Parlamento Europeo

Ana Miranda e Younous Omarjee instan aos gobernos a realizar un reparto equitativo dos fondos europeos

Visita Adegas
Visita Adegas

A eurodeputada do BNG e o presidente da Comisión de política de cohesión defenderon o uso de criterios obxectivos para facer un reparto equitativo dos fondos

A axenda de traballo organizada polo BNG no Parlamento Europeo para o presidente da Comisión de Política Rexional da Eurocámara, Younous Omarjee, continuou hoxe na Ribeira Sacra e Monforte, onde visitou o conxunto de adegas tradicionais de Vilachá xunto a eurodeputada Ana Miranda, a responsable comarcal de Lugo-Sur, Rosana Prieto, o alcalde da Pobra de Brollón, Xosé Luis Maceda, e o tenente de alcalde de Quiroga, Xosé Manuel Fernández.

A dificultade no acceso a fondos europeos e a discriminación tanto no reparto destes fondos como respecto ás infraestruturas, así como o problema do despoboamento e a emigracións foron algúns dos temas tratados na xornada de traballo, “xornada consecuencia dunha visita que fixo a Bruxelas unha delegación da comarca de Lugo Sur, na que se lle trasladou á Comisión Europea os problemas específicos que ten esta comarca e as dificultades para vivir na terra”, explicou Ana Miranda, quen sinalou asemade que nesa visita en Bruxelas, o presidente da Comisión de Política Rexional da Eurocámara comprometeuse a visitar Galiza.

“Lugo Sur tamén é Europa, pero non está nas mesmas condicións que o resto de Europa, e por iso criamos que era importante que vira no terreo a situación demográfica, a situación de despoboamento”, manifestou a eurodeputada nacionalista, quen salientou que desde Bruxelas o BNG “seguiremos demandando que os concellos de menos de 2.000 habitantes teñan acceso aos fondos europeos e que teñan acceso en igualdade”.

Neste sentido Miranda reclamou que a Xunta de Galiza non faga un reparto arbitrario dos fondos europeos “como están facendo, ás veces en proxectos que non son necesarios” e incidiu na necesidade de apoiar a produción ecolóxica e protexer a produción vitivinícola “que é de alto risco e que traballan en condicións de moita dificultade”. Ademais, expresou o compromiso do BNG de levar os temas importantes de Lugo Sur a Bruxelas e que a Comisión Europea “saiba que en Galiza temos un goberno que está discriminando a unhas comarcas galegas e, sobre todo, aos concellos do BNG”, xa que non atende a criterios obxectivos, como o de despoboamento e a dispersión.

A periferia dentro da periferia

Pola súa banda, Younous Omarjee destacou que é a primeira vez que un presidente dunha Comisión do Parlamento Europeo visite Galiza percorrendo diversas comarcas, desde a Costa da Morte á Ribeira Sacra, pasando por Santiago de Compostela. Comentou que decidiu facer esta viaxe (previamente a participar nun acto da presidencia española da UE que terá lugar en Murcia) para coñecer de primeira man os problemas dun territorio que presenta problemas de discriminación e de xestión dos fondos de cohesión. Ao respecto sinalou que en moitos sentidos, pódese falar de algunhas comarcas galegas como “a periferia dentro da periferia”.

“Non veño aquí para dicir que ben o fai a Comisión Europea, senón para ver por que non se reciben os fondos europeos”, salientou Omarjee, quen asegurou que as discriminacións que sufre Galiza non parten da Unión Europea, xa que o acceso aos fondos é decidido en virtude duns criterios obxectivos. Segundo sinalou o problema radica en se o reparto dos fondos é equitativo ou non.

Neste sentido recalcou que os fondos europeos pertencen aos contribuíntes europeos que pagan os seus impostos, polo que instou aos distintos gobernos a realizar un reparto equitativo dos fondos, porque “hai posibilidade de facer as cousas mellor”, polo que aos concellos que sofren discriminacións convídaos a denunciar. Ao respecto mencionou que a cuestión demográfica é un dos principais criterios a ter en conta, debido ao grave problema de despoboamento, así como evitar a emigración e a fuga de talento, xa que puido comprobar que é un dos problemas que se producen en Galiza.

Por outro lado, no Día das Linguas Minorizadas, que se conmemora hoxe, destacou a importancia de defender a riqueza cultural e lingüística da Unión Europea, en referencia a loita en Bruxelas polo recoñecemento das linguas oficiais como o galego.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG