Ana Pontón avanza que o BNG pedirá a comparecencia de Rueda para que explique a súa renuncia a mellorar o financiamento

Ana Pontón
Ana Pontón

Recrimina ao presidente do Goberno do PP que impida ao País ter a chave dos seus cartos como xa ten Euskadi ou vai conseguir Catalunya

“Na vez de defender os intereses das e dos galegos, está debilitando a posición negociadora de Galiza ante o Estado”, denuncia

Lembra que foi o propio titular da Xunta quen recoñeceu que Sánchez non lle ofrecera unha quita da débeda porque el xa a rexeitara de antemán

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG solicitará a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento para que explique a súa renuncia a mellorar o financiamento de Galiza e a unha quita da débeda, “á vista do resultado e das explicacións” que el mesmo ofreceu despois da súa reunión co titular do Executivo central, Pedro Sánchez.

“É urxente esa comparecencia porque é moi grave que se renuncie a darlle ao noso País máis recursos e que se renuncie a que Galiza teña o mesmo que xa ten Euskadi ou vai conseguir Catalunya, que teñamos a chave dos nosos cartos”, afondou nunha nova xornada dos encontros Parlamento Aberto que o BNG centrou nesta ocasión na situación da lingua, coincidindo co vinte aniversario da aprobación do Plan de Normalización Lingüística.

A líder nacionalista reprochou ao titular do Goberno do PP que sexa “incapaz de defender os intereses do País” cando resulta evidente que Galiza necesita un novo modelo de financiamento que mellore a súa posición.

“Pero vemos como o señor Rueda, en vez de defender os intereses do noso País, está debilitando a posición negociadora de Galiza ante o Estado”, indicou, para recalcar a continuación que foi el mesmo quen “recoñeceu que Sánchez non lle ofreceu unha quita da débeda porque xa a rexeitara de antemán”.

Pontón mostrou a súa preocupación ante o que consegue o presidente da Xunta na súa negociación co Estado: “Que Galiza perda”. “Iso é o que pasa cando en vez de defender a axenda galega, se está defendendo a axenda que lle marca o Partido Popular dende Madrid”, sintetizou.

A portavoz nacional concluíu advertindo que os recursos aos que renuncia Rueda para Galiza coa súa posición partidista servirían, ademais de para mellorar a sanidade, a educación ou a atención á dependencia, “tamén para mellorar a situación do galego” e apoiar a lingua, eixe temático do Parlamento Aberto celebrado esta mañá en Santiago.    

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG