xerais 2023

Ana Pontón: “Cada escano máis do BNG é un escano menos do PP”

Acto Foz
Acto Foz

“En Galiza sabemos que é Feijóo: menos rural, menos sanidade pública, menos emprego, menos vivenda, menos dereitos, máis emigración, máis precariedade, máis débeda pública, máis ataques a nosa lingua”, alega

A mellor maneira de frear a un PP aliado da extrema dereita antigalega é encher as urnas de votos BNG e ter un grupo galego forte en Madrid

Daniel Castro: “Imos facer historia co primeiro deputado do BNG coas mans libres para defender Lugo no Congreso e frear aos que nos odian”

A portavoz nacional, Ana Pontón, que empezou a xornada en Foz, aproveitou a visita de Feijóo, “que hoxe torea no coso taurino de Pontevedra”, ironizou, para destacar que en Galiza son ben coñecidas as consecuencias das políticas da dereita, por moito que na súa xira electoral o candidato do PP se empeñe en prometer xusto o contrario do que fixo neste País en doce anos de goberno.

“Aquí coñecemos moi ben que pasa cando goberna o PP de Feijóo: menos rural, menos sanidade pública, menos emprego, menos vivenda, menos dereitos, máis emigración, máis precariedade, máis débeda pública, máis ataques a nosa lingua e a nosa cultura”, subliñou, sintetizando o resultado das políticas dun Partido Popular “que nos deixa unha Galiza máis pequena”.

Un Feijóo, denunciou, que quere gobernar coa extrema dereita machista, racista, “e profundamente antigalega”, criticou, lembrando o que o propio candidato popular declaraba cando era presidente da Xunta. “Non teño intención de pactar con VOX, nunca o farei porque é un partido que está contra Galiza, dicía fai ben pouco, e aí o tendes aliado da extrema dereita antigalega, que quere acabar coas nosas institucións, que quere até prohibirnos falar a nosa lingua, pero non llo imos permitir”.

Acto Foz
Acto Foz

A mellor maneira de frear a un PP de ganchete coa extrema dereita, alegou, é encher as urnas de votos ao BNG este 23 de xullo, “porque cada deputada/o máis do BNG é un deputada/o menos do PP; porque cada escano máis para o BNG en Galiza é un escano menos para o PP”, proclamou, deixando claro que o Bloque vai a por todas para conseguir un grupo galego forte con deputados e deputadas polas catro provincia, un grupo que faga respectar Galiza en Madrid e lle pare os pés a esa alianza antigalega.

Durante o mitin en Foz, a líder do Bloque foi “desmontando” a Feijóo contrapoñendo o que di en campaña co que fixo en Galiza. “Cando fala da España vaciada, temos que recordarlle que aquí deixou un rural despoboado e abandonado; cando fala de que a xente moza marcha, temos que dicirlle que aquí provocou a emigración masiva de 200.000 mozos e mozas, tanto do rural como das cidades, porque as súas políticas só lles ofrecín paro ou precariedade”, argumentou.

“Cando fala de comprometerse coas persoas maiores, dígolle que en Galiza temos as pensións máis baixas do Estado e que en catorce anos non construíu ningunha residencia pública para deixarlle as súas empresas amigas facer negocio coa vellez; cando fala da subida da luz e pon cara de escandalizado, dígolle que en Galiza o PP goberna para ás eléctricas, que se estreou abrazado ao presidente de Iberdrola e que levan 14 anos vetando a tarifa eléctrica galega”, afondou.

“Cando fala de boa xestión, dígolle que triplicou a débeda pública, ao tempo que recortou en educación e en sanidade; e cando fala dos dereitos das mulleres, recordarlle que en Galiza financiou a Rede madre antiabortista, baixou as axudas as vítimas da violencia machista e agora branquea o negacionismo do seu amigo Abascal e de toda a caverna da extrema dereita”, denunciou.

Máis BNG significa menos PP

Por todo isto e moito máis, indicou, “hai que quitarlle escanos ao PP para darllos ao BNG, empezando aquí en Lugo, con Daniel Castro, onde lle estamos disputando un deputado ao PP, pero tamén en Ourense, en Pontevedra e na Coruña. Por iso pido encher as urnas de votos ao BNG e conseguir un grupo galego forte capaz de facer valer Galiza en Madrid e de frear ese tándem PP ultra de ganchete coa extrema dereita antigalega que nos quere prohibir ser o que somos. Non llo imos permitir!”.

Pontón destacou que esté é “o momento do BNG e o momento de Galiza”, por moito que queiran reducir a campaña ao bipartidismo Sánchez-Feijóo. Está en xogo ter máis peso político ou ser ignorado; defender o noso ou seguir soportando a discriminación das forzas estatais. “A todas as persoas que queren a este País dicirlles que a súa alternativa é o BNG, a única forza coas mans libres para facer respectar Galiza en Madrid”.

Por iso, recalcou, non é momento de votar polo mal menor, nin de votar por medo, ao contrario, “pídolle a todos os galegos e ás galegas que o 23X voten con ilusión, con esperanza, que voten por un grupo galego forte, sabendo que o BNG non lles vai fallar. Votemos coa cabeza e co corazón en Galiza”,concluíu.

Pola súa parte, o cabeza de lista por Lugo, Daniel Castro, puxo o foco na “inutilidade” política dos 66 deputadxs que foron pasando polo Congreso pero que nada fixeron por mellorar a provincia, “non porque sexan menos listos ou traballadores, senón porque fan o que lles mandan desde Génova e Ferraz onde nin A Mariña nin Lugo lles importan nada”.

 

Para que Lugo exista

“Vós credes que se houbese un socavón como o da Areoura en Madrid ou se tivese caído un viaducto que é unha vía principal seguirían agardando? Claro que non! E esa discriminación das forzas estatais ten consecuencias para Lugo, porque perdemos oportunidades, porque as empresas non veñen a un territorio mal comunicado e todo iso fai que a xente moza marche”, explicou.

 

Votar BNG é a mellor maneira de facer valer A Mariña e de facer valer Lugo en Madrid e, ademais, de pararlle os pés a ese PP “que vai da man dos que nos odian, dos que odian este País, a nosa cultura e a nosa lingua e dos que se poden van intentar acabar con ela”. Por iso, recalcou, “este 23 de xullo temos que facer historia, con toda a forza e toda a ilusión, logrando o primeiro deputado do BNG por Lugo para formar parte dese grupo galego forte que Galiza precisa no Congreso para facerse respectar”, concluíu. 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG