Ana Pontón destaca a importante mellora na mobilidade de Vigo grazas ao avance en infraestruturas recollido no acordo do BNG

Encontro Vigo
Encontro Vigo

Salienta os novos descontos nas peaxes da AP-9, a posta en marcha do servizo ferroviario de proximidade ou a mellora das conexións con Portugal

Rego: “Sen o BNG non serían posibles as medidas comprometidas con Galiza”

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou en Vigo xunto ao deputado Néstor Rego e o portavoz municipal Xabier Pérez Igrexas os beneficios do acordo de investidura do BNG para a cidade que, segundo salientou, vai mellorar a súa mobilidade grazas a importantes actuacións en materia de infraestruturas.

Pontón destacou en primeiro termo os novos descontos na AP-9, unha rebaixa nas peaxes que considerou especialmente importante nun contexto de crise de prezos para a economía de miles de persoas que empregan a diario esta autoestrada.

A isto sumou a posta en marcha dun servizo ferroviario de proximidade en Galiza que dá prioridade ao tramo Vigo-Pontevedra e que estará en marcha antes de finalizar a lexislatura, así como a mellora das conexións con Portugal a través da saída Sur por tren ou o impulso do Corredor Atlántico, actuacións todas elas que demostran a política útil que practica o Bloque.   

Logo dunha reunión na que participaron representantes do tecido social da cidade, Pontón amosou o seu orgullo ante un acordo que impulsa a axenda galega no Estado e mellora a vida dos galegos e as galegas. Segundo recalcou, o pacto acadado polo BNG demostra a importancia de contar cunha forza política propia que antepoña os intereses dos galegos e das galegas e non dependa do centralismo. “Galiza gaña e Vigo gaña con este acordo”, asegurou.

“En campaña electoral comprometémonos a defender os intereses da Galiza en Madrid e a ser muro de contención contra a dereita e a ultradereita e cumprimos as dúas”, afondou Néstor Rego. O deputado nacionalista sinalou o BNG como unha “forza fundamental no Congreso” porque é evidente que, “de non ter representación” as medidas contempladas no acordo asinado para a investidura “non estarían hoxe sobre a mesa e plasmadas nun documento representando un compromiso co noso País”. Todas elas, medidas que “pillaron a contrapé” o PP e que “aínda non sabe moi ben como recolocarse fronte a evidencia de que o BNG cun deputado e unha senadora é capaz de conseguir cousas para a Galiza que non consegue o PP”, asegurou.

Pola súa banda, Xabier P. Igrexas sinalou que o acordo “non é teito de nada, senón un sólido solo para seguir avanzando na mellora da atención das necesidades de Galiza e da súa maior cidade, fronte ao abandono dos sucesivos gobernos estatais”. Neste sentido, salientou o capítulo destinado á mellora da conexión ferroviaria de Vigo. “Pasamos de escoitar á ministra de Transportes dicir que non necesitabamos cercanías porque xa tiñamos tren de media distancia, a un compromiso para que haxa cercanías entre Vigo e Pontevedra esta lexislatura.

Pasamos das evasivas e dilacións inxustificadas para a saída Sur que conecte por alta velocidade entre Vigo e Porto a lograr un compromiso claro de que sexa realidade no 2030. Pasamos de non atender as demandas das persoas usuarias para mellorar a deficiente Media Distancia a un compromiso para recuperar as frecuencias suprimidas. E pasamos do total abandono do chamado Tren Celta, a recoller un compromiso concreto para mellorar a conexión convencional con Portugal”, resumiu.

Rueda acerta cando rectifica ao sumarse agora á quita da débeda

Na súa intervención, a portavoz nacional do Bloque tamén se referiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, do que dixo demostra que “só acerta cando rectifica” ao sumarse agora a reclamar a quita da débeda e subliñou que o acordo do BNG garante a igualdade de Galiza e soluciona un problema que creou o PP, quen triplicou a débeda e decidiu financiarse coa banca privada na vez de acudir aos fondos públicos, que eran moito máis vantaxosos para o País.

 

Pontón advertiu que a débeda representa o 10% dos orzamentos da Xunta para 2024, 1.512 millóns de euros, o que supón a terceira partida de gasto máis alta, logo da sanidade e a educación, polo que destacou a importancia do acordo que permitirá a Galiza reducir a débeda e dedicar menos recursos dos galegos e as galegas a pagar xuros e máis ás políticas sociais.

 

Pontón concluíu lamentando que o presidente da Xunta leve os últimos días “facendo o imposible” por criticar un acordo que é beneficioso para os galegos e as galegas. “Son boas noticias para Galiza, pero as boas noticias para Galiza son malas noticias para o PP”, afeou, para a continuación atribuír o enfado de Rueda a que o pacto do BNG demostra a súa incapacidade política para defender os intereses galegos e “é o Bloque quen fai avanzar a axenda galega” no Estado.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG