galegas 2024

Ana Pontón: “Tras 43 anos é hora de ter unha presidenta e que comigo entren pola porta da Xunta todas as mulleres”

Encontro mulleres
Encontro mulleres

Pide ás galegas que o domingo acudan masivamente a votar BNG para construír a Galiza en igualdade que reclaman as mulleres e a inmensa maioría dos homes

Comprométese a facilitar a conciliación con máis prazas públicas en escolas infantís e máis axudas do SAF, canguros a domicilio e redución da xornada laboral

O Goberno do BNG  traballará pola igualdade “os 365 días do ano” e  destinará o  1 % do orzamento, en torno a 110 millóns de euros, á loita contra violencia machista

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, apelou este xoves á forza das mulleres para ser o “motor do cambio” e poñer en marcha “un futuro en igualdade plena” da man dun Goberno liderado polo BNG e da primeira presidenta de Galiza. “Tras 43 anos é hora de ter unha presidenta e que comigo entren pola porta da Xunta todas as mulleres”, proclamou.

“Se o domingo as mulleres votamos masivamente polo cambio concentrando o voto na papeleta do BNG imos ter presidenta e comigo entrará pola porta da Xunta todas as mulleres e todos os homes que camiñan ao noso carón pola igualdade, que son a maioría”, subliñou nun encontro cunha ampla representación de mulleres celebrado en Santiago, no que interviñeron tamén a candidata Noa Presas e a alcaldesa Goretti Sanmartín.  

Pontón asegurou que “o cambio está ás portas” e por iso fixo unha chamada para que as  mulleres sexan a forza dese cambio que xa e imparable, facendo historia coa primeira presidenta de Galiza. “Eu non quero facer historia por min, senón por todas e para todas”, agregou, comprometéndose a   “deixarse a pel” por construír unha Galiza na que as mulleres podan ser “libres e iguais”.

O goberno feminista que presidirá Pontón traballará “os 365 días do ano” para que as mulleres teñan as mesmas oportunidades, para loitar contra a violencia machista, acabar coa fenda de xénero ou poñer fin “á precariedade que sofren moitas mulleres con soldos que non son decentes”, asegurou, aludindo á folga das traballadoras da limpeza de Lugo “que levan máis de cen días reclamando un salario digno”.

“A igualdade non pode ser só un lazo lila que poñerse na solapa cada 8 de marzo”, advertiu para, máis unha vez, pedir o voto ao Bloque como a forza que representa ás mulleres e homes que queren “poñer o turbo da igualdade” tras quince anos do PP, que suprimiu puntos de información ás mulleres e o Servizo Galego de Igualdade, recuperou concertos con centros que segregan ao alumnado por sexo, financiou con cartos públicos unha rede antiabortista vinculada ao Opus Dei, recortou as axudas ás vítimas da violencia de xénero “nos momentos máis duros” ou votou en contra da creación de xulgados específicos contra a violencia machista en Galiza.

Pontón, que como presidenta asumirá as competencias en igualdade, aproveitou o encontro coas mulleres para avanzar as principais medidas que o “Goberno da igualdade” do BNG vai poñer en marcha nesta materia e que se marcará como un dos seus obxectivos prioritarios destinar o 1% do orzamento , en torno a 110 millóns de euros, a combater a violencia machista.

Encontro mulleres
Encontro mulleres

Tras facer insistir en que as mulleres non poden seguir cargando coa falta dunha estrutura pública que coide ás persoas, avanzou un paquete de medidas para promover a corresponsabilidade e que a conciliación non sexa unha carreira de obstáculos para as mulleres.  Para iso co BNG na Xunta haberá un servizo público de canguros a domicilio, para crianzas de 4 meses a 12 anos, dirixido a cubrir necesidades de natureza extraordinaria, como pode ser que un neno ou nena teña que quedar na casa por enfermidade e os seus país traballen.

No que se refire á conciliación, adiantou tamén a ampliación da rede de escolas infantís públicas “porque a gratuidade está moi ben, pero pouco importa           que sexan prazas gratuítas se despois esas prazas non existen ou non son suficientes para atender a todas as crianzas”. En Galiza hai 63.400 nenos e nenas menores de 3 anos, pero só 11.217 prazas públicas, o que supón menos do 18 % da demanda. Se se suma a oferta privada, a cobertura chega só a metade da poboación.

Para axudar a conciliar ás persoas, maioritariamente mulleres, que teñen ao seu coidado a maiores, o programa de goberno do BNG aumentará en 86 millóns de euros o servizo de axuda no fogar (SAF). A redución da xornada laboral a 35 horas semanais é outra das propostas do BNG para facilitar ao conxunto dos traballadores e traballadoras a conciliación da vida laboral e persoal.   

Co BNG na Xunta haberá unha Valedoría da Igualdade, como órgano de defensa cidadá perante situacións de discriminación, directa ou indirecta, por razón de xénero. Tamén se creará o Instituto Galego das Mulleres como un organismo público que promova e fortaleza as políticas de igualdade de forma transversal en todos os ámbitos da vida social, económica e cultural.

Igualdade e condicións dignas no traballo  

Como presidenta, Pontón encargará unha auditoría sobre a situación das mulleres nas contratacións públicas sufragadas total ou parcialmente pola Xunta de cara a asegurar o cumprimento dos convenios colectivos e a lexislación vixente. O executivo do BNG estará especialmente vixiante no caso de sectores especialmente sensibles, como o da limpeza.

O apoio ás familias monoparentais será outra das pezas na política de igualdade dun goberno presidido por Pontón, que impulsará a Lei de Igualdade no Deporte, incluíndo a creación dunha comisión para a protección das deportistas sobre os ataques machistas e lgtbfóbicos.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG