e traballadores en contra da manipulación sistemática da RTVG, -teñen convocada novas manifestacións-. O Bloque someterá a debate unha proposición de lei para acabar coa dedocracia na selección da dirección do ente público, propoñendo que se faga a través dun concurso de méritos. “Hai que poñer fin aos nomeamentos á dedo e á negra política de manipulación que converteu a radio e a televisión de todos e todas no gabinete de propaganda do PP”, recalcou.
En relación ao apoio directo á vítimas, a formación nacionalista volve levar á Cámara un aumento do 30% nas axudas directas, e subir de 800 aos 1.000 euros mensuais o límite de ingresos que lles permita ter acceso a esas axudas, emendando así os recortes introducidos polo PP desde a Xunta. “Que ningunha muller deixe de denunciar por cuestións económicas”, salientou Pontón.