A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón participou no acto de presentación do candidato á alcaldía de Soutomaior, Manu Lourenzo do que dixo, estou segura será “o próximo alcalde nacionalista, o vindeiro 26M”.
Pontón salientou o traballo do BNG nos últimos catro anos e afirmou que este traballo é “o mellor aval para que a equipa do BNG e Manu Lourenzo, como alcalde, convertan o concello, nun Soutomaior novo”.
Para a portavoz nacionalista, Soutomaior conta con “enormes potencialidades” desaproveitadas por un goberno “tapón e lastre” e o 26 de Maio temos a oportunidade de cambiar de rumbo e comezar a construír un “novo Soutomaior” cun proxecto e equipo con ganas de dar o mellor de cada un e cada unha para conseguir que o concello teña unha grande calidade de vida.
Pontón pediu aos veciños e veciñas de Soutomaior que miraran cara o concello de Pontevedra, un concello gobernado polo BNG que puxo en marcha un proxecto transformador, un proxecto que funciona e sobre todo, un proxecto dirixido a mellorar a calidade de vida das persoas.
O BNG é unha forza política unida e cun liderado forte e se o 26 de Maio concentramos os votos de todas as persoas que queren un cambio en Soutomaior, “Manu Lourenzo será o alcalde” e ao igual que en Pontevedra, traballará dende o concello para poñer en marcha un proxecto transformador. “Temos equipo, temos proxecto e a un magnífico líder, Manu Lourenzo”. Pontón animou aos veciños e veciñas de Soutomaior a iniciar o cambio con Manu Lourenzo como alcalde.
LOURENZO: “O BNG É A ÚNICA ALTERNATIVA PARA UN SOUTOMAIOR NOVO”
Tras destacar a “ilusión, honestidade, preparación e ganas de traballar de todas as persoas que conforman a candidatura do BNG”, o candidato á alcaldía de Soutomaior, Manu Lourenzo afirmou que o BNG é a mellor e única alternativa para acadar un “Soutomaior novo”.
Lourenzo lembrou que nas pasadas eleccións, o “BNG quedou ás portas do goberno pero confiou en que o vindeiro 26 de Maio, a equipa municipal nacionalista poderá poñer en marcha o seu proxecto”. Un proxecto, dixo, que pasa pola “enérxica defensa dos sectores produtivos, a ría, os bancos marisqueiros e sobre todo, vertebrar un concello coas mellores condicións para os nosos veciños e veciñas”. Neste sentido, avanzou que o proxecto do BNG prioriza un novo modelo urbanístico coa humanización das rúas e medidas para dinamizar a economía.
Na súa intervención, o candidato á alcaldía criticou que despois de 24 anos de gobernos da dereita en Soutomaior, “todo está por facer”. Deixaron un concello que “non se pode soster” e os veciños e veciñas coñecen ben as carencias das que falo.
Lourenzo reiterou que a candidatura nacionalista, ten moitas opcións de conseguir “ser a lista máis votada” despois do traballo dos últimos catro anos. Un labor de oposición, explicou, con iniciativas contra o transvasamento do río Verdugo, defendendo a educación, explicando as alegacións ao PXOU polos barrios, reclamando melloras para a sanidade e mentres nós loitabamos ao lado dos nosos veciños e veciñas, “o goberno municipal seguía desaparecido”.
Lourenzo comprometeuse a defender o “novo modelo urbano destinado ás persoas, arranxar as EDAR, recuperar o Camiño de Santiago, aproveitar a rede natura e o espazo natural, mellorar as concesións e o transporte e investir no comercio local, ademais de activar o tecido cultural do concello”.
No acto celebrado no centro Multiusos de Arcade, (Soutomaior), tamén interviron: A concelleira do BNG, Rosario Bouzón e Diego Moreira, responsable Local do BNG.