A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu un incremento do 2,2% dos recursos destinados á Atención Primaria nos orzamentos galegos de 2023, logo de reclamar ao presidente da Xunta que “deixe de intentar botar balóns fóra e de intentar normalizar o desastre sanitario e se poña a traballar para recuperar a sanidade pública”.
Así o afirmou na recollida de firmas da Iniciativa Lexislativa Popular en defensa da sanidade pública galega desenvolvida en Pontevedra e na que participou xunto ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montserrat Prado, e onde explicou que este incremento orzamentario, que suporía un mínimo de 200 millóns de euros, se destinaría á contratación de máis profesionais, a darlle máis estabilidade ás persoas que agora mesmo traballan no sistema público sanitario de Galiza e a poñer en marcha un plan de captación para o persoal que marchou do País.
Pontón recalcou que a Iniciativa Lexislativa Popular demostra o gran malestar social e das e dos profesionais polo deterioro que se está producindo na sanidade pública galega, especialmente na Atención Primaria, da que dixo “está vivindo a peor situación desde que existe unha sanidade pública merecente de tal nome”, o que atribuíu a “unha política deliberada e planificada do PP, que quere deteriorar o público para beneficiar o privado”.
Logo de apuntar á Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés como “zona 0 neste verán” para exemplificar con distintos exemplos a grave situación do sistema sanitario galego, considerou “unha temeridade” que “o PP e o señor Rueda estean xogando coa saúde dos galegos e das galegas porque é o que fan cando recortan en Atención Primaria”. Neste sentido, recordou que o orzamento da Atención Primaria para este 2022 conta con 47 millóns de euros menos que no ano 2009 e que Galiza é a cuarta comunidade pola cola en investimento no que é o piar da sanidade pública, cun 12% fronte ao 14,2% da media do Estado español, unha diferenza que cualificou de “sideral”, tendo en conta que a dispersión poboacional galega esixe ademais máis recursos.
“Este é o resultado dunha política deliberada e planificada polo PP de recortes en Atención Primaria e de precariedade no persoal”, incidiu para engadir a continuación que non é que non haxa profesionais, senón que se lles expulsou da sanidade pública galega, o que argumentou cun clarificador dato: das 89 persoas que acabaron este ano o MIR de medicina de familia, só 30 están traballando na Atención Primaria do País. “Este é o resultado da precariedade e dos recortes do PP, que claramente o que está poñendo en risco é a saúde das persoas e hai que paralo porque coa saúde da xente non se xoga”, insistiu logo de comprometer o traballo do BNG para defender “con unllas e dentes” a sanidade pública galega.
Neste mesmo sentido se pronunciou tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen afirmou que “non hai escusas” diante “dunha actuación planificada do Goberno do PP de deterioro da sanidade pública” que exemplificou na área sanitaria pontevedresa onde, segundo advertiu “houbo semanas enteiras onde practicamente había un único PAC para atender a toda a zona norte da provincia”, o que cualificou de “absolutamente insostible”. “Empezaron por non substituír aos médicos nas vacacións, non substituír as baixas e agora é que xa non hai nin para médicos de urxencias nos PACs, sobre todo no verán, onde se produce un maior incremento da poboación”, incidiu, para engadir a continuación que nesta área sanitaria ás e aos profesionais “se lles están facendo contratos dun mes ou dun día e a xente busca outras alternativas, maioritariamente fóra de Galiza, onde lles ofrecen estabilidade”. Lores recordou o seu traballo como médico na Atención Primaria, tanto en Lugo como en Pontevedra, etapa da que dixo “nunca, nunca, durante un día de consulta se foi ninguén para a casa sen consultar e hoxe estanse dando citas para o día 20 de setembro”, polo que urxiu a incrementar o orzamento porque a Atención Primaria é “o primeiro chanzo a onde se achega a xente cando ten un problema de saúde”. “Se falla a Atención Primaria, falla todo o sistema”, concluíu.