Municipais 2023

Ana Pontón augura que o BNG estenderá o seu modelo municipal de éxito por Galiza e terá un resultado histórico o 28M

Acto Soutomaior
Acto Soutomaior
“Lourenzo é o mellor alcalde que pode ter Soutomaior”, proclama

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou nun mitin abarrotado co candidato á Alcaldía de Soutomaior, Manuel Lourenzo, a quen definiu como unha persoa que leva ao concello “na cabeza e no corazón”. No acto, proclamou o seu convencemento de que Soutomaior terá alcalde do BNG a partir do 28 de maio.

A líder nacionalista destacou que o BNG estenderá o seu modelo municipal de éxito por Galiza, que será a forza que máis suba cun resultado histórico que se traducirá en máis concelleiros e concelleiras, alcaldes e alcaldesas tras a cita coas urnas.

“Onde gobernamos transformamos en positivo, construímos concellos con calidade de vida, rentabilizamos cada euro, poñemos en marcha concellos participativos, que apostan pola igualdade, sustentables; aplicamos política social, un urbanismo para as persoas, fomentamos o orgullo polo noso, pola nosa lingua e cultura. Conseguimos vilas e cidades con dinamismo económico, social e cultural. Este é o modelo que queremos estender por todos os concellos de Galiza”, recalcou.

Acto Soutomaior
Acto Soutomaior

En vésperas da celebración do 17M a portavoz nacional denunciou a situación do idioma tras catorce anos de normativa “língüicida” do Partido Popular, que ten provocado unha caída en picado do uso e da compresión da propia lingua. Ante un PP á contra co galego, o BNG será axente activo a favor.

“Fronte a un Partido Popular convertido nun terminator do galego, os concellos BNG serán axentes activos da normalización do uso do galego en todos os ámbitos, facilitando que calquera persoa que así o decida poida desenvolver a súa vida en galego con liberdade e normalidade”, declarou Pontón, “axentes activos do fomento, impulso e prestixio do noso propio idioma, porque é unha riqueza, un sinal de identidade e de orgullo que debemos potenciar e porque o galego non ten límites”.

Neste sentido, avanzou que desde o ámbito municipal o BNG xoga e seguirá xogando a favor da promoción do idioma e do dereito a vivir en galego en todos os ámbitos, compromiso especialmente importante nun momento de retroceso da lingua, “por iso os gobernos municipais do BNG terán entre as súas prioridades fomentar a normalización do galego”.

Acto Soutomaior
Acto Soutomaior

Como propostas concretas no ámbito municipal, poñer en marcha un servizo específico de normalización lingüística dotado de medios e de persoal; o uso do galego como lingua oficial de comunicación en todas as áreas e ámbitos da acción dos gobernos locais e a colaboración coas entidades sociais.

Igualmente, medidas encamiñadas a fomentar o uso do idioma no tecido empresarial, no comercio e en todo tipo de negocios; o galego como lingua de atención e comunicación verbal e documental do concello así como poñer en marcha campañas de normalización do uso da nosa lingua en todos os ámbitos.

Pontón concluíu en Soutomaior pedindo “aproveitar ao máximo esta campaña, porque imos a por todas, sen poñernos límites, saímos a ganar un futuro mellor para Galiza, para esa Galiza en grande que queremos empezar a construír concello a concello”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG