galiza gaña!

Galiza gaña co acordo de investidura asinado polo BNG

María Jesús Montero, Ana Pontón e Néstor Rego
María Jesús Montero, Ana Pontón e Néstor Rego
María Jesús Montero (ministra de facenda en funcións), Ana Pontón e Néstor Rego asinaron o acordo de investidura, que mellorará a vida das galegas e dos galegos, con menos peaxes, servizo ferroviario de cercanías, xulgados de violencia de xénero e novas transferencias, entre outras cuestións importantes.

O Partido Socialista Obrero Español (PSOE) e o Bloque Nacionalista Galego (BNG) asinan o presente acordo, comprometéndose o BNG a votar favorabelmente a investidura de Pedro Sánchez Pérez-Castejón e comprometéndose, á súa vez, o candidato e o Goberno a:

Galiza no tren das nacións

  • Impulsar, a través do diálogo entre partidos e institucións, as reformas precisas para adecuar a estrutura do Estado ao recoñecemento dos sentimentos nacionais de pertenza. Tendo en conta o actual status da Galiza, Euskadi e Cataluña como nacionalidades históricas, comprometerse a que calquera modificación da estrutura do Estado asegurará á Galiza o mesmo status que ás outras dúas.
  • Avanzar no reforzo da capacidade de decisión do autogoberno galego, mediante a proposta dunha convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias Estado-Xunta de Galiza (antes do final de 2023), para programar, ao longo da presente lexislatura, a activación da transferencia da totalidade das competencias recollidas no Estatuto de Autonomía da Galiza, así como das competencias que foron obxecto de consenso no Parlamento da Galiza.
  • En caso de condonacións totais ou parciais da débeda adquirida por CC.AA. adheridas ao Fondo de Liquidez Autonómica, estabelecemento de medidas compensatorias análogas para a Galiza, no marco das compensacións a aquelas CC.AA. que non fixeron uso do FLA.

Contra a violencia machista

  • Creación de cinco novos Xulgados extraordinarios de Violencia de Xénero (fóra da programación común) en Lugo, Ourense, Compostela, Pontevedra e Ferrol e dotación de todos os medios precisos para o seu correcto funcionamento. Os Xulgados de Santiago de Compostela, Lugo e Ourense incluiranse nos Orzamentos Xerais do Estado de 2024.

Actuacións na rede de estradas

  • Nos Orzamentos Xerais do Estado para 2024 incluiranse novos descontos nas autoestradas AP-9 e AP-53. Incrementaranse os descontos para usuarios superrecorrentes (incluídos os vehículos pesados) na AP-9, do 20% actual até o 50%, equipararanse os descontos na AP53 aos da AP9 e seguiremos traballando para conseguir a gratuidade da peaxe.
  • Establecemento dun plan plurianual 2024-2028 de actuacións urxentes na rede viaria galega incluíndo:
    1. Realizaranse actuacións en todos os tramos de concentración de accidentes na Rede de Estradas do Estado na Galiza, en concreto na N550, N6 e AC12, na A55, N550, N551, N555, PO11 e AP9, N-541 “Cerdedo-Cotobade”, A 52, N-120 e N-640.
    2. Asegurar a finalización dos tramos pendentes de execución da Autovía Santiago-Lugo antes do fechamento do exercicio 2024.
    3. O Goberno axilizará a execución dos traballos no tramo sentido Madrid do viaduto do Castro na A6, que quedará finalizado este ano, e no tramo sentido A Coruña, que se porá en funcionamento antes de que termine o ano 2024.
    4. Estudaranse actuacións de mellora da N-VI e levaranse a cabo as máis urxentes.
    5. Impulsarase a redacción dos proxectos no ano 2024 da variante da Estrada, para comezar a execución antes de que termine a lexislatura.
    6. Buscaranse solucións para terminar o segundo tramo do paseo de Marín desde Pontevedra.
    7. Realizarase un estudo sobre a seguranza viaria na N-550.

Modernización da rede ferroviaria galega

  • Plan Integral de Modernización da Rede Ferroviaria da Galiza que contará, como mínimo, coas seguintes actuacións na presente lexislatura:
    1. Realizarase un estudo para a implantación do tren de proximidade (‘Cercanías’) na Galiza, tendo en conta as necesidades da infraestrutura, o material móbil e a dispoñibilidade de persoal, para que, antes do final de lexislatura, a Galiza conte con servizo de proximidade, priorizando os tramos Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol.
    2. Impulso ás actuacións do corredor Atlántico, e aceleraranse os traballos no tramo de conexión entre Vigo e a Fronteira Portuguesa incluíndo o saída sur de Vigo, que forman parte da Rede Básica Ampliada para garantir a súa posta en servizo na contorna de 2030.
    3. Aceleraranse os traballos de modernización da liña Guillarei-Ourense, de viaxeiros e mercadorías, así como o estudo funcional da duplicación e migración a ancho estándar.
    4. Avanzarase nos traballos (comezando por realizar un estudo funcional) para a modernización e electrificación da liña ferroviaria A Coruña-Lugo entre Betanzos e Lugo.
    5. Iniciaranse en 2023 os trámites administrativos para a execución do baipás de Betanzos, (que estará en execución antes de terminar a presente lexislatura), coa exposición pública do estudo informativo.
    6. Culminarase o estudo funcional xa en curso entre A Coruña e Ferrol para a modernización desta liña e iniciarase o estudo informativo en 2024.
    7. Licitarase en 2024 un estudo dunha variante entre Curtis e Ordes que facilite a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela.
    8. Axilizarase a aprobación da Orde Ministerial de denominación da Estación Intermodal de Santiago "Daniel Castelao" e programarase o uso dos seus espazos comúns para a difusión do legado artístico, cultural e político de Castelao en coordinación co Concello de Santiago de Compostela.
    9. Recuperaranse as frecuencias de OSP previas á pandemia e estudarase a necesidade dun aumento de servizos na rede ferroviaria estatal na Galiza.
    10. Aplicarase o mesmo trato homoxéneo aos usuarios de FEVE na Galiza que noutras Comunidades e continuaranse os traballos de modernización. Mellorarase a atención aos viaxeiros nas estacións e reforzarase a presenza de revisores nos trens.
    11. Elaborarase un plan de substitución e mellora do material rodante empregado nos servizos Vigo-Porto e estudarase a mellora das frecuencias.

Melloras sociais

  • Ampliar o permiso de paternidade e maternidade a 20 semanas.
  • Darase continuidade aos traballos de saneamento das rías galegas (iniciados coa actuación sobre a Ría do Burgo realizada en base ao acordo de investidura da pasada lexislatura) para seguir avanzando na recuperación ambiental e produtiva destes espazos esenciais no territorio galego.
  • En 2024 manteranse para todos os cidadáns e cidadás a redución do prezo dos abonos de transporte e posteriormente converterase esta medida nunha política permanente para determinados colectivos.
  • Garantirase a actualización das pensións conforme ao IPC como vía para asegurar o poder adquisitivo dos pensionistas e incrementaranse as pensións mínimas e non contributivas por encima da revalorización das pensións contributivas, até alcanzar a media europea.
  • O goberno adquire o compromiso de achegar o 50% que corresponde á AXE para o financiamento das actuacións da Lei de dependencia.
  • Garantir que non se produce dobre tributación no caso das pensións do estranxeiro dos emigrantes retornados.
  • Elevarase o cofinanciamento do Estado con fondos Next Generation na EDAR de Santiago de 65% para 80%. Para iso, actualizarase o esquema financeiro recollido no convenio mediante a subscrición dunha addenda.
  • O Goberno contribuirá ao financiamento da transformación dos terreos dos peiraos do porto da Coruña que queden liberados de actividade portuaria. Compromiso por parte da Administración Xeral do Estado de contribuír de forma significativa ao financiamento destas actuacións xunto con outras administración e entidades. Para iso, desenvolverase nun plan plurianual, asegurando sempre a titularidade pública dos terreos.
  • A Administración Xeral do Estado incrementará en 10% anual (con base fixa en 2023) a súa achega ao Consorcio de Santiago no próximos tres anos (2024-2025-2026). Este incremento da achega da AXE destinarase exclusivamente á realización de investimentos no mantemento, conservación e rehabilitación do centro histórico.

Máis para a nosa lingua

  • Impulso do recoñecemento real e práctico do plurilingüismo do estado garantindo a presenza normalizada da lingua e das producións culturais galegas en RTVE, así como o incremento das horas de desconexión territorial en lingua galega e a recuperación de Radio 4, emisora exclusivamente en galego.
  • O Consello de Linguas Oficiais do Ministerio de Política Territorial levará a cabo, ao longo de 2024, unha auditoría sobre o uso das linguas oficiais nas webs da AXE para corrixir as deficiencias ou incidencias detectadas.
  • Financiarase a adaptación do galego á nova era dixital dotando con 15 millóns de euros para o período 2024-2027 os proxectos con implicación da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galiza. Así mesmo, tenderase a un maior peso do galego, eusquera e catalán no conxunto do PERTE “Novas Tecnoloxías da Lingua”.
  • O Goberno dará eficacia ao regulado na Lei do Audiovisual no referido a garantir que os contidos destinados a público menor de doce anos estean dispoñíbeis en todas as linguas oficiais do estado.
  • O Goberno apoiará a recepción das radios e televisións portuguesas na Galiza.

Memoria histórica

  • O Estado fará unha declaración de recoñecemento e reparación en relación co consello de guerra e condena a morte a Alexandre Bóveda, anulado pola Lei de Memoria Democrática.

Co fin de garantir a verificación dos termos expostos no presente acordo, crearase unha comisión de seguimento, que se reunirá regularmente con carácter cuadrimestral, ou ben cando calquera das partes o considere pertinente.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG