Ana Pontón: “ALCOA non se pode deixar caer e o BNG ten a vontade política que lle falta a PP e PSOE para nacionalizar e salvar a factoría”

Olalla Rodil e Ana Pontón
Olalla Rodil e Ana Pontón

Intervención pública, -como fai Alemaña con Lufthansa e Portugal coa TAP-, e tarifa eléctrica galega, proposta do BNG para garantir a produción e miles de empregos

Apoio do BNG na concentración dos traballadores e traballadoras ante a sede do goberno da Xunta

 A candidata á Presidencia, Ana Pontón, e a cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil, acudiron á manifestación convocada polos traballadores e traballadoras de ALCOA-San Cibrao diante da sede do goberno da Xunta para mostrar o apoio do BNG á continuidade da produción e do emprego dunha empresa clave para a comarca da Mariña e para o conxunto do país. “Non se pode deixar caer ALCOA”, subliñou a líder nacionalista.

“Está en xogo o futuro de toda unha comarca e ten que haber unha proposta xa porque se está acabando o tempo, e o BNG ten claro cal debe ser esa proposta: nacionalización de ALCOA cunha intervención pública da Xunta e do Estado e unha tarifa eléctrica galega que acabe co espolio enerxético e coa ameaza de miles de empregos en xogo pola factura enerxética nun país produtor neto de electricidade”, explicou Pontón.

Concentración ALCOA“Os e as traballadoras non poden máis porque se está xogando co seu futuro, que nos expliquen o Goberno de Sánchez e de Feixóo por que están deixando pasar o tempo, mentres en países como Alemaña (Angela Merkel con Lufthansa) e Portugal (Antonio Costa coa TAP) están nacionalizando as súas empresas estratéxicas. ALCOA é o suficientemente importante para Galiza como para non deixala caer, polo tanto, compromiso claro do BNG: nacionalización e unha tarifa electrica galega e acabar co escándalo do espolio enerxético”.

“ALCOA é o suficientemente importante para Galiza como para que non a deixen caer e é unha irresponsabilidade o que están facendo o PP e o PSOE que non teñen vontade política para levar adiante unha nacionalización que é legal e posible, a vontade que non teñen eles témola no BNG e traballaremos para non deixar caer o emprego e a produción desta factoría”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG