No acto organizado polo BNG na cidade de Pontevedra en conmemoración do Día da Galiza Mártir, a candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón nomeu parte da longa listaxe de persoas asasinadas no ano 36 entre os que destacou a Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño, Elvira Lodeiro, Urbano Rodríguez Moledo, Consuelo Alonso, Xesús Vilariño que perderon a súa vida por defender a liberdade e a democracia en Galiza e reivindicou o recoñecemento "por Lei" do día 17 como Día da Galiza Mártir.
A candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galiza , Ana Pontón afirmou hoxe, nos actos celebrados en Pontevedra en homenaxe aos homes e mulleres asasinados no ano 36 polo franquismo que o BNG está comprometido coas políticas da recuperación da Memoria histórica para facer xustiza e acabar coa lousa do silencio. Neste sentido, avanzou que o BNG comprometese a poñer en marcha a elaboración dunha lei galega da recuperación da Memoria histórica, o recoñecemento das vítimas e a reparación das persoas represaliadas polo franquismo.
A candidata asegurou que resulta urxente un novo estatus político para Galiza e nese rexurdir, recalcou, sempre estará o nacionalismo que impulsou, no pasado e no presente os procesos de modernización e loita pola democracia e defensa dos intereses e dereitos do noso país.
A nacionalista reivindicou recoñecer por lei o día 17 de agosto, Día da Galiza Mártir como símbolo do noso país, ao que sumou unha conmemoración e recoñecemento da illa de San Simón como un lugar da memoria ou a recuperación do Pazo de Meirás para uso público.
Luís Bará: Son precisos espazos públicos para a Memoria da represión e da resistencia
O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará defendeu a creación dun Arquivo Público da Memoria da represión e da resistencia a partir dos materias recollidos no proxecto Nomes e voces así como recuperar o Consello pola Memoria como órgano de participación social no impulso e seguimento das políticas públicas da memoria.
Por un cambio político real o vindeiro 25 de setembro
Ante a celebración das eleccións galegas, a candidata do BNG convocou a todos os galegos e galegas que lle doe, dixo, ver como a xente emigra e temos os salarios máis baixos a pesar de traballar máis, e animounos a apostar por un cambio político de verdade. Cremos, manifestou que non é o momento da xestión, é o momento da política con maiúsculas, a de verdade e que resulta necesario mover os marcos para crear emprego, blindar os servizos públicos como a sanidade, a educación ou a dependencia.
O BNG tende a man ás persoas desencantadas para o cambio político o 25 de setembro
A candidata nacionalista reiterou que o BNG representa un proxecto sólido,definido e con alternativas na que todos os galegos e galegas poden confiar e con persoas que nos revelamos contra as leis inxustas como se revelou o concello de Pontevedra contra os recortes que se impuñan aos traballadores e traballadoras públicos.
Hai moitas persoas desencantadas e a esas persoas o BNG téndelles a man para abrir un nova etapa política para Galiza. Persoas, explicou, desencantadas da política de sempre e das falsas promesas que nunca se cumpren, así como de ver como os que lle prometían cambio o único que están pensando é nos seus intereses e estratexias.