A candidata do BNG á Presidencia da Xunta propón un plan de desenvolvemento comarcal que potencie os recursos naturais para crear emprego e benestar
A candidata do BNG á Presidencia da Xunta e portavoz nacional, Ana Pontón, visitou na mañá de hoxe a Costa da Morte, onde apelou á necesidade de crear e poñer en marcha un plan de desenvolvemento comarcal que contribúa a potenciar os recursos naturais. Fixo fincapé no aproveitamento pesqueiro, medio ambiental e turístico, sempre desde o punto de vista da sustentabilidade.
Non é lóxico que comarcas que contan cun potencial tan importante padezan unha crise xa estrutural e que non haxa ningún tipo de iniciativa por parte dos gobernos para crear emprego, mellorar os servizos públicos e incrementar a calidade de vida e as oportunidades nestas zonas, expresou a candidata nacionalista.
Na súa visita a Cee e Carnota, a candidata do Bloque puxo de manifesto que un dos eixos fundamentais do citado plan de desenvolvemento comarcal pasa por declarar o Monte Pindo parque natural. A declaración, reivindicada pola veciñanza, suporía unha mellora dos investimentos e dos recursos para a creación de emprego, explicou Ana Pontón, quen deu conta doutras experiencias que demostran que a declaración de Parque Natural significaría un avance non só para Carnota, senón tamén para o resto da comarca, a nivel de dinamización social e turística.
A candidata do BNG á Presidencia da Xunta chamou a superar o modelo de abandono dos nosos montes para acabar cos lumes e a poñer en valor os nosos recursos. Lembrou ao respecto o grave incendio que padeceu o Monte Pindo en 2013 e a desatención á que se viu sometida por parte da Administración responsábel, a Xunta de Galiza. A Xunta actuou con desleixo e mirou cara a outro lado, denunciou Pontón. A declaración de Parque Natural ten que ser o punto final dunha política de recuperación do monte e de posta en valor dos nosos recursos, engadiu.
A portavoz do Bloque, que se referiu á veciñanza como pata fundamental do proceso, en que non poden faltar investimentos nin promoción para o coidado do medio natural, amosouse convencida do potencial da zona como elemento de vertebración social e económica.
Por último, Ana Pontón afirmou, en declaracións aos medios, que recolle unha luva importante desde o punto de vista da conservación do mar, a necesidade de que remate o saneamento. Lamentou que levemos moito tempo vendo unha Xunta incapaz de finalizar esta actuación, que xa é eterna.
Desde o BNG comprometémonos a poñer todos os recursos para que a finalización do saneamento sexa unha realidade na próxima lexislatura, concluíu.